Chamaeleo calyptratus

especie de réptil

Chamaeleo calyptratus é unha especie de réptil da orde dos escamosos, suborde dos lacertilios, infraorde dos iguanios, familia dos camaleónidos e subfamilia dos camaleoninos, propia da península de Arabia, onde se encontra no oeste do Iemen e da Arabia Saudita.

Chamaeleo calyptratus

Chamaeleo calyptratus macho
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino:Animalia
Filo:Chordata
Subfilo:Vertebrata
Superclase:Tetrapoda
Clase:Sauropsida
Orde:Squamata
Suborde:Lacertilia
Infraorde:Iguania
Familia:Chamaeleonidae
Subfamilia:Chamaeleoninae
Xénero:Chamaeleo
Especie:C. calyptratus
Nome binomial
Chamaeleo calyptratus
Duméril & Bibron, 1851
Área de distribución de Chamaeleo calyptratus
Área de distribución de Chamaeleo calyptratus

Área de distribución de Chamaeleo calyptratus
Subespecies
Véxase o texto
Sinonimia
Véxase o texto

A especie foi introducida en Hawai, onde é invasora no ecosistema local. Hai unha poboación reprodutora establecida en Maui.[2] Tamén se pode encontar na Florida, en plena natureza, onde mascotas escapadas estableceron poboacións estábeis.[1][3]

Taxonomía

Descrición

A especie foi descrita en 1851 polo zoólogo e naturalista francés André Marie Constant Duméril, e o seu compatriota e tamén zoólogo, especializado en herpetoloxía, Gabriel Bibron, na súa obra Catalogue Methodique de la Collection des Reptiles. Museo Nacional de Historia Natural de Francia, París: Gide & Baudry, pp: 1-224 (Ver o texto íntegro).

Etimoloxías

Para a do xénero véxase Chamaeleon.

O epíteto específico, calyptratus, deriva do grego antigo καύπτρω calýptrō, "cubrir", "envolver", "ocultar", de καύπτρα calýptra, "cuberta", "veo",[4] en alusión á capaciade deste animal para ocultarse, mimetizándose co seu contorno.

Sinónimos

Ademais de polo nome válido actualmente, a especie coñeceuse tamén, entre outro, polos sinónimos seguintes:[5]

  • Chamaeleo calcaratus Peters, 1870
  • Chamaeleo calcarifer Peters, 1871
  • Chamaeleo chamaeleon calcarifer Peters, 1871

Subespecies

Recoñécense dúas subespecies:[5]

  • Chamaeleo calyptratus calcarifer Peters, 1871, de Arabia Saudita.
  • Chamaeleo calyptratus calyptratus Duméril & Bibron, 1851 do Iemen.

Catacterísticas

Chamaeleo calyptratus femia

O macho mide de 43 a 61 cm de longo desde a punta do fociño até a punta da cola. É de cor verde con raias amarelas e alaranxadas, a diferenza das femias, uniformemente azuladas ou verdes; ademais, o macho ten unha especie de esporón nas patas. A femia é máis pequena, non pasa dos 35 cm aproximadamente, pero ten o corpo máis groso. Ambos os sexos teñen un casco na cabeza que se fai maior a medida que o camaleón medra, alcanzando aproximadamente 5 cm nos adultos máis grandes. Os pequenos acabados de criar teñen cor verde e desenvolven raias a medida que medran. As femias adultas son verdes con mnchas brancas, alaranxadas, amarelas ou bronceadas. Os machos adultos son máis brillantes, con bandas máis definidas de cor amarela ou azul e alguhas pencas.[6]

A súa masa corporal media é de 306,66 g.[7]

A súa coloración pode verse afectada por varios factores, incluído o status social. En condicións experimentais, os camaleóns mozos criados illadamente son máis escuros que os criados con outros individuos.[8] As femias cambian de cor durante os seus ciclos reprodutivos.[9] Estes camaleóns tamén tenden a cambiar a unha cor moito máis escura cando están estresados.[6]

Costumes, hábitat e ecoloxía

Chamaeleo calyptratus vive nunha serie de tipos de hábitats na súa área de distribución natural, incluíndo chairas, montañas e vales. Como outros camaleóns, é unha especie arbórea, vive en árbores, arbustos e outras plantas grandes. Prefire as zonas húmidas cunha alta amplitude térmica, xeralmente entre os 24 a os 35 °C durante o día e de non menos de 20 °C pola noite.[6]

Chamaeleo calyptratus é omnívoro. Aliméntase de insectos, pero tamén come materia vexetal, especialmente como fonte de auga.[6]

A súa lonxevidade é de aproximadamente 5 anos para as femias e de até 8 anos para os machos. Alcazan a madurez sexual aos catro ou cinco meses de idade. Crían máis de unha vez ao ano. A femia pon até 85 ovos, que enterra na area. Os ovos son brancos cunha casca dura.[6] Os embrións experimentan unha diapausa, un tempo no que están durmidos no ovo antes de comezar a desenvolverse. O aumento da temperatura no substrato inicia o desenvolvemento.[10]

Os machos exhíbense diante das femis durante o cortexo nupcial, realizando comportamentos como "rodar a cabeza" e "frotar a barbela". As femias cambian de cor cando son receptivas para a reprodución, e os machos teñen máis probabilidade de cortexalas durante este tempo.[9]

En catividade

Este camaleón pode criarse en terrarios.[11] É a especie máis común de Chamaeleo no comercio de mascotas. É doado de criar e prolífico na súa produción de ovos. Tolera unha gran variedade de condicións e sobrevive ben en cativerio.[6]

Na cultura

Chamaeleo calyptratus é o logotipo do sistema operativo SUSE Linux.[12][13]

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas