Xendive, Boborás

parroquia civil do concello de Boborás

San Mamede de Xendive é unha parroquia do concello de Boborás na comarca do Carballiño, na provincia de Ourense. Sitúase na confluencia do río de Froufe e o río Viñao. Segundo o INE en 2021 tiña 85 habitantes (39 homes e 46 mulleres), 56 menos que en 2011 e 118 menos que en 2001 cando contaba con 203 veciños[2], polo que veu reducida a súa poboación case un 60% en dúas décadas.

Xendive
Igrexa de Xendive.
ConcelloBoborás[1]
ProvinciaOurense
Coordenadas42°28′25″N 8°10′14″O / 42.4736, -8.17058°10′14″O / 42.4736, -8.1705
Poboación85 hab. (2021)
Entidades de poboación5[1]
editar datos en Wikidata ]

A parroquia está conformada por catro núcleos de poboación: Meixe, Nogueira, Pereiras, Porto Pereiras e Xendive, atopándose neste último a igrexa de San Mamede, a única da parroquia.

Xeografía

Localización

Atópase a 8,5 km do Carballiño, vila principal da comarca, e a 30 km da capital provincial. Pola parroquia pasa a estrada N-541 que une as cidades de Ourense e Pontevedra. Xendive está conectada coa parroquia de Parada de Labiote, no concello do Irixo pola OU-0416.

Noroeste: Parada de Labiote e MoreirasNorte: Parada de LabioteNordés: Reádigos
Oeste: Moreiras Este: Xurenzás
Suroeste: MoreirasSur: BruésSueste: Brués e Xurenzás

Relevo

Xendive sitúase no val do Viñao. Os lugares de Pereiras, Porto Pereiras e Xendive están a unha altitude media de 400 metros xunto ao curso fluvial no centro do val. Meixe e Nogueira atópanse a 450 e 500 metros respectivamente na faldra do monte de Coto Molín.

Hidrografía

O principal río é o río Viñao, afluente do río Avia, que discorre de norte a sur deixando as poboacións da parroquia á súa marxe dereita. Tamén pasan polo lugar outros cursos menores que aportan as súas augas ao Viñao, sendo o de maior caudal o regato que ven da parroquia de Froufre, no Irixo, da que recibe o seu nome. Sobre o regato de Froufe sitúase unha ponte de pedra construída a finais século XVIII. [3]

Historia

Os primeiros indicios de ocupación humana da zona remóntanse ao 4000 a.C, época na que se datou a necrópole tumularia de Meixe, escavada a principios do século XX. Neste xacemento arqueolóxico, conformado por tres mámoas, atopáronse restos cerámicos, sendo un deles o vaso de bordo horizontal de Xendive que se atopa no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Nun pergamiño do ano 1249 conservado no arquivo da catedral de Ourense cítase a igrexa de Xendive. O lugar menciónase tamén nunha acta notarial do ano 1484, na que Diego Peres Sarmento cede a favor de Lopo Sanches de Ulloa as freguesías de San Martiño de Cameixa, San Fins de Brués e San Mamede de Xendive.[4]A ponte actual que cruza o regato de Froufe conectando o lugar de Pereiras co resto da parroquia foi construída no ano 1790 substituíndo unha ponte de madeira que cumpría esta función. O mestre canteiro asignado foi Joseph Monteagudo e o custo da obra foi asumido na súa totalidade polo párroco da igrexa. No século XXI a ponte mantense sen maior modificación que a substitución dos peitorís de pedra orixinais por uns metálicos que permiten un maior ancho para facilitar o tráfico.[5][3]

A igrexa parroquial tivo diversas modificacións, a última delas no ano 1819 a mans do mestre de arquitectura José Nieto. [6]Xendive aparece descrita no Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar de Pascual Madoz, publicado no ano 1847. A parroquia estaba conformada por 120 casas e contaba cunha escola que operaba un veciño para os máis cativos. O principal motor económico era a agricultura e existían catro muíños, un batán e teares. Na súa obra, Madoz estima a poboación da parroquia en 450 persoas.[7] No 1896 o Diccionario enciclopédico hispano-americano de literatura, ciencias y artes indica que ten 465 habitantes.[8]

Poboación

Nas últimas décadas Xendive está a sufrir un proceso de despoboación a causa dos baixos nacementos e á migración, maiormente cara ás principais cidades galegas.

Gráfica de evolución demográfica de Xendive, Boborás entre 2000 e 2021
Poboación censada (2000-2021) (INE).[9]

Cultura

As festas de Xendive teñen lugar o sábado máis próximo ao 7 de agosto en honra da Virxe de San Mamede.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias

Lugares de Xendive

Lugares da parroquia de Xendive no concello ourensán de Boborás

Meixe | Nogueira | Pereiras | Porto Pereiras | Xendive

Parroquias de Boborás

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Boborás

Albarellos (San Miguel) |Astureses (San Xulián) | Brués (San Fiz) | Cameixa (San Martiño) | Cardelle (San Silvestre) | Feás (Santo Antón) | Laxas (San Xoán) | Moldes (San Mamede) | Moreiras (Santa Mariña) | Pazos de Arenteiro (San Salvador) | O Regueiro (San Pedro) | Xendive (San Mamede) | Xurenzás (San Pedro) | Xuvencos (Santa María)

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

🔥 Top keywords: