Os Países Cataláns (Països Catalans en catalán) son os territorios nos que a lingua autóctona é o catalán, ou ben os territorios que forman parte dunha unidade xeohistórica, cultural e lingüística[1] de predominio catalán.[2] Son tamén os territorios onde viviron ou viven os falantes de catalán.[3]
Os Países Cataláns non están recoñecidos coma unha entidade política. De feito, atópanse fragmentados en diversas rexións con distintos graos de autonomía política, pertencentes a España, Francia, Italia e Andorra. Hai unha corrente política a cal propón a independencia dos Países Cataláns e a creación dun Estado catalán (ver Independentismo catalán). Algúns independentistas propoñen o uso do termo Cataluña para facer referencia á totalidade dos Países Cataláns, mais esta proposta non se adoptou dun xeito oficial.[Cómpre referencia]
Outras correntes políticas catalanistas usan o termo "Países Cataláns" coma sinónimo de "territorios de fala catalá", sen consideran que teñen que formar unha entidade política independente.[Cómpre referencia]
E hai outras correntes políticas que rexeitan directamente o uso do termo Países Cataláns e calquera proposta de unidade política destes territorios, considerándoos unha imposición de Cataluña sobre os outros territorios. Nos casos máis extremos, hai sectores que negan até a unidade da lingua catalá.[Cómpre referencia]
A lingua propia dos Países Cataláns é o catalán que, informalmente, en moitos lugares ten o nome popular do xentilicio (como rosellonés, tortosí etc.); só no País Valenciano o xentilicio ten recoñecemento oficial: valenciano. Exceptúanse as bisbarras occidentais e meridionais do País Valenciano, onde se fala o castelán, e o Val de Arán e a Fenolleda, onde se fala o occitano. A lingua catalá é a única lingua oficial na Andorra, é oficial (de novo, logo dun longo paréntese, dende 1978) na Cataluña, xunto ao castelán; e tamén é oficial conxuntamente co castelán no País Valenciano e nas Illas Baleares. Non o é, en cambio, nos outros territorios.[Cómpre referencia]
Hai que ter en conta que para definir aos Países Cataláns non se teñen en conta os procesos de castelanización que se deron dende o século XIX até hoxe. Pola contra, acéptanse coma castelás outras zonas que antes eran de lingua catalá, como é o exemplo de Orihuela.[Cómpre referencia]