Día das Letras Galegas

día de exaltación da lingua galega a través da literatura instituído pola Real Academia Galega

O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro.

Celebración no Teatro Principal de Pontevedra, 17/5/2018.

Ata 2024, ano dedicado a Luísa Villalta, 64 autores (6 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 62 edicións do Día das Letras Galegas, posto que en 1998 houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á ría de Vigo).

Historia

Manifestación na defensa da lingua o Día das Letras de 2018, en Compostela.
Manifestación do 17 de maio de 2024.

O 20 de marzo de 1963, tres membros da Real Academia Galega (Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego) presentaron nesta institución a proposta de celebrar o 17 de maio para recoller o "latexo material da actividade intelectual galega". Estimaban que o poemario de Rosalía era a primeira obra mestra da literatura galega contemporánea, é dicir, considerábana a primeira obra do Rexurdimento. Realmente, descoñécese a data real de publicación do libro, pero tomouse ese día pola dedicatoria autógrafa de Rosalía de Castro á tamén escritora Cecilia Böhl de Faber (Fernán Caballero).[1]

Para conmemorar o primeiro Día das letras galegas (DLG) publicouse unha edición crítica de Cantares gallegos, feita por Fermín Bouza-Brey. A festividade tivo un alcance e unha significación extraordinarios, e foi moi ben acollida non só a nivel literario senón tamén nos ambientes populares.

Oficialmente, trátase dun día de carácter festivo en toda Galicia desde 1991.[2][3]

En 2020, por mor da pandemia da COVID-19, a Academia anunciou que por primeira vez nos seus 57 anos de historia o pleno de celebración do Día das Letras non decorrería o 17 de maio, trasladándose no seu lugar ao 31 de outubro, xusto un día despois do 110 aniversario do homenaxeado, Ricardo Carballo Calero.[4] Finalmente, as restricións sanitarias fixeron que o acto se tivese que adiar de novo, até o 12 de decembro[5].

Proceso de escolla

A institución encargada de elixir a figura homenaxeada é a Real Academia Galega.[6] Segundo os seus estatutos, debe ser escollida na primeira reunión despois do Día das Letras Galegas.[6] Os criterios para a súa elección son que "a figura elixida deberá ser autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe".[6] Ademais, deben pasar dez anos dende o seu falecemento e cómpre que a proposta estea asinada por un mínimo de tres académicos.[6]

Algunhas das figuras que foron propostas, mais que non foron escollidas son: Celestino Fernández de la Vega,[7] Antón Tovar,[8] Federico García Lorca e Ánxel Casal,[9] Adolfina Casás Rama, Rosa Casás Rama e Florencio López Fernández (representantes do cancioneiro popular),[10] Fiz Vergara Vilariño,[11] Plácido Castro,[12] Antonio Fernández Morales,[12] Ramón de Valenzuela,[13] Eusebio Lorenzo[14] e Francisco Vales,[13] entre outros.

Galería de imaxes

Homenaxeados

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas