Xardíns da Mestranza
Os Xardíns da Mestranza, tamén chamados Xardíns da Real Maestranza, son unha zona verde da cidade da Coruña. Situados entre o Paseo Marítimo e a Cidade Vella, ocupan un total de 1,96 hectáreas. Canda diferentes monumentos, coma esculturas, antigos canóns de artillaría e tramos da muralla, nos xardíns localízase a sede do reitorado da Universidade da Coruña.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/64/Jardines_de_la_Real_Maestranza.007_-_A_Coru%C3%B1a.jpg/220px-Jardines_de_la_Real_Maestranza.007_-_A_Coru%C3%B1a.jpg)
Historia
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/93/Xard%C3%ADns_da_Mestranza_e_Paraninfo_da_UDC.jpg/220px-Xard%C3%ADns_da_Mestranza_e_Paraninfo_da_UDC.jpg)
O espazo que ocupan os Xardíns da Mestranza foron de uso militar dende mediados do século XVIII a fins do XX. O rei Fernando VI de España mandou construír a Real Mestranza da Coruña para o obradoiro e almacén de artillaría. As obras do edificio foron comezadas polo enxeñeiro Francisco Llobet en 1752, mais as protestas dos conventos limítrofes (Santa Bárbara, San Domingos e San Francisco) levaron a súa paralización.[1] En 1771, Baltasar Ricaud reformou o edificio orixinal, de planta rectangular para dar lugar ao actual, cunha planta hexagonal irregular cun patio interior con corredores abertos con arcos sobre piares.[2][3] Nas súas inmediacións instaláronse baterías de artillaría coa finalidade de protexer a ría do Burgo e o porto da Coruña.
A finais do século XX, no marco da modernización das forzas armadas de España, a Mestranza da Coruña perdeu a súa finalidade militar e foi desmantelado o cuartel. No 1984, o Concello da Coruña fíxose coa titularidade do espazo e urbanizou esta zona para a creación destes xardíns, o antigo edificio da Real Mestranza quedou restaurado en 1994 para acoller o reitorado da Universidade da Coruña.[1][4]
Os Xardíns da Mestranza foron abertos ao público o día das Letras Galegas de 1993. A principios do século XXI os xardíns foron agrandados ao rematar a restauración do antigo cuartel de Macanaz como sede da Fundación Luis Seoane.[5]
Monumentos
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/1/14/Jardines_de_la_Real_Maestranza.102_-_A_Coru%C3%B1a.jpg/220px-Jardines_de_la_Real_Maestranza.102_-_A_Coru%C3%B1a.jpg)
Ademais de varios tramos da muralla, da escavación da igrexa de San Francisco e do pozo do século XIV do convento dos franciscanos, existen outros monumentos nos Xardíns da Mestranza:
- Canón de artillaría Vickers 152,4/50 Modelo 1923.
- Unha estatua de corpo enteiro sobre pedestal de Diego del Barco, coruñés participante na Guerra de Independencia, obra de Francisco Groeiro Castro do ano 2008.
- Un busto inaugurado en 2006 de José de San Martín, obra de Francisco Groeiro Castro
- Un monólito en agradecemento a Ramón Luis García Barros, obra de Francisco Escudero colocado no 1997.
- Un monólito a Javier Fonte, obra de Francisco Escudero de 1997.
- Un monólito dos veciños da Cidade Vella a Charo, veciña falecida en 1992.
Botánica
As especies arbóreas máis destacadas dos Xardíns da Mestranza son: [6]
- Álamos negros do Canadá (Populus x canadensis Moench)
- Tuias xigantes (Thuja plicata D. Don)
- Malváceas do tipo Lagunaria patersonii (Andrews) G. Don
- Abruñeiros dos xardíns (Prunus cerasifera Ehrh.)
- Piñeiros (Pinus sp)
- Piñeiros mansos (Pinus pinea L.)
- Bidueiros brancos (Betula alba L.)
Galería
- Estatua de Diego del Barco
- Busto de José de San Martín
- Monólito en lembranza de Ramón Luis García Barros
- Vista dos Xardíns co campanario da Venerable Orde Terceira no fondo.
- Canón nos Xardíns
- Monumento en lembraza dunha veciña da Cidade Vella.