Software privativo

programa informático baixo unha licenza que restrinxe o seu uso, estudo ou redistribución

O software privativo ou software propietario[1][2][3][4][5] é todo o software que non ten o seu código fonte accesible dunha forma libre, sen restricións, porque o desenvolvedor, ou unha persoa física ou xurídica, retén a propiedade intelectual deste[2][5][6] ou incluso os dereitos de patentes[7].

O software privativo pódese distribuír tanto dun xeito gratuíto como comercial.[2][7] Porén, o usuario final só ten a posibilidade de executar un binario baixo certas condicións que establece o desenvolvedor ou distribuidor.[2][7] Esas condicións non cumpren algún dos catro principios que indica o manifesto de software libre: ou ben o desenvolvedor establece en que casos se pode usar ese software, ou non ofrece o código fonte ou non permite a modificación e adaptación del por parte do usuario.[2][3][4][8][9] Esas limitacións poden ser tanto para a totalidade do software como para unha parte deste.[2] Con isto, o software privativo é o antónimo de software libre segundo o manifesto da Free Software Foundation (FSF).[8][9]

Historia

Investigadores do Comité nacional de apoio á aeronáutica (NACA), Estados Unidos, usando un IBM 704 para o procesamento de datos en 1957.

Ata o final dos anos 1960 as supercomputadoras e os centros de datos, como os de IBM, eran grandes e caros. Os servizos do seu uso eran por préstamo ou arrendamento, máis que por venda.[10][11] Nos laboratorios Bell, Ken Thompson e Dennis Ritchie comezaron na década dos 1970 o desenvolvemento de UNIX. UNIX distribuíano ofrecendo o código fonte do sistema operativo ou das aplicacións, e os usuarios (que eran universidades, institutos de investigación...) editábano segundo as súas necesidades.[12] Os fabricantes facilitaban tanto o servizo como o software que tiñan dispoñible para eses equipos ata finais da década de 1960. Cando se distribuían computadores polo xeral xa se proporcionaba o código fonte do software que precisaban. Os usuarios acostumaban a desenvolver software e distribuírllo a demais colaboradores sen ningún tipo de custo.[13] Nesa década interesáballes manter unha liña de estandarización do software que empregaban, polo que era común compartir o código fonte en revistas como a Creative Computing ou Byte.

En 1969 IBM atopouse con causas xudiciais abertas por monopolio no seu sector. A súa reacción ante iso foi liderar un cambio na industria e a cobrar por separado o software que se distribuía cos computadores e os servizos prestados,[14][15] separando hardware e software.[16] Con iso diferenciáronse ambos elementos por primeira vez na industria de servidores, e considerouse o software como un produto comercial.

A carta aberta de Bill Gates de xaneiro de 1976 para os afeccionados, publicada na revista "Homebrew Computer Club Newsletter".

En 1976 Bill Gates denunciou na súa "Carta aberta aos afeccionados" a suposta violación que os afeccionados facían no sector informático. Apuntou en particular aos usuarios do intérprete Altari BASIC de Microsoft e recordoulles que o "roubo" de software supoñíalles unha dificultade para producir "software de calidade".[17] De feito, como dixo Brewster Kahle, a legalidade da distribución do software cambiou nos Estados Unidos pola Lei de Dereitos de Autor de 1976.[18]

En febreiro de 1983 IBM adoptou un modelo de "só código obxecto" para a súa crecente lista de software e deixou de enviar o seu código fonte a canda os pedidos.[19][20]

Nos Estados Unidos no 1983 aceptouse que o software binario estivese suxeito a dereitos de autoría. Iso foi resultado dun conflito lexislativo entre as compañías Apple e Franklin[21] que o resolveu dese xeito. Antes só o código fonte estaba suxeito aos dereitos de autoría.[22] Ademais a crecente facilidade de conseguir computadoras baseadas na mesma arquitectura de microprocesador permitiu o nacemento dun mercado grande no que se podía introducir o software distribuído como binario, sen que se precisase levar código asociado.[22]

Definicións

Os termos de software propietario ou privativo poden expresar diferentes conceptos[2] e cabe diferencialos de software privado.

Segundo a FSF, o software privado ou personalizado é aquel que unha persoa desenvolve máis non comparte, nin en forma de código fonte nin como binario.[2] Nese caso non incumpre os preceptos do manifesto do software libre e non é "software privado" ou "privativo".[2]

O software privativo ou propietario é aquel no que, ben se distribúa con fins comerciais ou non, as terceiras partes o poden empregar pero baixo as condicións dunha licenza que non permite ou ver o código fonte, ou modificalo ou distribuílo.[2] "Software privativo" ou "propietario" poden entenderse como dous conceptos diferentes.

Software propietario

O termo de ""software propietario" traduciuse do inglés "propietary software". Este termo subliña que hai unha "propiedade ou control en privado" dos dereitos intelectuais, e de cesión de uso, sobre do software. Porén, unha propiedade significa "ter o dereito ou facultade de posuír unha cousa"[23] mais o software é algo inmaterial; e que, co cal, está suxeito a dereitos de autoría e licenzas de uso.[1] Por iso os dereitos de uso se establecen nas licenzas coas que se distribúe o software. Eses dereitos que alí se definen poden tanto limitar o uso do software dalgún xeito como aplicar a definición da FSF (e co cal pasa a ser software libre). O termo inglés intenta expresar a obriga de facer un pagamento para o uso dese software.[1]

Software privativo

Xa que en linguas como o galego[3] ou castelán[1] o termo propietario non reflicte ben se o software ten unha liberdade de uso tal e como a define a FSF, emprégase o termo software privativo.[1]

O termo software privativo comezouno a empregar Richard Stallman en 2003. Fíxoo nas súas conferencias sobre software libre que impartiu en castelán. Segundo Stallman o termo "privativo" significa "que provoca a privación ou a restrición de dereitos ou liberdades". En galego o termo privativo reflicte "pertenza exclusiva" ou "expresa unha causa ou privación de algo".[23] Con iso quixo subliñar cando é que unha licenza de software non cumpre as definicións da FSF de software libre e que polo tanto cando se lle "'priva" aos usuarios de todas ou dalgunha das súas catro liberdades.[24][25] A FSF emprega, como sinónimo perfecto, o termo "software non libre" para todo o software propietario ou privativo.[26][27][28][29] Aquel software que non cumpre as "Liñas para o software libre de Debian" tamén se pode clasificar, segundo os criterios desa fundación, como privativo.[30]

A OSI é menos restritiva con respecto a esta definición e considera que o software é privativo cando non é de código aberto e non ten asociada algunha das licenzas libres que considera aceptables, e que ben poden ser permisivas (como a MIT) ou estritas (como a GPLv3).[31]

Fundamentos lexislativos

Marco legal

A maior parte do software está cuberto por dereitos de autoría, ou copyright. Dependendo do marco xurídico de cada estado, os dereitos de autoría xunto coas leis de contratos, as patentes de software ou os segredos comerciais sentan a base da lexislación que permite que o propietario obteña os dereitos de explotación exclusivos.[32]

Os vendedores de software definen os termos de uso específicos nun "contrato de licenza para o usuario final" (EULA). O usuario pode aceptar ou non ese contrato escrito, que polo xeral se fai aceptando nunha xanela durante o proceso de instalación (un "clickwrap") ou cun texto que acompaña ao software no arquivo de instalación (ou "licenza asociada"). Os termos da licenza non adoitan ser negociables e só teñen un formato único.[33]

As patentes de software outórganlle a exclusividade de explotación aos propietarios dos algoritmos da aplicación, as características que fan particular a ese software ou outras características que a lexislación de cada estado permita patentar.[34] Algunhas veces os provedores garántenlle aos usuarios os dereitos de patente dentro do contrato que supón a aceptación da licenza. Por outra banda, o código fonte do software é polo xeral tratado como un "segredo comercial".[34]

Nalgúns casos o software ponse a disposición dos usuarios con menos restricións, e así o especifican na licenza. Poden ser gratuítos ou ben de "licenzas de código aberto", que permiten acceder a código ou a modificalo pero distribuílo baixo condicións definidas que non cumpren as definicións de "libre" da OSI e/ou da FSF.

Limitacións

Os contratos de licenza que o software pode incluír non prevalecen sobre das leis estatais de dereitos de autor ou as leis de contratos. De feito as licenzas dese software poden estar a incumprir a lexislación dun estado, e consecuentemente, non ser aplicables nin efectivas.[35]

Nalgunhas lexislacións, como a dos Estados Unidos, dáse o caso de que se pode rexistrar software e obter a licenza de explotación sen que iso lles obrigue a liberar ese software ao mercado. Que se dea esa situación é porque hai a vontade de quererse adiantar no rexistro de marcas ou ideas nese marco legal, e asegurar a posibilidade dunha explotación comercial posterior.[36]

Críticas

O software privativo restrinxe ou limita as posibilidades de uso do software e tamén a contratación de servizos para ese software. Pola contra o software libre permite que existan varios distribuidores ou comerciais para o mesmo software. Por iso, tense argumentado que no caso do software libre asínase un contrato equitativo entre as partes e que as súas condicións de uso favorecen a produtividade.[37] Na filosofía do proxecto GNU, a instalación de software privativo considérase "inmoral".[2] O seu fundador, Richard Stallman, sinalou en varias ocasións que cando unha persoa adquire software privativo inmediatamente entra nel o seguinte dilema ético[38]:

"se quen posúe a aplicación lla mostra a un amigo ou amiga, e el ou ela llo piden prestado para copialo, ou se é un bo cliente ou mal amigo - por non compartilo con el ou ela - ou un bo amigo e polo tanto un mal cliente, e nalgúns casos se ve perseguido pola lei polo feito de prestar o seu software".

.

Inda que establezan sistemas de pagamento para obter copias dos instaladores, é común atopar copias ilegais para a instalación de software privativo. Arguméntase que iso é unha estratexia comercial das propias empresas produtoras para facilitar que o seu software se popularice.[39][40] Xa que o software privativo emprega por costume formatos de ficheiros non estándar (que non adoitan ter soporte de comisións internacionais, como a ISO) e que non permiten que se inclúa un xestor dese formato noutras aplicacións, poden supoñer o risco de perda de datos e de información. Tamén pode dificultar a migración total dos usuarios dese software a outras aplicacións similares.[40] O uso deses formatos é unha estratexia comercial para que os usuarios non cambien a outra aplicación.[40] O uso de software privativo pode significar tamén unha maior posibilidade de perder o soporte técnico. Nos caso de perda de rendibilidade na comercialización ou outras decisións por cuestións comerciais, os desenvolvedores (ou a compañía que explota o produto) pode deixar de ofrecer o servizo de desenvolvemento e de mantemento do produto.[40] Unha vez acontece, non hai entidades que ofrezan os servizos de soporte e mantemento nos equipos con ese software.[40]

Dadas as características do software privativo os usuarios finais non teñen acceso ao contido completo, ou con total liberdade de uso, como para comprobar os erros e corrixilos ou detectar código que supoña un risco de privacidade ou abuso dos dereitos do usuario.[41][42] Ademais, os distribuidores de hardware en múltiples ocasións comercialízano distribuíndo librerías de soporte que teñen unha licenza privativa. Iso limita o aproveitamento do hardware e crea unha dependencia co software do distribuidor.[43]

Adóitase resaltar a facilidade de uso e a calidade das interfaces gráficas do software privativo. Porén esa apreciación pode ser só porque aos usuarios lles custa migrar a unha nova aplicación e ter que aprender unha nova interface gráfica. Co iso, esa apreciación débese máis ao deseño da interface do software e non ao tipo de licenzas que teña a aplicación.[44]

A contra do software libre, o privativo limita a colaboración entre usuarios co que pode restrinxir o fomento do coñecemento.[45][46] Pode supoñer unha duplicidade no gasto das administracións e ser de maior custo que as alternativas de software libre.[39][46] No caso da ciencia, o uso de software privativo (e non liberar o código fonte empregado con el, ou facelo pero nun formato pechado) impide revisar a metodoloxía que se empregou para obter os resultados. Por exemplo, así descoñécense os algoritmos ou a forma de procesamento de datos que se empregou de facto. Iso pode derivar en erros innecesarios nas conclusións dos estudos.[40][47][48][49] Tamén impide revisar ou os métodos e comprobar a veracidade dos resultados[40][49] e repetilo cos mesmos ou distintos datos e verificar as conclusións. O emprego de software libre evita esa dependencia do provedor de software privativo, xa que facilita a colaboración entre investigadores, mellora a facilidade de compartición de información e supón unha rebaixa dos custos necesarios para a investigación.[50]

Exemplos

Entre os exemplos de software privativo máis usado ou popular están os sistemas operativos Microsoft Windows e macOS (antes Mac OS X e OS X), o engadido Adobe Flash Player, o compresor de ficheiros WinRAR, o visor de documentos Adobe Acrobat DC, a suite ofimática Microsoft Office Suite os editores gráficos como Adobe Photoshop e Adobe Illustrator CC, os navegadores web Google Chrome e Opera, a aplicación de mensaxería instantánea Skype, o reprodutor musical iTunes, o xestor de tarefas e notas Evernote ou o xestor de bitorrent µTorrent. No caso dos xogos, está o software que leva a canda si a PlayStation 3. Son privativos tamén as versións de Oracle de Java.

Nalgúns casos o software privativo incorpora "fontes mesturadas": código fonte con licenzas libres e outro con licenzas privativas.[51] Google Chrome é outro caso diso. Inda que os eu desenvolvemento é aberto e se libera como Chromium, a versión final de Google inclúe partes con licenzas privativas, como son o sistema de actualizacións automático ou engadidos para outros formatos de vídeo.[52] Case todas as distribucións de UNIX son de código mesturado, tanto con licenzas libres como privativas. Conta con compoñentes libres como Sendmail ou o X Window System pero un kernel con licenza pechada.[53][54]

Algúns paquetes de software libéranse baixo diferentes licenzas e condicións. Uns exemplos son MySQL, Sendmail e ssh. Os que posúen os dereitos de autor e fan esas obras libres, ou copyleft con distribución gratuíta, poden indicar dúas licenzas (licenza dual) para as obras, que lle permiten a eles ou a outros distribuílos con licenzas privativas. Iso permíteno as licenzas de software libre non-copyleft, isto é, o software que se distribúe con licenzas libres permisivas (como a licenza MIT ou BSD) ou se liberan ao dominio público.[55][56]

Segundo a FSF o software libre que depende do software propietario dise que está "atrapado" ou "vetado". Iso inclúe aquel software que se desenvolve para un sistema operativo privativo, como por exemplo, para Windows,[57] ou que só se pode iniciar nunha plataforma privativa como Java.[58]

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

🔥 Top keywords: