Altiplano iraniano

O altiplano iraniano (en persa: فلات ایران) é unha formación xeolóxica localizada no suroeste de Asia, Asia Meridional e a rexión do Cáucaso. É parte da placa eurasiática que se estende entre a placa arábiga e a placa índica, situada entre os montes Zagros, no oeste, o mar Caspio e o Kopet Dag, ao norte, o estreito de Ormuz e o mar Arábigo, ao sur, e o Hindu Kush, ao leste. Neste límite oriental pódense diferenciar do altiplano iraniano os montes Suleiman, os montes Makran e os montes centrais de Afganistán.

Altiplano iraniano
Localización
Continente/sAsia
País/es Irán, Afganistán
Coordenadas32°N 53°L / 32, -5353°L / 32, -53
Datos
Principais cumesNoshaq
Cota7492 msnm
Lonxitude2000

Como rexión histórica inclúe Partia, Media e Persia oriental, o corazón da Gran Persia (principalmente Irán, Afganistán e o Paquistán situado ao oeste do río Indo).[1] Os montes Zagros forman o límite occidental da meseta, e as súas ladeiras orientais poden incluírse no termo. A Encyclopædia Britannica exclúe expresamente as "terras baixas do Juzestán" e caracteriza Elam como un territorio que abranguía «a rexión dende a chaira mesopotámica ata o altiplano iraniano».[2][3]

Debde o Caspio no noroeste, ata Baluchistán no sueste, o altiplano iraniano esténdese ao redor de 2000 km. Abrangue a maior parte de Irán, Afganistán e unha parte significativa de Paquistán, unha rexión en liñas xerais marcada por un cuadrilátero con lados sobre as cidades de Tabriz, Xiraz e Cabul e que ocupa arredor de 3,7 millóns de quilómetros cadrados. A pesar de chamarse «altiplano», está lonxe de ser chan, xa que nel hai varias cadeas montañosas, sendo o seu cume o Damavand nos montes Elburz a 5610 metros, e depresións como a conca de Lut, ao leste de Kerman, no Irán central, por baixo de 300 metros.

Xeoloxía

A rexión está formada principalmente por terreos gondwanos acrecionarios entre a plataforma de Turan ao norte e a principal avanzada dos Zagros, a zona de sutura entre a placa arábiga que se move cara ao norte e o continente euroasiático. É unha rexión xeoloxicamente ben estudada debido ao interese xeral na zona de colisión continental, e debido á longa historia de Irán de investigación en xeoloxía, particularmente en xeoloxía económica, aínda que as principais reservas de petróleo de Irán non se atopan no altiplano.

Xeografía

O altiplano iraniano, en xeoloxía, correspóndese cunha zona xeográfica ao norte dos grandes cintos de montañas encartadas que resultan da colisión da placa arábiga coa placa eurasiática. Nesta definición, a meseta non cobre o suroeste de Irán. Esténdese dende a provincia de Acerbaixán Oriental no noroeste de Irán ata Afganistán e o suroeste de Paquistán. Tamén inclúe partes menores das repúblicas de Acerbaixán e Turkmenistán. As súas cadeas montañosas poden dividirse en cinco principais subrexións:[4]

  • Cadeas do noroeste de Irán: Sabalan (4811 m).
  • Montes Elburz: Damavand (5610 m).
  • Meseta iraniana central: Kūh-e Hazār (4500 m) e Kuh-e Jebal Barez.
  • Cadeas iranianas orientais: Kopet Dag (Kuh-e Siah Khvani 3314 m e cadea Eshdeger 2920 m).
  • Baluchistán: Sikaram (4755 m), Kuh-e Taftan (3941 m) e Zargon (3578 m).

Nesta rexión son singulares os lagos estacionais do deserto, ou de áreas pantanosas, coñecidos como hamun. As principais depresións son:

  • Deserto de Kavir.
  • Deserto de Lut.
  • Lago Hamun, onde desauga o río Halil.
  • Gavkhouni, un lago pantanoso onde desauga o río Zayandeh.
  • Conca do Sistán, con varios lagos ou hamun, onde desauga o río Helmand.

Historia

Na Idade de Bronce, Elam estendíase ao longo dos montes Zagros, conectando Mesopotamia e o altiplano iraniano. Os reinos de Aratta coñecidos por fontes cuneiformes podía ser que se situasen na meseta iraniana central.

Na antigüidade clásica a rexión foi coñecida como Persia, debido á dinastía aqueménida persa, orixinaria da Persia en si, ou Fars.

A Erān persia media (de onde deriva o nome moderno Irān) comezou a usarse en referencia ao estado (máis que como unha denominación étnica) dende o período sasánida.

Arqueoloxía

No altiplano iraniano desenvolvéronse certas culturas prehistóricas, sendo os principais xacementos arqueolóxicos os seguintes:

  • Civilización de Jiroft, na meseta iraniana central:
    • Shahr-i Sokhta
    • Konar Sandal
    • Tepe Yahya
  • Civilización do río Zayandeh
  • Tappeh Sialk

Galería

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • E. Majidzadeh, Sialk III and the Pottery Sequence at Tepe Ghabristan. The Coherence of the Cultures of the Central Iranian Plateau, Irán 19, 1981, 141-46.

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: