Katajjaq

O katajjaq ou canto de gorxa inuit é unha práctica cultural típica dos pobos inuit. Caracterízase por ser un canto difónico e lúdico practicado xeralmente por mulleres. É ademais un xogo executado por dúas mulleres en competición que se enfrontan cara a cara. Ten semellanzas co rekuhkara dos ainu, no Xapón.[1]

Cantantes tradicionais do canto de gorxa inuit.

Terminoloxía

Os primeiros europeos que escoitaron ós inuit practicar o katajjaq identificaron estes sons como cantos de gorxa ou cantos guturais. Pola súa banda, os etnomusicólogos Beverley Diamond e Nicole Beaudry preferiron utilizar os termos «xogos vocais» ou «xogos de gorxa» nas súas publicacións, para así pór énfase no aspecto lúdico e non no musical.[2][3] De feito, os inuit non teñen unha palabra equivalente a «música» e é a óptica cultural occidental que xerou confusión en canto ó lugar real que ocupan os xogos de gorxa dentro da cultura inuit. En realidade, a música inuit, tal como a entendemos, baséase esencialmente nas percusións, mentres que os xogos de garganta son practicados en dúos e comportan unha noción de competición con gañadores e perdedores.

Declinacións

Aínda que os inuit son un grupo étnico en si, no norte do Canadá existen diferentes subgrupos etnolingüísticos e, polo tanto, varias formas de chamar ó canto de gorxa inuit:

  • Iirngaaq – nalgunhas comunidades de Nunavut;[4]
  • Piqqusiraarniq ou Pirkusirtuk – en Igloolik e a Illa de Baffin;[5]
  • Qiarvaaqtuq – en Arviat;
  • Katajjaq ou Katadjak – en Nunavik e ó sur de Baffin;
  • Nipaquhiit – nalgunhas comunidades de Nunavut.

Historia

O katajjaq transmitiuse culturalmente das vellas xeracións ás máis novas sen deixar rexistros escritos que axuden a determinar a orixe exacta desta expresión. Porén, a comezos do século XIX, cos chegada dos europeos ás zonas de caza dos por entón nómades inuit, a práctica xa era parte da tradición nativa. A documentación do katajjaq comeza a realizarse coas descricións feitas por exploradores como William Edward Parry en 1824. En principio, o canto foi asociado a prácticas relixiosas, principalmente por misioneiros cristiáns, que vían nel unha forma de xamanismo ou de animismo.

A principios do século XX e até os anos setenta, por mor da evanxelización, sedentarización e a implantación dun sistema escolar alleo á cultura inuit foise perdendo a tradición. A partir da década dos 70 recuperouse, coa creación de Festivais, o desenvolvemento de estudos antropolóxicos e a aparición de mitos que axudaron a dar un novo auxe a esta tradición.

Intérpretes na cultura popular

  • Caroline Novalinga e a súa filla Shina Novalinga acadaron recoñecemento por subir vídeos en TikTok facendo canto de gorxa inuit. Publicaron un álbum xuntas en xuño de 2021.[6]

Notas