55 Cancri e



55 Cancri e (abreviadamente 55 Cnc e) é un planeta extrasolar en órbita ó redor da estrela 55 Cancri A, semellante ó noso Sol. A súa masa é de case 7,8 masas terrestres e o seu diámetro é de case dúas veces maior có da Terra,[3] sendo clasificado coma a primeira Super-Terra descuberta ó redor dunha estrela na secuencia principal, anticipándose a Gliese 876 d nun ano. Lévalle menos de 18 horas completar unha órbita e é o planeta máis interior (do que se ten coñecemento) do seu sistema planetario. 55 Cancri e foi descuberto o 30 de agosto de 2004. Ata o 2010, no que se fixeron novas observacións e cálculos, pensábase que este planeta tardaba case 2,8 días en completar unha órbita.[4] En outubro do 2012, anunciouse que 55 Cancri e podería ser un planeta de carbono.[5][6]

55 Cancri e
Planeta extrasolarLista de planetas extrasolares

Impresión artística comparando a Terra e 55 Cancri e, cun radio que duplica o da Terra.
Estrela nai
Estrela55 Cancri A
ConstelaciónCáncer
Ascensión recta(α)08h 52m 35.8s
Declinación(δ)+28° 19′ 51″
Magnitude aparente(mV)5,95
Distancia40,3 ± 0,4 al
(12,3 ± 0,1 pc)
Tipo espectralG8V
Masa(m)0,95 ± 0,10 M
Raio(r)1,152 ± 0,035 R
Temperatura(T)5.373 ± 9,7 K
Metalicidade[Fe/H]0,29
Idade7,4–8,7 Ga
Elementos orbitais
Eixo semimaior(a)0,01560 ± 0,00011[1] UA
(2,333 Gm)
  1,27 mas
Periastro(q)0,0129 UA
(1,94 Gm)
Apoastro(Q)0,0183 UA
(2,73 Gm)
Excentricidade(e)0,17 ± 0,04[1]
Período orbital(P)0,7365449 (± 0,000005)[1] a
  (17,677 h)
Inclinación(i)83,4 ± 1,7°
Semi-amplitude(K)6,2 ± 0,2[1] m/s
Características físicas
Masa(m)8,63 ± 0,35[2] M
Raio(r)2,00 ± 0,14[2] R
Fluxo estelar(F)2.590
Densidade(ρ)5,9+1,5
−1,1
[2] g cm-3
Información do descubrimento
Data do descubrimento20-08-2004
Descubridor(es)
Método do descubrimentoVelocidade radial
Outros métodos de detecciónTránsito,
variacións orbitais da curva de luz
Lugar do descubrimentoTexas, USA
Status do descubrimentoPublicado
Outras designacións
55 Cancri Ae, Rho1 Cancri e, HD 75732 e.
Referencias nas
bases de datos
Enciclopedia
Planetas Extrasolares
datos
SIMBADdatos

Descubrimento

Como a maioría dos planetas extrasolares coñecidos (atopados con anterioridade ó lanzamento da misión Kepler), 55 Cancri e foi descuberto a través da detección de variacións da velocidade radial da súa estrela. Isto foi conseguido a través de medicións sensibles ó efecto Doppler do espectro de 55 Cancri A. No momento do seu descubrimento, xa se coñecían outros tres planetas orbitando a estrela. Despois de descubrir eses planetas, quedaba un sinal do redor de 2,8 días, o que podería ser explicado por un planeta de polo menos 14,2 masas terrestres nunha órbita moi próxima á estrela.[7] Estas mesmas observacións serviron para confirma-la existencia de 55 Cancri c.

55 Cancri e foi un dos primeiros planetas extrasolares descuberto cunha masa comparable á de Neptuno. Anúnciase ó mesmo tempo o descubrimento doutro "Neptuno quente", Gliese 436 b, que orbita ó redor da anana vermella Gliese 436.

Existencia do planeta cuestionada

No ano 2005, a existencia do planeta 'e' foi cuestionada por Jack Wisdom nunha re-análise dos datos.[8] Segundo el, no sitio dun planeta cun período de 2,8 días, o que en realidade había era un planeta cunha masa semellante a de Neptuno cun período orbital de 261 días ó redor de 55 Cancri A. No 2007, Debra Fischer e os seus colegas da San Francisco State University publicaron unha nova análise[9] indicando que ambos planetas existían; o planeta de 261 días de período orbital recibiu a designación de 55 Cancri f.

Tránsito

O planeta transita a súa estrela primaria, o cal foi anunciado o 27 de abril do 2011, baseándose en dúas semanas de monitorización fotométrica case continua co telescopio espacial MOST.[10] O tránsito ocorre co período (0,74 días) e fase que predixeron Dawson & Fabrycky. Este é un dos poucos tránsitos confirmados ó redor dunha estrela ben estudada, e que lle permitiu ós investigadores indagar sobre a composición do planeta.

Órbita e masa

O método de velocidade radial empregado para detectar 55 Cancri e obtén unha masa mínima de 7,8 veces a da Terra,[3] ou o 48% da masa de Neptuno. O tránsito mostra que a súa inclinación é de preto de 83,4 ± 1,7. Así pois, a masa real é próxima ó rango mínimo. 55 Cancri 'e' é coplanar con 'b'.

Características

55 Cancri e recibe máis radiación cá Gliese 436 b.[11] A cara que mira cara a súa estrela está a máis de 2.000 Kelvin (máis de 3.140 Fahrenheit), quente de abondo coma para fundi-lo metal.[12]

Inicialmente non se sabía se 55 Cancri e era un pequeno xigante de gas coma Neptuno ou un gran planeta rochoso. No 2011, un tránsito do planeta foi confirmado, permitindo ós científicos calcula-la súa densidade. Ó principio sospeitábase que podía ser un planeta de auga.[2][3] As observación iniciais non amosaban hidróxeno na súa sinatura de tránsito Lyman-alpha, Ehrenreich cavilaba con que eses volátiles poderían ser dióxido de carbano, no sitio de auga ou hidróxeno.[13]

Unha posibilidade alternativa é que 55 Cancri e sexa un planeta sólido feito de material rico en carbono, no canto de material rico en osíxeno, que é o que compón os planetas terrestres no noso sistema solar.[14] Nese caso, ó redor dun terzo da masa do planeta sería de carbono, moita desa masa podería estar en forma de diamante, coma resultado das altas temperaturas e presións do interior do planeta. Son necesarias máis observacións para confirma-la natureza do planeta.[5][6]

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

  • Mu Arae c

Ligazóns externas