Héctor Rial

futbolista arxentino

José Héctor Rial Laguía, nado en Pergamino, Buenos Aires, o 14 de outubro de 1928 e finado o 24 de febreiro de 1991, foi un futbolista e adestrador de fútbol hispano-arxentino de orixe galega, que xogaba de dianteiro.

Héctor Rial
Información persoal
NomeJosé Héctor Rial Laguía
Nacemento14 de outubro de 1928
Lugar de nacementoPergamino
Falecemento24 de febreiro de 1991
Lugar de falecementoMadrid
Altura176 centímetros
PosiciónDianteiro
Carreira sénior
AnosEquiposAprs(Gls)
1947–1948San Lorenzo40(20)
1950–1951Independiente Santa Fe54(26)
1952–1954Nacional
1954–1961Real Madrid113(60)
1961–1962Espanyol6(1)
1962–1963Marsella
1964Unión Española
Selección nacional
1955–1958España5(1)
Adestrador
1966–1969Pontevedra
1969–1970Zaragoza
1970–1971Las Palmas
1971–1973España olímpica
1974-1975Chivas
1976Deportivo da Coruña
1978Estudiantes
1979O Salvador
1980Elche
1989-1990Pontevedra
Na rede
UEFA: 71685 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Posuidor da dobre nacionalidade, foi internacional coa selección española en cinco ocasións. Foi xunto a Alfredo Di Stéfano, Ferenc Puskás, Paco Gento e Raymond Kopa, membro da dianteira do recordado "Madrid de Di Stéfano" ou "Madrid das cinco Copas de Europa", designado pola UEFA como un dos mellores equipos da historia,[1] xunto cos que se proclamou campión do mundo en 1960 despois de gañar a Copa Intercontinental contra o Club Atlético Peñarol.

Despois da súa retirada deportiva, dedicouse ao campo técnico onde adestrou numerosos equipos, destacando o Pontevedra do "hai que roelo", a finais dos anos 60. Deixou definitivamente as súas actividades deportivas en 1990, despois de adestrar ao Pontevedra nunha segunda etapa e faleceu poucos meses despois.

Traxectoria

Como futbolista

Inicios en América do Sur

Seu pai era de Panxón, Nigrán, e súa nai de Guadalaxara.[2] Formouse nas categorías inferiores do Club Atlético San Lorenzo de Almagro, debutando co seu primeiro equipo o 21 de setembro de 1947,[3] formando dianteira con Reggi, Uñate, Pappa e Silva no partido da 22ª xornada. O encontro, xogado contra o Club Atlético Independiente, rematou cunha vitoria por 0-4 e nel Rial marcou o seu primeiro gol como profesional.[4]

En 1948, o club arxentino viaxou a España como parte dunha xira europea antes do inicio do campionato. Ese equipo conseguiu sorprender aos españois e entre as súas filas o xogador que destacaba máis que o resto era o que levaba o número 10. Foi nese momento cando dous equipos quixeron contratalo, o FC Barcelona e o Valencia Club de Fútbol, pero a directiva arxentina negouse a negociar co xogador.

Non obstante, ao regresar a Suramérica, René Pontoni levou a Rial ao Club Independente Santa Fe de Bogotá (onde recibiu o alcume de "El Nene") para disputar a supremacía do do Club Deportivo Los Millonarios, onde xogaba a estrela Alfredo Di Stéfano, que anos despois sería o seu compañeiro. No seu estadio de Colombia casou coa súa parella Sonia, pero cando o equipo caeu en bancarrota foi cedido ao Club Nacional de Football do Uruguai, equipo no que xogou ata 1954 e onde conseguiu gañar un campionato de liga e un Torneo Competencia. Foi entón cando recibiu unha carta de Alfredo Di Stéfano invitándoo a xogar con el no Real Madrid Club de Fútbol. Ante a negativa do presidente Añón -que xa rexeitara unha oferta do Club Atlético de Madrid-, Raimundo Saporta, xerente do club madrileño, foi buscar o xogador e por insistencia do futbolista conseguiuse que este se inscribise nas filas do equipo español.

Éxito en Europa

No Real Madrid acadou a súa plenitude e madurez futbolística. Entrou no club o 10 de xuño de 1954 e nel mellorou a súa técnica e perfeccionou os seus pases e o manexo da velocidade. Marcou dous goles na primeira final da historia da Copa de Europa,[5] a primeira das cinco que gañaría, e ás que sumaría dúas Copas Latinas, catro campionatos de Liga e unha Copa Intercontinental, ademais de dous trofeos Ramón de Carranza e unha Pequena Copa do Mundo. Despois de seis tempadas no conxunto español no que acadou popularidade e doce títulos, comezou a ser suplente de xeito habitual, polo que volveu brevemente a América do Sur como cedido ao club chileno da Unión Española na metade da súa sétima tempada en 1961.[6] Despois de cederlle definitivamente o seu dorsal a Ferenc Puskás e ser homenaxeado polo Real Madrid,[7] pasou, tras a súa breve etapa chilena de cinco meses a formar parte das filas do Real Club Deportivo Español de Barcelona.[8] Con todo, despois dunha campaña decepcionante para o equipo, que rematou no 13º lugar de dezaseis participantes na liga, fichou polo Olympique de Marseille, co que xogou un total de 22 partidos. Ao final da tempada decidiu retirarse como xogador profesional e adicouse a traballar como adestrador.

Como adestrador

Sacou o título de adestrador en 1965 e ese mesmo ano pasou a ser o axudante do técnico arxentino Juan Carlos Lorenzo no Real Club Deportivo Mallorca e na selección arxentina que disputou a Copa Mundial de 1966.

Pontevedra CF (1967 -1969)

En febreiro de 1967 fichou polo Pontevedra Club de Fútbol, que xogaba a súa terceira tempada en Primeira división, a segunda consecutiva, e que estaba só un punto por riba do descenso no momento da súa chegada, na parte final da tempada.[9] Debutou contra o Deportivo da Coruña en Riazor, vencendo por 1-2.[10] Logrou salvar o equipo e rematou a tempada no décimo posto, mentres que na Copa do Xeneralísimo chegou ata cuartos de final, quedando eliminado fronte ao Córdoba, tras un partido de desempate.

Continuou no Pontevedra na tempada 1967/68, na que o equipo quedou no oitavo lugar, despois de facer de Pasarón un fortín no que caeron derrotados entre outros os cinco primeiros clasificados da liga: Real Madrid (3-0),[11] Barcelona (1-0), Las Palmas (3-0), Valencia (1-0) e Zaragoza (1-0). Na tempada seguinte o equipo volveu ter unha enorme solidez defensiva na casa, encaixando moi poucos goles. Tampouco ese ano foi capaz o Real Madrid de marcar gol en Pontevedra, a pesar ter protagonizado o mellor arranque ligueiro da historia con nove vitorias nos nove primeiros partidos, xeira que se cortou en Pasarón, onde non conseguiron pasar do empate a cero.[12] O equipo galego obtivo o 12º posto da clasificación final da tempada e tras o remate desta, fichou polo Real Zaragoza.[13] Nas dúas tempadas e media que dirixiu ao Pontevedra, o equipo só encaixou un total de oito goles en Pasarón.[14]

Real Zaragoza e UD Las Palmas (1969-1971)

Co equipo aragonés rematou a liga na oitava posición e chegou a semifinais da Copa do Xeneralísimo, onde quedou eliminado polo Valencia. A continuación pasou a ser o adestrador da Unión Deportiva Las Palmas, club ao que dirixiu durante unha tempada, rematando un só posto por riba do descenso.

Selección olímpica española (1971-1973)

En maio de 1971 aceptou a oferta da Federación Española de Fútbol para ser o adestrador da selección olímpica española.[15] Dirixiu esta selección no torneo preolímpico, buscando a clasificación para os Xogos de Múnic 1972. Tras eliminar a selección turca na primeira rolda, o equipo quedou encadrado nun grupo con Polonia e Bulgaria, pero foi eliminado despois de conseguir só un empate e acumular tres derrotas na segunda rolda.[16]

Asesor de Cap, Chivas e asesor de Puskás (1974-1976)

Dirixiu á selección olímpica ata 1973 e despois de rexeitar unha oferta para adestrar o Deportivo,[17] foi nomeado asesor do seleccionador Vladislao Cap na selección arxentina que disputou o Mundial de Alemaña de 1974, onde quedaron eliminados na segunda fase. A continuación comezou a dirixir o Club Deportivo Guadalajara de México, co que quedou en sétima posición do seu grupo (de 10 equipos).[18] Posteriormente foi asesor de Puskás na selección saudita.[19]

Deportivo da Coruña (1976)

En xuño de 1976 fichou finalmente polo Deportivo da Coruña, para disputar a tempada 1976/77 de Segunda división.[2] Con todo, só seis meses despois deixou o equipo por problemas de saúde.[20]

América e Elche (1978-1984)

En 1978 dirixiu o Club Estudiantes de La Plata arxentino e en 1979 pasou brevemente pola selección salvadoreña, volvendo pronto a España debido á guerra civil que estourou ese ano no país centroamericano.[21][22] En 1980 foi adestrador do Elche Club de Fútbol, en Segunda división e en 1984 fichou polo Comunicaciones Fútbol Club de Guatemala.[22]

Regreso ao Pontevedra (1989-1990)

En febreiro de 1989 volveu ocupar o posto de adestrador do Pontevedra, despois do despido de Crispi, tras a xornada 20.[23] Rematou a tempada en sexto lugar e foi renovado por outro ano.[24] Na tempada seguinte quedou lonxe do ascenso, cun equipo con graves problemas económicos, no que os xogadores e o propio adestrador estiveron meses sen cobrar. Foi técnico do Pontevedra ata xuño de 1990.[25]

Morte

Faleceu en Madrid o 24 de febreiro de 1991, poucos meses despois de deixar o club pontevedrés.[26][27] Por desexo seu foi incinerado coa camisola do Pontevedra e as súas cinzas foron espalladas pola praia da Lanzada.[28]

Recoñecementos

Recibiu a primeira homenaxe cando aínda era futbolista, sendo o 9º xogador do Real Madrid en ser homenaxeado polo club. Foi nun partido contra o CD San Sebastián, no que o Real Madrid gañou 6-1.[29] En 1993 comezouse a disputar en Pasarón o Trofeo Memorial Héctor Rial, que se xogou anualmente ata 2004. En 2006, no 50º aniversario da Copa de Europa, Héctor Rial foi un dos 14 xogadores do Real Madrid homenaxeados pola UEFA no Santiago Bernabéu, por "contribuír a engrandecer o prestixio da Copa de Europa".[30]

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas