Tenebrio molitor

especie de insecto

O Tenebrio molitor ou escaravello da fariña,[1] tamén chamado bicho da fariña,[1] tenebrio amarelo[1] ou tenebrio común,[1] é unha especie de escaravello tenebriónido. Como todos os insectos holometábolos, pasa por catro estadios vitais: ovo, larva, pupa e adulto. As larvas miden tipicamente uns 2,5 cm ou máis, mentres que os adultos están xeralmente entre 1,25 e 1,8 cm de lonxitude. É unha praga dos grans de cereais almacenados e da fariña, de aí o seu nome (pero o Tribolium castaneum, outro tenebriónido, de cor vermella, tamén é outro escaravello da fariña). A larva é comestible.

Larvas do escaravello da fariña (Tenebrio molitor) ilustradas por Des Helmore

Reprodución

Larvas de Tenebrio molitor comendo un cacho de mazá

O escaravello da fariña reprodúcese moi prolificamente. Os machos insiren paquetes de esperma cos seus edefagos na femias, as cales en poucos días escavan no chan brando e poñen alí os ovos. Durante a súa vida a femia poñerá como media uns 500 ovos.[2] Pasados de 4 a 19 días fan eclosión os ovos.[2] Durante o seu estado larvario aliméntanse de vexetación e insectos mortos e mudan entre cada estadio larvario ou ínstar (pasan por de 9 ao 20 ínstares). Despois da muda final pupan. A pupa nova é abrancazada e vaise poñendo marrón co tempo. Despois de 3 a 30 días, dependendo das condicións ambientais, como a temperatura, emerxe como escaravello adulto.[2]

Feromonas sexuais

Identificouse unha feromona liberada polo macho.[3] A endogamia reduce o atractivo das feromonas sexuais.[4] As femias son máis atraídas cara a cheiros producidos polos machos non emparentados que polos emparentados. A restrición da capacidade de sinalización do macho pode deberse á expresión de alelos homocigotos recesivos deletéreos causada pola endogamia.[5]

Relacións cos humanos

Como praga

Xeralmente considéranse pragas, porque se alimentan de grans de cereais almacenados. Probablemente se orixinaron na rexión mediterránea, mais agora están presentes en todo o mundo como resultado do comercio humano e a colonización. Os rexistros arqueolóxicos destes escaravellos poden remontarse ata a Idade de Bronce en Turquía. Están ausentes dos rexistros arqueolóxicos do antigo Exipto.[6]

Como alimento de animais

Os escaravellos da fariña utilízanse como alimento para animais de compañía e para réptiles, peixes e aves en catividade. Tamén se usan como alimento para paxaros silvestres en alimentadores para paxaros, especialmente durante a esación de aniñamento. Son útiles polo seu alto contido en proteinas. Tamén se usan como isco para pescar.[7]

Poden atoparse á venda en contedores con farelo ou avea. Os criadores comerciais incorporan unha hormona xuvenil no proceso de alimentación para mantelo en estado larvario e conseguir que cheguen a lonxitudes de 2 cm ou máis.[8]

Como alimento humano

Unha cunca con larvas de escaravello da fariña

As súas larvas son insectos comestibles para os humanos, e procesados en diversos produtos de comidas feitas de insectos e poden venderse incorporados a hamburguesas, por exemplo.[9]

A larva foi historicamente comida en países asiáticos, especialmente no Sueste de Asia. Alí, é común atopalos nos mercados e vendidos como comida para tomar pola rúa, xunto con outros insectos comestibles. Fritidos ou asados foron comercializados como un aperitivo saudable en tempos recentes, aínda que o seu consumo data de hai séculos.[10]

En maio de 2017 a súa venda como comida foi aprobada en Suíza.[11] En xuño de 2021, as larvas de escaravellos da fariña secas foron autorizadas como alimento novo na Unión Europea,[12] unha vez que a Autoridade de Seguridade Alimentaria Europea estimou que as larvas son seguras para a alimentación humana.[13][14]

As larvas teñen un contido nutritivo significativo.[7] Cada 100 gramos de larvas crúas ten 206 quilocalorías e o contido proteico está entre 14 e 25 gramos.[15] As larvas conteñen niveis de potasio, cobre, sodio, selenio, ferro e cinc que son comparañes ás da carne de tenreira. Conteñen tamén ácidos graxos esenciais como o ácido linoleico. Teñen tamén un maior contido en vitaminas por peso que a tenreira, pero a B12 non está incluída.[15][16]

Poden criarse doadamente en avea fresca, farelo ou gran de trigo, con patacas cortadas, cenorias ou mazás como fonte de humidade. O pouco espazo que cómpre para crialos fai que sexan relevantes para unha produción en masa escalable industrialmente.[17]

Eliminación de lixo

En 2015 descubriuse que os escaravellos da fariña poden degradar o polistireno converténdoo en materia orgánica utilizable a unha velocidade duns 34–39 miligramos ao día. Ademais, non se atopou diferenza entre os escaravellos da fariña alimentados exclusivamente con Styrofoam e os alimentados con comida convencional, durante un experimento dun mes de duración.[18] Os microorganismos dentro do intestino dos escaravellos da fariña son os responsables da degradación do polistireno, e os escaravellos aos que se lles deu o antibiótico xentamicina xa non mostraron signos de poden facer esta degradación.[19] Porén, as colonias illadas de microbios da flora intestinal destes escaravellos demostraron ser menos eficientes na degradación destes produtos que as colonias que vivían dentro do intestino do insecto.[19]

En misións espaciais

Zond 5, unha misión espacial de 1968 levou a bordo estes animais, que foron uns dos primeiros organismos terrestres que viaxaron e orbitaron a Lúa.[20]

Galería

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: