Dicotiledóneas

Magnoliopsida é un taxón de plantas que foi empregado en sistemas de clasificación moi populares como o de Cronquist (Cronquist 1981,[1] 1988[2]), os subtaxóns que o conforman coinciden coas dicotiledóneas (chamadas deste xeito por teren durante as primeiras etapas do desenvolvemento dous cotiledóns), que polo tanto é un sinónimo deste taxón. Polo tanto chámaselles dicotiledóneas ás plantas que teñen un embrión con dous cotiledóns que ó desenvolvérense darán lugar a dúas folliñas.As dicotiledóneas forman unha das grandes clases nas que se dividen as anxiospermas, a outra é monocotiledóneas.

As dicotiledóneas están formadas por 5 grupos monofiléticos, o maior deles foi chamado Eudicotyledoneae (eu- quere dicir "verdadeiro"). As eudicotiledóneas comprenden o 75% das especies de anxiospermas[Cómpre referencia], e posúen moitos dos caracteres que antes se atribuíran ás dicotiledóneas, como o pole tricolpado [3][4](e os derivados deste).

Caracteres

Existen máis de cento setenta e cinco mil especies de plantas pertencentes a esta clase. Exemplos de dicotiledóneas son o nabo, a verza, e o feixón.

Ademais de ter dous cotiledóns, as dicotiledóneas caracterízanse por presentar nerviación foliar reticular e partes florais normalmente en múltiplos de catro ou de cinco. Os caracteres pertencentes á anxiospermas ancestral e perdidos na póla da que se orixinaron as monocotiledóneas son:

  • a radícula do embrión non aborta como nas monocotiledóneas senón que dá orixe a unha raíz primaria persistente (nas monocotiledóneas a función de absorción é levada a cabo polas raíces adventicias).
  • no corte transversal do tallo obsérvase que o xilema e o floema se dispoñen formando un anel, segundo un patrón chamado eustela (a diferenza da atactostela das monocotiledóneas).
  • os nervios das follas forman patróns pinados ou palmados ("venación reticulada") a diferenza das monocotiledóneas que adquiriron unha venación paralela.
  • os verticilos das flores fican formados por 4 o 5 pezas xeralmente (en troques de 3 das monocotiledóneas).

Un carácter que tradicionalmente foi atribuído ás dicotiledóneas é o pole tricolpado e os derivados deste (nas monocotiledóneas o pole é monosulcado). En realidade é un carácter orixinado nun subgrupo das dicotiledóneas chamado Eudicotyledoneae, sendo o pole do resto das dicotiledóneas monosulcado, como tamén na anxiospermas ancestral.

A presenza dalgúns caracteres considerados tradicionalmente característicos das dicotiledóneas, atópanse tanto nas dicotiledóneas como nas ximnospermas, polo tanto son plesiomorfías de todas as plantas con semente que foron perdidas nas monocotiledóneas, a saber:

  • a presenza de dous ou máis cotiledóns nos embrións, a diferenza das monocotiledóneas que posúen só un.
  • o tallo medra en grosor con formación de leña ou madeira ("crecemento secundario"), a diferenza das monocotiledóneas que perderon a capacidade de medrar en grosor deste xeito (algunhas monocotiledóneas, como as palmeras, medran en grosor por aumento do tecido parenquimático, sen formación de leña).

Anatomía

Dicotiledóneas e monocotiledóneas.

Follas

As follas das dicotiledóneas presentan un limbo e un pecíolo, e a miúdo son compostas. Unha das características que as distinguen das monocotiledóneas é a disposición dos nervios, xeralmente reticulada, cun nervio central groso do que parten outros máis finos (existen excepcións a esta norma).

Talos

Na sección transversal dos talos poden verse os feixes de vasos condutores, que se encargan de transportar a auga e os sales minerais, dispostos en círculo. As dicotiledóneas comprenden vexetais leñosos e herbáceos. Os talos dos primeiros teñen porte arbustivo, se se ramifican dende a base; ou arbóreo, se as pólas aparecen a certa distancia do chan.

Flores

Nesta clase están representados case todos os tipos de flores.

Filoxenia

As análises cladísticas feitas sobre a morfoloxía e as secuencias de ADN cloroplastídico, mitocondrial e nuclear, non sosteñen a división das anxiospermas en monocotiledóneas e dicotiledóneas (Olmstead et al. 1992a, Chase et al. 1993,[5] Doyle 1996,[6] 1998,[7] Doyle et al. 1994,[8] Donoghue e Doyle 1989,[9] Graham e Olmstead 2000,[10] Mathews e Donoghue 1999,[11] Savolainen et al. 2000,[12] Soltis et al. 2000,[13] Zimmer et al. 2000,[14] Hilu et al. 2003, Zanis et al. 2003). En todas as análises as dicotiledóneas forman un grupo parafilético, e os caracteres morfolóxicos xa mencionados son plesiomórficos dentro das anxiospermas (salvo o pole tricolpado e os seus derivados).

As dicotiledóneas están compostas polos seguintes grupos monofiléticos:

Pódese atopar unha discusión sobre a filoxenia do grupo en Sistemática de anxiospermas.

A maioría das dicotiledóneas pertencen ó clado Eudicotyledoneae (tamén chamadas "dicotiledóneas tricolpadas"), que teñen como sinapomorfías ó polen tricolpado (e as modificacións que teña sufrido posteriormente), e as secuencias de ADN rbcL, atpB, matK, e ADNr 18S.

Taxonomía

Unha clasificación actualizada ó ano 2003 pódese atopar no sistema de clasificación APG II,[15] onde se abandona o taxón dicotiledóneas e empréganse en troques os grupos monofiléticos arriba mencionados.

A clasificación das dicotiledóneas segundo Cronquist[1][2] en subclases, ordes e familias pódese ver ó despregar a caixa seguinte.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Judd, W. S. Campbell, C. S. Kellogg, E. A. Stevens, P.F. Donoghue, M. J. 2002. Plant systematics: a phylogenetic approach, Second Edition. Sinauer Axxoc, Estados Unidos.

Leturas recomendadas

  • Pamela S. Soltis, Peter K. Endress, Mark W. Chase, Douglas E. Soltis. 2005. Phylogeny & Evolution of Angiosperms. Sinauer Associates, Estados Unidos. 370 pp.
🔥 Top keywords: