Fucosilación

A fucosilación é o proceso de engadir unidades do azucre fucosa a unha molécula. As fucosas transfírense desde a GDP-fucosa a proteínas, e glicanos unidos a glicoproteínas e glicolípidos.[1] É un tipo de glicosilación.

Fucosa en forma cíclica de piranosa.

É realizada por encimas fucosiltransferases,[1][2] situadas en eucariotas principalmente no aparato de Golgi. Son importantes para formar os antíxenos dos grupos sanguíneos humanos.[3]

É unha reacción clinicamente importante,[4][5] e informouse de altos niveis de fucosilación en casos de cancro.[6][7] No cancro e as inflamacións prodúcense cambios significativos na expresión de moléculas fucosiladas. Por tanto, os anticorpos e as lectinas que poden recoñecer oligosacáridos fucosilados asociados ao cancro foron utilizados como marcadores de tumores en oncoloxía.[8]

A fucosilación observouse en vertebrados, invertebrados, plantas, bacterias e fungos. Sábese que facilita varias funcións como a adhesión celular e a regulación inmunitaria. Están explorándose aplicacións da inhibición da fucosilación para un conxunto de aplicacións clínicas incluíndo algunhas asociadas coa anemia falciforme, artrite reumatoide, inhibición de tumores e melloras na quimioterapia.[9] A fucosilación pode axudar á resposta inmunitaria cando un patóxeno alleo se introduce no corpo. Pode ocorrer unha rápida fucosilación na mucosa interna do intestino delgado como mecanismo protector para soportar a flora bacteriana. Isto pode regular os xenes bacterianos responsables da percepción do quórum e da virulencia, o que ten como resultado un incremento da tolerancia á infección.[10]

Notas


 Este artigo sobre bioloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.