Irina Bokova
Irina Georgieva Bokova (en búlgaro: Ирина Георгиева Бокова), nada en Sofía o 12 de xullo de 1952, é unha política búlgara, ex-militante comunista e membro do Parlamento durante dúas lexislaturas. Foi ministra de Asuntos Exteriores e Embaixadora da República de Bulgaria en Francia e en Mónaco. O 22 de setembro de 2009, Bokova foi proposta polo goberno de Bulgaria[1] e elixida Directora Xeral da Unesco.[2], sendo a primeira muller e a primeira persoa da Europa Oriental en tomar este papel.[3]
Traxectoria
Familia
É a filla de Georgi Bokov, editor en xefe do xornal do Partido Comunista Búlgaro, Rabotnitchesko Delo.[2]
Formación
Membro do partido comunista, asistiu á escola secundaria en inglés e logo ao Instituto Estatal de Relacións Internacionais de Moscova e a Universidade de Maryland. A súa formación permitiulle ser nomeada como asesora da ONU en 1980.
Cargos
Foi viceministra de Asuntos Exteriores e ministra de Asuntos Exteriores interina baixo o primeiro ministro de Bulgaria Zhan Videnov. Tamén actuou como embaixadora de Bulgaria en Francia e Mónaco, e foi a delegada permanente de Bulgaria ante a UNESCO. Bokova tamén foi o representante persoal do presidente de Bulgaria ante a Organización Internacional da Francofonía (2005-2009).
O 15 de novembro de 2009 tomou posesión como novena Directora Xeral da UNESCO converténdose na primeira muller e na primeira do sueste de Europa en dirixir a axencia.
Na UNESCO
Bokova avogou pola igualdade de xénero, a mellora da educación e a prevención do financiamento do terrorismo, especialmente mediante a aplicación da protección da propiedade intelectual.[4][5]
A Directora Xeral Bokova, acérrima opositora do racismo e do antisemitismo, dirixiu as actividades da UNESCO sobre a lembranza do Holocausto.[6]
En marzo de 2015, lanzou Unite4Heritage, unha campaña que ten como obxectivo crear un movemento global "para protexer e salvagardar o patrimonio nas zonas onde está ameazado por extremistas".[7] A campaña foi desencadeada pola programática destrución do patrimonio cultural realizada en Iraq e Siria polo Estado Islámico de Iraq e Levante desde 2014, en particular despois da circulación de vídeos de saqueos en Iraq e Siria, no Museo de Mosul, a destrución nas cidades de Nimrud e Hatra, Patrimonio da Humanidade.
Recoñeceu a traxectoria de Khaled al-Asaad, e condenou o seu asasinato dicindo: "Matárono porque non traizoaba o seu profundo compromiso con Palmira. Aquí é onde dedicou a súa vida". Bokova dirixiu os esforzos para bloquear o comercio de artefactos culturais sirios e iraquís para financiar o ISIS e outros grupos islamitas radicais. Estes esforzos levaron á adopción da Resolución 2199 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas o 12 de febreiro de 2015. Esta resolución recoñeceu oficialmente o vínculo entre o tráfico ilícito e a seguridade, prohibiu todo o comercio de bens culturais procedentes da zona e solicitou que a UNESCO coordinase os esforzos nesta área coa Interpol.[8] En resposta á ameaza para as antigüidades de Iraq polo aumento da violencia e a inestabilidade, Bokova implementou un plan de emerxencia para salvagardar os artefactos do patrimonio cultural de Iraq.[9]
O 19 de outubro de 2015, a DW alemá informou de que Xapón ameaza con deter o financiamento da UNESCO pola decisión da organización de incluír documentos relacionados co masacre de Nanjing de 1937 na listaxe máis recente do seu programa "Memoria do mundo". Aínda que a decisión non foi da Dirección Xeral, un profesor xaponés afirmou que a señora Bokova podería ter interese en cortexar a China.[10] En outubro de 2016, despois de opoñerse a unha resolución respaldada polos árabes na UNESCO que negaba a conexión do Monte do Templo co xudaísmo, Bokova recibiu ameazas de morte, o que fixo que se reforzase a súa protección.[11]
Traballo posterior á UNESCO
En 2018 anunciouse que Irina Bokova daría clases na Universidade de Kyung Hee en Corea. A Universidade de Kyung Hee tamén concedeu a Bokova un doutoramento honorario en Estudos da Paz, e asumiu a cátedra Miwon e o cargo de reitor honorario do Humanitas College.[12]
En 2020[13] foi seleccionada como membro honorario internacional da Academia Americana de Artes e Ciencias en Clase V — Asuntos públicos, empresas e administración, sección Liderado científico, cultural e sen ánimo de lucro. (Class V — Public Affairs, Business, and Administration, section Scientific, Cultural, and Nonprofit Leadership).[14]
Predecesor: Koichiro Matsuura | Directora xeral da UNESCO 2009 - 2017 | Sucesor: Audrey Azoulay |