O polbo Paul, nado en 2008 e finado o 26 de outubro de 2010,[1] foi un octópodo empregado como oráculo para predicir os resultados da selección alemá de fútbol en competicións internacionais, concretamente na Eurocopa 2008 e no Mundial de Fútbol 2010. Debido á notable transcendencia nos medios deste cefalópodo xurdiron en certos países algúns nomes cos que se denomina e que fan referencia ás súas supostas facultades divinatorias; así en alemán coñéceselle como das Krakenorakel e en inglés como the psychic octopus, expresións que en lingua galega significan «polbo oráculo» e «polbo psíquico», respectivamente.
A pesar de nacer no Sea Life Center de Weymouth, unha vila do sur de Inglaterra, viviu nas instalacións do Sea Life Centre en Oberhausen, Alemaña. O seu nome foi tomado do título dun poema do escritor alemán de literatura infantil Boy Lornsen, titulado «Der Tintenfisch Paul Oktopus» (A lura Paul, o polbo). Segundo o director de Sea Life, Paul demostrou pronto intelixencia, e afirmou que a súa peculiar forma de mirar aos visitantes levoulles a tentar comprobar o seu talento.
Nalgúns medios difundiuse que Paul escollera o colector correspondente ao equipo visitante en todos os casos.[6] Con todo, para os partidos de Alemaña fronte a Australia e Inglaterra no Mundial 2010, Paul escolleu a Alemaña como gañador, exercendo esta selección como local.
Con todo iso, son varios os que opinan que as predicións realizadas por Paul son consecuencia do azar ou da casualidade. De feito, persoas entendidas no tema consideran que o polbo podería estar influenciado polos seus coidadores de tal maneira que acertase os partidos en función do que estes ditaminasen, pois seres vivos destas características poden ser facilmente manipulables por medio do estado da comida (neste caso bivalvos) aínda que cabe destacar que a capacidade preditiva dos coidadores de ningunha maneira podería cualificarse de infalible.[7]
A estas teorías mencionadas súmaselle a opinión dada por un experto do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC de Vigo, quen estima que o polbo, aínda que non pode distinguir as cores como o resto dos seus conxéneres, podería sentirse atraído polo gran contraste que manifesta a bandeira española, pois a pesar de que non posúe facultades para discernir cores, si que pode distinguir tons e formas. Tamén engade que é probable que o actual polbo Paul non sexa o mesmo que o de hai dous anos, encargado da predición dos partidos da Eurocopa, pois por aquel entón o cefalópodo xa era un ser adulto, e esta clase de animais non adoitan ter unha esperanza de vida superior aos dous ou tres anos.[8]
Durante a disputa da Copa Mundial de Fútbol de Suráfrica, a popularidade de Paul alcanzou niveis extraordinarios, chegando a ser comicamente considerado pola prensa "a estrela do Mundial". O seu alcance chegou mesmo á canle de televisión británicoBBC, onde dous presentadores debateron sobre a nacionalidade do animal, e na norteamericana CNN a noticia dun dos seus veredictos foi incluída entre a información máis relevante. O seu adestrador no acuario de Oberhausen sinalou á prensa que o animal se atopaba baixo constante vixilancia para que non o maten, debido ás antipatías espertadas entre afeccionados de seleccións ás que prexudicaron as súas predicións.
Pola súa banda, a prensa española fíxose eco da gran repercusión do cefalópodo nas redes sociais, asegurando que se converteu nun auténtico fenómeno dos medios, O día 9 de xullo, en que vaticinou o resultado da final do campionato, varias canles de televisión españois retransmitiron en directo a súa elección. O 10 de xullo fíxose público que o termo "Polbo Paul" converteuse no cuarto máis buscado no popular buscador de Internet Yahoo!. En España foi especial a súa transcendencia: durante o campionato, foron postas á venda camisetas coa súa imaxe animando á selección de España, e á súa finalización, foi amplamente utilizado como motivo polos seguidores españois nas celebracións polo título conseguido. O fenómeno dos medios protagonizado por Paul fixo que moitos medios de comunicación considerasen que superou en popularidade á mascota oficial do campionato, o leopardo Zakumi.