Terra nullius

territorio que nunca foi sometido á soberanía de ningún estado

Terra nullius (plural terrae nullius) é unha expresión latina proveniente do Dereito romano que significa "terra de ninguén" (do mesmo xeito que res nullius fai referencia a unha cousa que non é propiedade de ninguén). Utilízase no ámbito do dereito internacional para denominar un territorio que nunca foi sometido á soberanía dun Estado, ou sobre o cal un Estado renunciou, expresa ou implicitamente, á súa soberanía.[1] A soberanía sobre un territorio declarado terra nullius pode adquirirse por ocupación, aínda que nalgúns casos isto pode supoñer a violación dunha lei ou tratado internacional.[2]

As illas Svalbard foron consideradas terra nullis ata a sinatura do Tratado de Svalbard en 1920.

O sentido actual de terra nullius deriva dunha bula de 1095 titulada Terra Nullius, emitida polo papa Urbano II, pola que se lles permitía aos estados cristiáns europeos reclamar a soberanía de territorios habitados por pobos non cristiáns.[3] Esta concepto utilizouse posteriormente durante a época colonial para reclamar os territorios das colonias como espazos non ocupados e que, por tanto, o Estado conquistador podía ocupar legalmente. Nesa época tamén se utilizou o concepto no ámbito do Dereito privado, para privar os pobos indíxenas dos seus dereitos de propiedade sobre esas terras e permitir a repartición da propiedade entre os colonos.

Reclamacións históricas de terra nullius

  • Australia. Ao longo da súa historia houbo reclamacións de terra nullius, maiormente a partir do século XIX por parte da colonización europea. Este principio foi invocado para xustificar a colonización de Australia por Gran Bretaña e as expropiacións de terras dos pobos aborixes. En 1992, o Tribunal Supremo de Australia invalidou con carácter retroactivo tal argumento e proclamou que Australia non fora nunca un caso de terra nullius.[4][5][6]
  • Svalbard. Este arquipélago foi considerado terra nullius até que se lle recoñeceu internacionalmente a Noruega a súa soberanía no Tratado de Svalbard o 9 de febreiro de 1920. Anteriormente, Escocia, os Países Baixos e o Reino de Dinamarca e Noruega reivindicaran a súa soberanía e tiveran alí asentamentos non permanentes.[7]
  • Groenlandia. Noruega ocupou e reclamou na década de 1920 partes do leste de Groenlandia daquela deshabitadas, alegando que se trataba de terra nullius. O asunto foi resolto polo Tribunal Permanente de Xustiza Internacional contra os intereses de Noruega.
  • Antártida. Desde a primeira metade do século XX varios países reclamaron partes do continente acolléndose ao principio de terra nullius.
  • Atol de Scarborough. Tanto as Filipinas como a República Popular da China e a República da China (Taiwán) reclamaron este illote de arrecife próximo á illa de Luzón, no Mar da China Meridional. As Filipinas alegan os principios de terra nullius e de "zona económica exclusiva", entanto que os outros dous estados argumentan razóns históricas.
  • Nova Zelandia. En 1840, o capitán William Hobson, seguindo instrucións do Goberno británico, declarou a Illa Sur de Nova Zelandia "deshabitada por xente civilizada". Isto cualificaba o territorio como terra nullius e, xa que logo, permitía a súa ocupación por parte de Gran Bretaña
  • Canadá. Joseph Trutch, o primeiro gobernador da Columbia Británica, declarou que os pobos indíxenas coñecidos como Primeiras Nacións nunca posuíran territorios, co que podían ser ignorados ante a expansión europea. Por este motivo, a maior parte da Columbia Británica segue a ser aínda "territorio non cedido".[8]
  • Illas de Guano. A Lei federal estadounidense de Illas de Guano (Guano Islands Act), do 18 de agosto de 1856, permitía tomar posesión das illas formadas por depósitos de guano, sempre que non estivesen habitadas nin baixo a soberanía doutros estados. A lei tamén facultaba á presidencia dos EUA para utilizar o exército na protección deses intereses.
  • Illas Senkaku. Situado no Mar da China Oriental, é un arquipélago deshabitado reclamado polo Xapón como terra nullius en xaneiro de 1895, a partir da primeira guerra sino-xaponesa. Porén, esta interpretación non foi aceptada pola República Popular da China nin pola República da China (Taiwán), que tamén reclaman a súa soberanía.
  • Burkina Faso e Níxer. Unha faixa estreita da terra ao longo da fronteira entre estes países permaneceu anos sen ser reclamada por ningún deles. En 2013, o Tribunal Internacional de Xustiza outorgoulle a Níxer esta antiga terra nullius, no marco da solución procurada a outras disputas territoriais de maior calado.[9]
Imaxe da Illa de Clipperton, que foi terra nullis antes de ser ocupada por Francia.
  • Illa Clipperton. A soberanía desta illa en disputa entre Francia e México resolveuse por mediación do rei Vítor Manuel III de Italia. Este determinou en 1931 que a soberanía da illa lle correspondía a Francia "desde o 17 de novembro de 1858". O argumento principal de México foi rexeitado por non poder probar que fose descuberta por España. Ademais, México non a ocupara estabelmente antes de 1858, polo que se trataba de terra nullius cando Francia a ocupou e mantivo habitada con continuidade."[10]
  • Sealand. O Principado de Sealand existe de facto desde 1967 nunha torre de defensa antiaérea do Mar do Norte abandonada pola Royal Navy británica, fóra das súas augas territoriais. Paddy Roy Bates, quen se autonomeou príncipe, reclamou o espazo como terra nullis. Malia rexeitar esta reclamación con base en que a torre é unha estrutura artificial, o Goberno Británico nunca a intentou desaloxar, e determinouse en 1968 que a torre estaba fóra da xurisdición británica.[11]
  • Sáhara Occidental. Ante a comunicación da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, o 16 de outubro de 1975 o Tribunal Internacional de Xustiza matizou que non se pode considerar terra nullius un territorio habitado por tribos ou pobos que teñan unha organización social e política.

Terrae nullius recoñecidas na actualidade

Mapa simplificado que amosa a reclamación de Exipto (amarelo e verde), a do Sudán (azul e verde) e Bir Tawil (branco)
  • Bir Tawil. Situado entre Exipto e Sudán, é un territorio de 2.060 km² resultado dunha discrepancia entre as fronteiras deseñadas en 1899 e en 1902. Unha fronteira colocou Bir Tawil baixo o control do Sudán e o Triángulo de Hala'ib baixo control exipcio, entanto que a outra fronteira o fixo ao revés. Ambos os países reclaman a fronteira que lles outorgaba o Triángulo de Hala'ib, significativamente máis grande e lindante ao Mar Vermello, co efecto de que Bir Tawil non é reclamado por ningunha das dúas nacións. A zona, que carece de poboación autóctona, está baixo o control de facto de Exipto, aínda que non figura nos seus mapas oficiais.[12] Bir Tawil non ten unha poboación establecida, pero a terra é utilizada polos beduínos que percorren a zona.[13] En xuño de 2014, Jeremiah Heaton reclamou que Bir Tawil se considere un novo Estado soberano, o Reino do Sudán do Norte,[14][15][16][17] e mesmo anunciou o estabelecemento de "embaixadas" polo mundo, aínda que ningún goberno recoñeceu este estado.
  • Territorios entre Croacia e Serbia. Como consecuencia da disputa fronteiriza entre estes estados, hai algunhas zonas na ribeira occidental do río Danubio non reclamadas por ningún dos dous. Serbia ten control de facto sobre zonas onde se superpoñen as reclamacións territoriais de ambas, mentres Croacia teno sobre os territorios que ningún dos dous reclama.[18] En 2015, o activista checo Vít Jedlička declarou unilateralmente a República Libre de Liberland, baseada en ideais libertarios, que reclama a zona máis grande en disputa na marxe occidental do Danubio.[19][20][21] Pouco despois, declaráronse tamén o Reino de Enclava e o Principado de Ongal, que reclaman certos territorios na zona.[22][23] O Ministerio de Asuntos Estranxeiros e Europeos de Croacia rexeitou esta reclamación, expondo que as disputas fronteirizas entre Serbia e Croacia non implican terra nullius e non están suxeitas á ocupación por terceiros.[24]
  • Territorios entre Eslovenia e Croacia. Brezovica pri Metliki é unha aldea do sueste de Eslovenia, a uns 50 km de Zagreb, a capital de Croacia. Brezovica Žumberačka é unha localidade croata que está rodeada por dita aldea eslovena. Este enclave aparece formando parte dos mapas do catastro de ambos os Estados, malia diferir lixeiramentenos seus límites. Croacia ten un segundo exclave a 400 metros de Brezovica Žumberačka, rodeado por terreos que non se consideran seus e que tampouco reclaman nin Eslovenia nin Croacia.[25] Xa que logo, estes terreos lindan formalmente con Eslovenia e con terra nullius.
Reclamacións territoriais na Antártida. Amósase en branco a parte occidental non reclamada.
  • Zonas non reclamadas da Antártida. Mentres que varios países reivindicaron partes da Antártida, a maior parte da Terra de Marie Byrd (a parte oriental de 150°W) non foi reclamada por ningunha nación soberana. Coñécense, porén, dúas reclamacións de micronacións sobre este territorio: o Gran Ducado de Westarctica e o Reino de Talossa. Os países que asinaron o Tratado Antártico de 1959 acordaron non facer tales reclamacións, agás a Unión Soviética e os EUA, que reservaron o seu dereito a facelo. A reclamación norueguesa da Terra da Raíña Maud deixou indefinida a fronteira sur, polo que esa parte tamén foi territorio non reclamado.[26] Noruega resolveu esta ambigüidade o 12 de xuño de 2015 cando anexionou formalmente esta zona.[27]
  • Augas internacionais. Os países que asinaron a Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar de 1982 recoñecen as augas internacionais e os fondos mariños internacionais como patrimonio común da humanidade.
  • Corpos astronómicos. Segundo o Tratado do Espazo Exterior de 1967, o espazo exterior, que abrangue a Lúa e outros corpos astronómicos, non son susceptibles de apropiación nacional, nin mediante ocupación nin por ningún outro medio. Para os países que asinaron o tratado, os corpos astronómicos son tratados, de iure, baixo os principios do patrimonio común da humanidade.[28]

Límites da xurisdición e a soberanía nacional

Os principais tratados que definen a soberanía alén dos territorios de terra firme son o Tratado do Espazo Exterior e mais a Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar. Estes tratados confirman a total xurisdición nacional sobre as augas costeiras e sobre a plataforma continental. Existen limitacións que permiten aos buques estranxeiros o dereito de paso e a outros Estados o paso de tubaxes e cables polas augas territoriais, pola zona económica exclusiva e pola superficie da plataforma continental. As entidades actuais que exercitan xurisdición e dereitos de soberanía son:

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Connor, Michael. The invention of terra nullius. Sydney. Macleay Press, 2005.
  • Culhane, Dara. The pleasure of the Crown: Anthropology, Law, and the First Nations. Vancouver. Talon Books, 1998.
  • Lindqvist, Sven. Terra nullius. A Journey through No One's Land. Granta. Londres. 2007.
  • Rowse, Tim. Terra nullius. The Oxford Companion to Australian History. Ed. Graeme Davison, John Hirst & Stuart Macintyre. Oxford University Press. 2001.
🔥 Top keywords: