UNESCO

organismo das Nacións Unidas

A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, UNESCO (en inglés United Nations Educational, Scientific and Cultural Organization e en francés: Organisation des Nations unies pour l'éducation, la science et la culture) é un organismo especializado das Nacións Unidas cuxo obxectivo é promover a paz e a seguridade mundial mediante a cooperación internacional en materia de educación, artes, ciencias e cultura.[1][2] Ten 194 estados membros e 12 membros asociados,[3] así como socios das organizacións non gobernamentais, intergobernamentais e do sector privado.[4] A súa sede atópase en París, Francia, mais a UNESCO ten 53 oficinas rexionais de campo[5] e 199 comisións nacionais[6] que facilitan o seu mandato global.

UNESCO
Logo
AcrónimoUNESCO e ONUÉSC
Tipoaxencia da ONU, organización internacional, organización intergobernamental e organización
Área de operaciónmundial
Data de fundación16 de novembro de 1945
Presidente/aAudrey Azoulay (2017-) Editar o valor em Wikidata
Nº de membros193 (2019) Editar o valor em Wikidata
Organización matrizONU
Organización subsidiariaUNESCO Chair on Cyberspace and Culture, Comitê Científico para Problemas do Ambiente, UNESCO Institute for Statistics, Iranian National Commission for UNESCO e Hylean Amazon Institute
PremiosPremios Peabody
SedeParís
Enderezo7, place de Fontenoy 75007 Paris
48°51′00″N 2°18′22″L / 48.85, 2.30611111
Na rede
https://en.unesco.org, https://fr.unesco.org, https://es.unesco.org, https://ru.unesco.org, https://ar.unesco.org e https://zh.unesco.org
Facebook: unesco Twitter: UNESCO Instagram: unesco VK: unesco LinkedIn: unesco Youtube: UCkD7gm3Am3M3k156lk46t3A Pinterest: unesco GitHub: UNESCO Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

A UNESCO fundouse en 1945 como sucesora do Comité Internacional de Cooperación Intelectual da Sociedade de Nacións.[7] A súa constitución estabelece os obxectivos da axencia, a estrutura de goberno e o marco operativo.[8] A misión fundacional da UNESCO, que foi moldeada pola segunda guerra mundial, é promover a paz, o desenvolvemento sustentábel e os dereitos humanos facilitando a colaboración e o diálogo entre as nacións.[8] Persegue estes obxectivos a través de cinco grandes áreas do programa: educación, ciencias naturais, ciencias sociais, cultura e comunicación. A UNESCO patrocina proxectos que melloran a alfabetización, proporcionan formación técnica e educación, fomentan a ciencia, protexen os medios independentes e a liberdade de prensa, preservan a historia rexional e cultural e promoven a diversidade cultural.[9][10][11]

Como centro de coordinación da cultura e da ciencia mundiais, as actividades da UNESCO foron ampliándose ao longo dos anos; axuda na tradución e difusión da literatura mundial, axuda a establecer e asegurar o Patrimonio da Humanidade cultural e natural, traballa para tender unha ponte entre a fenda dixital mundial, e crea sociedades do coñecemento inclusivas mediante a información e a comunicación.[12] A UNESCO lanzou varias iniciativas e movementos globais, como "Educación para Todos", para seguir avanzando nos seus obxectivos fundamentais.

A UNESCO está rexida pola Conferencia Xeral, integrada por estados membros e membros asociados, que se reúne semestralmente para fixar os programas e o orzamento da axencia. Tamén elixe os membros do consello executivo, que xestiona o traballo da UNESCO, e nomea cada catro anos un director xeral, que exerce como administrador xefe da UNESCO. A UNESCO é membro do Grupo das Nacións Unidas para o Desenvolvemento,[13] unha coalición de axencias e organizacións da ONU destinadas a cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel.

Características

Dedícase a orientar ós pobos nunha xestión máis eficaz do seu propio desenvolvemento, a través dos recursos naturais e os valores culturais, e coa finalidade de modernizar e facer progresar ás nacions do mundo, sen que por iso se perdan a identidade e a diversidade cultural. A UNESCO ten vocación pacifista, e entre varias cousas oriéntase moi particularmente a apoiar a alfabetización. Na educación, este organismo asigna prioridade ao logro da educación elemental adaptada ás necesidades actuais. Colabora coa formación de docentes, planificadores familiares e vivenda, administradores educativos e alenta a construción de escolas e a dotación de equipo necesario para o seu funcionamento.

As actividades culturais buscan a salvagarda do patrimonio cultural mediante o estímulo da creación e a creatividade e a preservación das entidades culturais e tradicións orais, así coma a promoción dos libros e da lectura[14]. En materia de información, a UNESCO promociona a libre circulación de ideas por medios audiovisuais, fomenta a liberdade de prensa e a independencia, o pluralismo e a diversidade dos medios de información, mediante o "Programa Internacional para a Promoción da Comunicación".

Historia

Traslado do Gran Templo de Abu Simbel a un lugar seguro, en 1967.

A UNESCO ten as súas raíces en 1942, durante a segunda guerra mundial, cando os países aliados comezan a prepararse para restablecer os seus sistemas educativos en canto remate a guerra. Na Conferencia de Ministros Aliados de Educación (Conference of Allied Ministers of Education, CAME), no Reino Unido, inícianse as conversacións entre países europeos[15].

Como resultado, prepárase unha conferencia das Nacións Unidas para temas de educación e cultura, do 1 ao 16 de novembro de 1945. Reúnense corenta e catro países, dos cales trinta e sete deciden fundar a UNESCO. A constitución da UNESCO asínase o 16 de novembro, e vinte estados ratifícana un ano despois, o 4 de novembro de 1946 (Arabia Saudita, Australia, o Brasil, o Canadá, Checoslovaquia, China, Dinamarca, Exipto, Estados Unidos de América, Francia, Grecia, India, Líbano, México, Noruega, Nova Zelandia, República Dominicana, Reino Unido, Suráfrica e Turquía). Poucos días despois iníciase a primeira Conferencia Xeral da UNESCO, en París.

Segundo se van normalizando as relacións internacionais rotas pola segunda guerra mundial, vanse incorporando máis países. Así, o Xapón e a República Federal Alemá entran en 1951, España en 1953, a URSS en 1956 e os países africanos xurdidos na descolonización de África durante a década dos sesenta do século XX.

En 1957, por primeira vez un país membro abandona a UNESCO: o goberno de Suráfrica alega "interferencias" da UNESCO nos seus "problemas raciais". En 1996, con Nelson Mandela como presidente, Suráfrica volverá a incorporarse á UNESCO[16].

Durante a X Conferencia Xeral da UNESCO celebrada en París en 1958, acórdase crear un "Centro Latinoamericano de Estudos Superiores de Xornalismo"[17]. A iniciativa contou co apoio do Goberno e a Universidade Central de Ecuador, os cales o 9 de outubro de 1959 asinaron, xunto coa UNESCO, un acordo tripartito para a fundación e radicación en Ecuador de dito Centro, que hoxe leva o nome de Centro Internacional de Estudios Superiores de Comunicación para América Latina ou CIESPAL[18].

O 3 de novembro de 1958 inaugúrase a sede principal no número 7 da praza de Fontenoy, en París. A súa planta ten forma de Y. Os planos foron deseñados polos arquitectos Marcel Breuer, Pier Luigi Nervi e Bernard Zehrfuss e aprobados por un comité internacional de cinco membros: Lucio Costa, Walter Gropius, Le Corbusier, Sven Markelius e Ernesto Rogers. Tamén foi consultado Eero Saarinen.

En 1960 lánzase o primeiro proxecto de grandes dimensións: a protección do templo de Abu Simbel e outros 21 monumentos e complexos arquitectónicos en Exipto, ameazados pola construción do encoro de Asuán.

En 1985, Estados Unidos abandona a UNESCO alegando diferenzas en temas de xestión; o Reino Unido e Singapur tamén a abandonaron en 1986. Isto fixo que o orzamento diminuíra considerabelmente durante os anos seguintes. Os tres países reincorporáronse posteriormente (en 2003, 1997 e 2007 respectivamente).

Órganos reitores

Os órganos reitores da UNESCO son a Conferencia Xeral e o Consello Executivo[19].

A Conferencia Xeral

A Conferencia Xeral está formada por representantes de todos os Estados membros da organización. Reúnese cada dous anos, coa participación dos estados membros e dos membros asociados.Cada estado membro ten un voto, independentemente de cal sexa a súa achega ao orzamento da organización.

Tamén se invita a participar, en calidade de observadores, a Estados non membros, organizacións intergobernamentais, organizacións non gobernamentais e fundacións.

A Conferencia Xeral determina a orientación e a liña de actuación xeral da UNESCO. Decide o Programa e o orzamento da UNESCO para os dous anos seguintes. Elixe aos membros do Consello Executivo e designa, cada catro anos, ao Director Xeral.

Os idiomas de traballo da Conferencia Xeral son inglés, árabe, chinés, español, francés e ruso.

O Consello Executivo

O Consello Executivo, á unha sorte de consello de administración da UNESCO. Prepara o traballo da Conferencia Xeral e vela porque as decisións se executen axeitadamente.

As funcións e responsabilidades do Consello Executivo emanan da Constitución e dos regulamentos ou directivas establecidos pola Conferencia Xeral. Este regulamento complementase coas resolucións da Conferencia Xeral. Cada dous anos, a Conferencia Xeral encarga tarefas específicas ao Consello. Outras atribucións emanan de acordos asinados entre a UNESCO e a ONU, as institucións especializadas e outras organizacións intergobernamentais.

Os seus 58 membros son escollidos pola Conferencia Xeral. A selección respecta a diversidade de culturas e a orixe xeográfica que representa cada país; trátase de acordos complexos para lograr que haxa equilibrio entre as diversas rexións do mundo, e reflectir a universalidade da organización. O Consello Executivo reúnese dúas veces no ano.

Directores Xerais da UNESCO

En xuño de 2013, eran 11 os directores xerais da UNESCO dende a súa creación: nove homes e dúas mulleres. Os 11 directores xerais da UNESCO proceden de seis rexións da organización: Europa Occidental (5), América Central (1), América do Norte (2), África Occidental (1), Asia Oriental (1) e Europa Oriental (1).

Ata a data, non houbo ningún director xeral elixido das dez rexións restantes da UNESCO: sueste asiático, sur de Asia, Asia central e do norte, Oriente Medio, norte de África, África oriental, África central, Suráfrica, Australia-Oceanía e Suramérica.

A lista dos directores xerais da UNESCO dende a súa creación en 1946 é a seguinte:[20]

ImaxeNomeNacionalidadePeríodo
1. Julian Huxley Reino Unido19461948
2. Jaime Torres Bodet México19481952
3. John Wilkinson Taylor Estados Unidos19521953
4. Luther Evans Estados Unidos19531958
5. Vittorino Veronese Italia19581961
6. René Maheu Francia19611974
7.  Amadou-Mahtar M'Bow Senegal19741987
8.   Federico Mayor Zaragoza España19871999
9. Koichiro Matsuura Xapón19992009
10. Irina Bokova Bulgaria2009-2017
11. Audrey Azoulay Francia2017-presente

Conferencia Xeral

Esta é a lista das sesións da Conferencia Xeral da UNESCO celebradas dende 1946:[21]

SesiónLocalizaciónAnoPresidida porDende
París1946Léon Blum  Francia
Cidade de México1947Manuel Gual Vidal  México
Beirut1948Hamid Bey Frangie  Líbano
1ª extraordinariaParís1948
París1949Edward Ronald Walker  Australia
Florencia1950Stefano Jacini  Italia
París1951Howland H. Sargeant  Estados Unidos
París1952Sarvepalli Radhakrishnan  India
2ª extraordinariaParís1953
Montevideo1954Justino Zavala Muniz  Uruguai
Nova Deli1956Abul Kalam Azad  India
10ªParís1958Jean Berthoin  Francia
11ªParís1960Akale-Work Abte-Wold  Etiopía
12ªParís1962Paulo de Berrêdo Carneiro  Brasil
13ªParís1964Norair Sisakian  Unión Soviética
14ªParís1966Bedrettin Tuncel  Turquía
15ªParís1968William Eteki Mboumoua  Camerún
16ªParís1970Atilio Dell'Oro Maini  Arxentina
17ªParís1972Toru Haguiwara  Xapón
3ª extraordinariaParís1973
18ªParís1974Magda Jóború  Hungría
19ªNairobi1976Taaita Toweett  Kenya
20ªParís1978Napoléon LeBlanc  Canadá
21ªBelgrado1980Ivo Margan  Iugoslavia
4ª extraordinariaParís1982
22ªParís1983Saïd Tell  Xordania
23ªSofía1985Nikolai Todorov  Bulgaria
24ªParís1987Guillermo Putzeys Alvarez  Guatemala
25ªParís1989Anwar Ibrahim  Malaisia
26ªParís1991Bethwell Allan Ogot  Kenya
27ªParís1993Ahmed Saleh Sayyad  Iemen
28ªParís1995Torben Krogh  Dinamarca
29ªParís1997Eduardo Portella  Brasil
30ªParís1999Jaroslava Moserová  República Checa
31ªParís2001Ahmad Jalali  Irán
32ªParís2003Michael Omolewa  Nixeria
33ªParís2005Musa Bin Jaafar Bin Hassan Omán
34ªParís2007Georgios Anastassopoulos  Grecia
35ªParís2009Davidson Hepburn  Bahamas
36ªParís2011Katalin Bogyay  Hungría
37ª[22]París2013Hao Ping  China
38ªParís2015Stanley Mutumba Simataa[23]  Namibia
39ªParís2017Zohour Alaoui[24]  Marrocos
40ªParís2019

Ahmet Altay Cengizer[25]

 Turquía
41ª[26]París2021Santiago Irazabal Mourão  Brasil

Críticas á UNESCO

A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura foi fortemente criticada ó longo da súa historia. Os críticos a acusan de tomar posicións contrarias á liberdade de prensa e de mercados, en particular pola iniciativa New World Information and Communication Order que recoñecía o dereito dos estados a censurar á prensa. En 1984 os Estados Unidos abandonaron a organización en protesta.

Así, mesmo no período dos anos 1970 e 1980, a organización recibiu repetidas acusacións de malgasto e corrupción.

Posteriormente, baixo a dirección de Federico Mayor Zaragoza e Koichiro Matsuura a UNESCO foi recuperando progresivamente a súa credibilidade, culminando coa reincorporación dos Estados Unidos no 2002.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: