Avea

xénero de plantas

Para obter información da especie normalmente cultivada ver o artigo Avea común

Avea (xénero Avena)

Avena fatua
Clasificación científica
Reino:Plantae
División:Magnoliophyta
Clase:Liliopsida
Orde:Poales
Familia:Poaceae
Subfamilia:Pooideae
Tribo:Aveneae
Xénero:Avena
L.
Especies
Ver texto
Sinonimia
  • Anelytrum Hack.
  • Preissia Opiz[1]

As aveas son plantas pertencentes ao xénero Avena da familia das poáceas,[1] utilizadas como alimento e coma forraxe para o gado. As especies máis cultivadas a nivel mundial son a Avena sativa e mais a Avena byzantina nesta orde. En Galicia, malia terse cultivado dende a antigüidade, non foi dos cereais máis sonados. No país medran especies espontáneas, algunhas daniñas; ademais da avea común (Avena sativa), medra brava a avea bouba, louca ou balloca (Avena fatua).

Malia non ter a importancia no pasado doutros cereais coma o trigo, o orxo ou o millo en Galicia, en Asia Central cultivábase en boa cantidade. As investigacións arqueolóxicas proban o uso da avea na Europa Central xa na Idade de Bronce. Tamén foron atopados grans deste cereal en escavacións exipcias, aínda que o seu cultivo non foi demostrado.

Etimoloxía

O termo galego avea (aveia en portugués) vén do latín: avēna.A plantación de avea recibe o nome de aveal. Chámanlle avea branca ou afreita a aquela de calidade inferior que medra en terreos pobres.

Descrición

Son plantas herbáceas, xeralmente anuais, pertencentes á familia das gramíneas. As raíces son reticulares, potentes e máis abundantes que no resto dos cereais. O talo é groso e recto con pouca resistencia ao encamado ou envorcadura, a lonxitude pode variar de 50 cm a un metro e medio. As follas son planas e alongadas, co limbo estreito e longo de cor verde escura. As flores preséntanse en espigas.

Ten maior resistencia ao frío que o orxo ou o trigo. Seméntase a comezos da primavera, para se colleitar no momento da seitura no verán. É esixente en auga polo seu alto coeficiente de transpiración, porén o exceso pode prexudicala. Pola contra é moi sensíbel á seca, especialmente no período da formación do gran.

Por mor do desenvolvido sistema radicular da avea que é máis fondo, é unha cultura que aproveita mellor os nutrientes do solo, polo que o requirimento de fertilizantes para o seu desenvolvemento é menor que noutras gramíneas.

Nutrición

Son cereais moi nutritivos, que posúen calcio, ferro, proteínas, alén de vitaminas, carbohidratos e fibras. A avea está en evidencia actualmente polo alto poder benéfico da súa fibra solúbel, que está relacionada cun bo funcionamento intestinal, a diminución na absorción de colesterol total e colesteroal LDL e manutención de niveis adecuados dos mesmos. Adoita consumirse coma flocos.

Existen estudos que manifestan que o consumo de avea en diferentes cantidades está asociado ao control da glicemia (azucre no sangue), manutención e diminución do colesterol sanguíneo, control da presión arterial e regulador do tránsito intestinal, evitando o estrinximento.

A fibra solúbel presente na avea, a chamada ß-glucana, é responsábel por parte das vantaxes do consumo da avea, xa que existe a vantaxe nutricional deste alimento. As fibras solúbeis retardan o esvaciamento gástrico, que ten como resultado unha maior saciedade. Elas, tamén, ao entraren en contacto coa auga, forman xeles que tornan o bolo fecal maior e máis viscoso e, con iso, ocorre unha menor absorción de substancias presentes neste bolo, como glicosa e colesterol, debido a unha menor acción de enzimas dixestivas.

As proteínas son de alto valor biolóxico. Ademais é o cereal con maior proporción de graxa vexetal, un 65% de graxas non saturadas e un 35% de ácido linoleico. Tamén contén hidratos de carbono de fácil absorción, ademais de sodio, potasio, calcio, fósforo, magnesio, ferro, cobre, zinc, vitaminas B1, B2, B3, B6 e E.

Cómpre salientar que ten contido en glute, polo que non pode ser utilizada como cereal alternativo para a dieta dos celíacos.

Especies

En Galicia cultívase a avea común (Avena sativa) de talo oco, delgado e alto, no extremo do cal hai unhas ramiñas con espigas moi pequenas que poden ter de dúas a nove flores. Coma especie brava temos a avea bouba ou louca (Avena fatua), semellante á avea común, medra espontaneamente entre os cereais, é anual, de raíz fibrosa, cuns 80 a 120 cm de altura; florece a principios do verán. O gran maila palla serve para alimento do gado.

Aveas cultivadas

A avea común é unha das especies de cereais máis importantes do mundo. As outras especies teñen moi pouca importancia.

  • Avena sativa – Avea común, a verdadeira planta que coñecemos coma avea, de importancia mundial.
  • Avena abyssinica – Avea etíope, unha avea medio brava, reservada ás zonas altas de Etiopía
  • Avena byzantina, avea forraxeira amarela, un cultivo pouco frecuente de oriente Medio.
  • Avena nuda – Avea núa, xogaría o mesmo rol en Europa que a A. abyssinica na Etiopía. Ás veces inclúese na A. sativa, foi moi cultivada en Europe antes de se cultiva a A. sativa. O contido nutricional é aínda mellor que o da avea común, polo que o seu uso incrementouse moito nos últimos anos, especialmente na agricultura ecolóxica.
  • Avena strigosa – Avea negra, cultivada coma forraxe nalgunhas zonas de Europa do Leste e do Brasil.

Aveas bravas

As especies a seguir, chamadas aveas bravas ou silvestres, son herbas que acostuman medrar entre os cereais polo que se consideran malas herbas. O problema é que ao seren especies achegadas ás especies cultivadas non é posíbel o tratamento químico (herbicidas), pois podería danar o cultivo.

  • Avena barbata – Avea brava canaria (Slender Wild Oat). Orixinaria das Illas Canarias.
  • Avena brevis – Avea curta.
  • Avena fatuaAvea louca ou bouba.
  • Avena maroccana – Avea do Marroco.
  • Avena occidentalis – Avea occidental.
  • Avena pubescens – Avea suave (Downy Oat-grass).
  • Avena pratensis – Avea de prado (Meadow Oat-grass)
  • Avena spicata – Avea pobre (Poverty Oat-grass).
  • Avena sterilis – Avea bouba de inverno.

Etnoloxía

Moi usada no pasado polas súas propiedades nutritivas, especialmente dábaselle aos enfermos en xeito de tortas chamadas: afreitas[2].

Refraneiro

Refírese ás súas propiedades nutritivas:

  • Mais val comer pan de avèa ca ir à arca allèa.
  • O cura das malas avèas polas suas mide as allèas.
  • O que ten pan d'avea, non vai à arca allea
  • Pan de avea peneira chea.
  • O que tèn avea, non pasa sen cea.[2]

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: