Scolopax

xénero de aves

Scolopax é un xénero de aves da orde dos caradriformes, suborde dos escolopacios, o tipo da familia dos escolopácidos e da subfamilia dos escolopacios.

Taxonomía

Descrición

O xénero foi creado en 1758 por Linneo na 10ª edición do seu Systema Naturae.[1][2]

Etimoloxía

O nome científico Scolopax tirouno Linneo do latín vulgar scolopax, derivado do grego antigo ασκαλωπας ou ασκαλοπας, askalōpas ou askalopas, "arcea".[3]

Sinónimos

Ademais de polo nome actualmente válido, o xénero coñeceuse tamén polos sinónimos:[2]

  • Philohela G.R.Gray, 1841
  • Scoloponica Vieillot, 1816
  • Scopolax Linnaeus, 1766

Especies

Na actualidade recoñécense, segundo o GBIF, as seguintes especies:[2]

  • Scolopax aegocephala Linnaeus, 1758
  • Scolopax brachycarpa Takano & Steadman, 2015
  • Scolopax bukidnonensis Kennedy, Fisher, Harrap, Diesmos & Manamtam, 2001
  • Scolopax celebensis Riley, 1921
  • Scolopax hutchensi Emslie, 1998
  • Scolopax minor Gmelin, 1789
  • Scolopax mira Hartert, 1916
  • Scolopax rochussenii Schlegel, 1866
  • Scolopax rosenbergii Schlegel, 1871
  • Scolopax rusticola Linnaeus, 1758
  • Scolopax saturata Horsfield, 1821

Nota taxonómica

A taxonomía do xénero está a ser moi discutuida e moitos autores consideran menos especies. Por exemplo, J. L. Peters admitía en 1934 oito,[4] pero bate o récord o WoRMS, que só considera válidas dúas:[5]

Características e ecoloxía

Scolopax minor escondida na herba.

As especies de Scolopax teñen o corpo rexo, críptico, coa plumaxe parda e amourada e o pico longo e esvelto. Os seus ollos están situados aos lados da cabeza, o que lles permite unha visión de 360°.[6] A diferenza da maioría das aves, a punta da mandíbula superior do pico é flexíbel.[7][8][9]

Estas especies son aves dos bosques. Aliméntanse pola noiteoite, buscando invertebrados en terreos brandos cos seus longos picos. Este hábito e a súa discreta plumaxe dificulta a súa observación cando descansan durante o día.[7][9][10]

O abano de hábitos reprodutivos de Scolopax rusticola esténdese desde o oeste de Irlanda cara ao leste, por Europa e Asia, preferindo principalmente as rexións de bosque boreal incluíndo o norte do Xapón, e tamén os límites setentrionais da zona arbórea en Noruega. Continuando cara ao sur até os Pireneos e os límites norte de España. Atopáronse niños en Córsega e hai tres centros de reprodución illados no Atlántico nos Azores, Madeira e as Illas Canarias. En Asia os sitios de reprodución pódense ver tan ao sur como Caxemira e o Himalaia.

Evolución

Só dúas especies de Scolopax están moi espalladas, as outras son endémicas de illas moi localizadas. A maioría encóntranse no hemisferio norte, pero algunhass atópanse nas Illas maiores da Sonda, na Wallacea e en Nova Guinea. Os seus parentes máis próximos son as becadas e becacinas do xénero Gallinago.[7][11] Como ocorre con moitos outros xéneros de limícolas, as liñaxes de Gallinago e Scolopax probabelmente diverxeron ao redor do Eoceno, hai uns 55,8-33,9 millóns de anos, aínda que o xénero Scolopax só se coñece desde finais do Plioceno.[12]

Sábese que as especies de becadas experimentan unha rápida especiación nas cadeas de illas, sendo os exemplos existentes a Scolopax mira nas illas Ryukyu e varias especies de becadas nas illas de Indonesia, Filipinas e Nova Guinea. Evidencias subfósiles indican a presenza doutra radiación de especies de becadas nas Antillas Maiores; estas becadas do Caribe poden estar máis relacionadas coas especies do Vello Mundo que coas do Novo Mundo, e probablemente foron eliminadas pola incursión humana na rexión.[13]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas