Constitución

A constitución[1] é a norma fundamental, básica, dun Estado, escrita ou non, que regula o réxime de dereitos e liberdades fundamentais dos cidadáns, e os poderes (a forma de partición dos poderes, en xeral en tres: Executivo, Lexislativo e Xudicial) e institucións da organización política. Considérase a Constitución a lei básica, ou "lei de leis" pois ningunha das disposicións normativas que rexen no Estado poden contradicir os principios expresados na Constitución. É o que se denomina principio de xerarquía normativa. Isto obriga non só a realizar un xuízo previo de constitucionalidade no proceso de redacción das novas normas, senón tamén unha adaptación do ordenamento pre-constitucional á nova realidade xurídica nacida da constitución. Antes da evolución de les constitucións nacionais modernas, o termo facía referencia a calquera lei importante que determinaba o funcionamento dun goberno.[2]

Magna Carta

As constitucións utilízanse en moitas organizacións, ora en organizacións supranacionais, en estados e nas divisións administrativas constituíntes, ora en partidos políticos, sindicatos e as organizacións non gobernamentais. As ordes relixiosas réxense tamén per constitucións aprobadas pola Santa Sé.

A constitución da India é a constitución escrita máis longa de calquera país soberano do mundo,[3] contendo 444 artigos,[4] 12 capítulos e 94 emendas, con 117.369 se temos como referencia a súa versión en lingua inglesa,[5] mentres que a Constitución dos Estados Unidos é a constitución máis curta, con só 7 artigos e 27 emendas.[6] Neste senso, a Constitución española ten 169 artigos repartidos en 10 títulos.[7] A constitución escrita máis antiga e aínda vixente é a de San Marino que data de 1600, baseada no statuti comunali de 1300.[8]

Definicións

O termo constitución provén do francés á súa vez procedente do latín constitutio, (constitutiones principis: edicta, mandata, decreta, rescripta).[9] usado para regulacións e ordes, e que facía referencia á promulgación de calquera lei importante, especialmente cando proviñan do emperador romano. Máis tarde, o termo utilizouse amplamente no dereito canónico, xa que se refería a unha determinación importante, especialmente un decreto promulgado polo Papa, coñecido como constitución apostólica.[10]

Definición formal

A constitución é un acto xurídico, moi a miúdo concretado por un ou máis documentos escritos. Este acto sitúase no cumio da súa orde xurídica: calquera outro acto xurídico ten que aterse ás súas prescricións. Así, segundo a teoría da xerarquía das normas, desenvolvida notablemente por Hans Kelsen, cada regra de dereito é lexítima por unha regra de dereito superior e á cal se debe conformar (o regulamento é inferior á lei, e esta mesma inferior ós tratados, inferiores á constitución). A constitución é deste xeito a lei fundamental que lexitima todas as normas inferiores.[11]

Esta teoría compleméntase polo principio da constitucionalidade que indica que a constitución é o principio supremo de dereito dun estado e que o seu respecto, obrigatorio é preciso e asegurado por unha corte constitucional como tal, como o Tribunal Constitucional no caso de España, un consello constitucional como en Francia, ou a mesma Corte Suprema de Xustiza, como é o caso dos Estados Unidos.

Este lugar, no cumio da xerarquía das normas resulta de feito que a constitución se crea polo poder constituínte orixinario, e revisado polo poder constituínte do cal deriva ou institúe. É un acto xurídico imposto polo poder constituínte a todos os órganos do estado e da sociedade. Estabelece, polo tanto, unha lóxica "vertical" do poder e non unha lóxica "horizontal", como no caso dos contratos e os tratados.[12]

Clasificación das constitucións

Constitucións Escritas X Constitucións Non Escritas

Cando se fala de constitución non escrita nun país, isto non quere dicir que non existan naquel país leis cuxo contido sexa materia constitucional (ou sexa, dereitos e liberdades dos cidadáns, e distribución dos poderes e institucións do Estado), mais si que estas leis non están corporificadas nun único texto, que se elaborara dunha soa vez. O exemplo máis citado de constitución non escrita é a Constitución Inglesa, que se pode considerar composta pola suma de leis como a Magna Carta Libertatum de 1215 e outras leis posteriores que dan forma ao conxunto de dereitos e garantías fundamentais dos cidadáns ingleses, e definen (outras destas leis) a estrutura dos poderes no Reino Unido. Xa as constitucións da maioría dos países (exemplos: España, Francia, Estados Unidos, Portugal, India, Romanía, Brasil etc.) están expresas nun único texto.

Constitucións Ríxidas X Constitucións Flexíbeis

  • Constitución Ríxida é a que necesita, para ser mudada, dun rito lexislativo especial, diferente dunha lei común. Isto non significa dicir que non sexa posíbel mudala, mais si que é mais traballoso modificar o texto constitucional do que os outros textos legais do país. Pode ser necesaria máis dunha votación, ou unha cantidade de votos de representantes do pobo (deputados, senadores) máis grande que o das leis comúns etc, conforme o que determinar, polo tanto, o propio texto da constitución.
  • Constitución Flexíbel é a que non necesita, para ser mudada, de rito diferenciado en relación ao das outras leis do país. É dicir que a constitución, ou os textos compoñentes da consitución, son leis comúns.

Constitucións Sintéticas X Constitucións Detallistas

Hai textos de constitucións que conteñen poucos artigos, restrinxíndose a enumerar os dereitos e garantías básicos dos cidadáns e a forma de organización do Estado e dos poderes. Un exemplo é a constitución dos Estados Unidos. Mais hai tamén constitucións que detallan outros aspectos, por exemplo, no campo do Dereito Civil (como o dereito de familia), Tributario (impostos que existirán no país), Dereito do Traballo (xornada de traballo, dereito de asociación en sindicatos etc), tornando así o texto constitucional máis extenso. Un exemplo desa última é a constitución do Brasil.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: