John Forbes Nash
John Forbes Nash, Jr., nado en Bluefields (Virxinia Occidental) o 13 de xuño de 1928 e finado en Monroe Township (Nova Jersey) o 23 de maio de 2015 foi un matemático estadounidense que realizou contribucións fundamentais na teoría de xogos, a xeometría diferencial e as ecuacións en derivadas parciais.[1][2]
En 1994 compartiu o Premio Nobel de Economía cos teóricos de xogos Reinhard Selten e John Harsanyi e en 2015 recibiu o premio Abel. A súa loita contra a esquizofrenia é a base da biografía escrita por Sylvia Nasar, A Beautiful Mind, e do filme homónimo protagonizado por Russell Crowe.[3][4][5]
Traxectoria
Nash naceu en 1928, fillo de John Forbes Nash, enxeñeiro eléctrico, e Margaret Virginia Martin, mestra de escola antes de casar. Nash asistiu ao parvulario e a escolas públicas e aprendeu de libros que lle deixaban os seus pais e os seus avós. Tras estudar matemáticas avanzadas no último ano de instituto pasou ao Carnegie Institute of Technology, dedicándose inicialmente á enxeñaría química. Finalmente, por consello do seu profesor John Lighton Synge cambiou ás Matemáticas, entrando na Universidade de Princeton.
Conseguiu o doutoramento en filosofía en 1950 cunha disertación de 28 páxinas sobre os xogos non cooperativos.[6][7] A tese contén a definición e as propiedades do equilibrio de Nash, concepto fundamental dos xogos non cooperativos. Nash fixo tamén importantes contribucións noutros campos das Matemáticas.
En 2011 a Axencia Nacional da Seguridade desclasificou cartas escritas por Nash na década de 1950 nas que propoñía unha nova máquina de encriptamento e desencriptamento.[8] As cartas amosan que Nash anticipara moitos conceptos da criptografía moderna.[9]
En 1951 Nash foi contratado polo Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) e un ano despois comezou unha relación coa enfermeira Eleanor Stier. Tiveron un fillo, John David Stier, pero Nash abandonou a Stier cando lle dixo que estaba embarazada.[10] Pouco despois coñeceu a Alicia López-Harrison de Lardé, salvadoreña nacionalizada estadounidense, graduada en Física polo MIT. Casaron en 1957. Cando estaba embarazada comezaron os primeiros síntomas da enfermidade de Nash.
A enfermidade mental de Nash comezou a manifestarse en forma de paranoia. En abril de 1959 foi ingresado no Hospital McLean, onde estivo ata o mes de maio. Alí diagnosticáronlle esquizofrenia paranoide. En 1961 ingresou no Hospital Estatal de Nova Jersey en Trenton e nos seguintes nove anos pasou tempadas en hospitais psiquiátricos, recibindo medicación antipsicótica e terapia de shock con insulina.[11][12]
Despois de 1970 non volveu ser ingresado e rexeitou toda a medicación.
En 1978 recibiu o John von Neumann Theory Prize polo seu descubrimento dos equilibrios non cooperativos e en 1999 gañou o Leroy P. Steele Prize. En 1994 recibiu o Premio Nobel de Economía xunto con John Harsanyi e Reinhard Selten, polo seu traballo na teoría de xogos durante a súa estadía en Princeton.
O 23 de maio de 2015, John e Alicia Nash morreron nun accidente de taxi cando volvían á casa trala visita a Noruega, onde Nash recibira o premio Abel. O condutor perdeu o control do vehículo e os dous pasaxeiros foron propulsados fóra do coche.[13][14][15][16][17]
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- Acocella, Nicola e Di Bartolomeo, Giovanni (2006), ‘Tinbergen and Theil meet Nash: controllability in policy games’, en: ‘Economics Letters’, 90(2): 213–218.
- Acocella, Nicola e Di Bartolomeo, G. e Piacquadio, P.G. [2009], ‘Conflict of interest, (implicit) coalitions and Nash policy games’, en: ‘Economics Letters’, 105: 303–305.
- Nasar, Sylvia (1998). A Beautiful Mind. Simon and Schuster. ISBN 9781439126493.
Ligazóns externas
- Páxina de John F. Nash, Jr. en Princeton
- IDEAS/RePEc
- Vídeo: Ariel Rubinstein's Lecture: "John Nash, Beautiful Mind and Game Theory"
- "Nash Equilibrium" artigo do 2002 en Slate de Robert Wright
- NSA releases Nash Encryption Machine plans to National Cryptologic Museum Arquivado 19 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. for public viewing, 2012
- John F. Nash Jr. (1928– ). The Concise Encyclopedia of Economics. Library of Economics and Liberty (2ª ed.) (Liberty Fund). 2008.
- Libros e coleccións da Princeton's Mudd Library, incluíndo unha copia da súa disertación
- "A Brilliant Madness Arquivado 18 de febreiro de 2017 en Wayback Machine." – documental de American Experience (PBS)