Homonacionalismo

asociación entre un tipo de ideoloxía nacionalista e as persoas LGBTI ou os seus dereitos

Homonacionalismo é un termo que describe a asociación favorable entre un tipo de ideoloxía nacionalista e as persoas LGTBI ou os seus dereitos.[1][2][3]

O termo foi orixinalmente proposto pola investigadora en estudos de xénero Jasbir K. Puar para referirse aos procesos polos que certos poderes se aliñan coas reivindicacións do colectivo LGTBI co fin de xustificar posicións racistas, xenófobas e aporófobas, especialmente en contra do islam, apoiándoas sobre os prexuízos de que as persoas migrantes han de ser forzosamente homófobas e de que a sociedade occidental é completamente igualitaria.[1][2][4][5][6][7][8][9] Desta forma, faise uso da diversidade sexual e os dereitos LGBT para soster posturas en contra da inmigración, sendo cada vez máis común entre partidos de ultradereita.[10][11][12]

As principais críticas a este fenómeno céntranse no uso parcial e sectario que se fai do movemento LGTB para amparar fins baseados na intolerancia, obviando a propia homofobia e a falta dunha igualdade real na sociedade occidental no seu conxunto.[13][14] Esta falsa idea de igualdade adóitase representar simbolicamente polo acceso ao matrimonio igualitario, heteronormalizando as relacións entre as persoas do colectivo LGTBI e favorecendo posicións chauvinistas cara ao propio país e receosas cara a persoas procedentes daqueles países que non regularon algún tipo de recoñecemento das parellas do mesmo sexo ou que criminalizan a homosexualidade, fundamentalmente cara aos musulmáns.[2][15][16][17][18][19]

Notas

Véxase tamén

Outros artigos