Kuki Zalazar

futbolista español

José Luis Zalazar Martínez, máis coñecido como Kuki Zalazar, nado en Montevideo o 5 de maio de 1998, é un futbolista hispano-uruguaio que xoga como centrocampista no Córdoba, da Primeira División RFEF. É fillo do exfutbolista internacional uruguaio José Luis Zalazar, histórico xogador do Albacete, e irmán do tamén futbolista Rodrigo Zalazar, que milita no Schalke 04.

Kuki Zalazar
Información persoal
NomeJosé Luis Zalazar Martínez
Nacemento5 de maio de 1998
Lugar de nacementoMontevideo
Altura1,76 m.
PosiciónDianteiro
Información de club
Club actualDeportivo da Coruña
Número17
Carreira xuvenil
Albacete
2012–2015Málaga
Carreira sénior
AnosEquiposAprs(Gls)
2014–2018Atlético Malagueño73(22)
2017–2018 Cartagena25(1)
2018–2021Valladolid Promesas85(20)
2018–2021Valladolid2(0)
2021–2022Ponferradina28(0)
2022–2023Deportivo da Coruña30(2)
2023–Córdoba5(1)
Selección nacional
2014España sub-164(1)
2014–2015España sub-1717(6)
Partidos e goles só en liga doméstica.
Club: actualizado a 25 de outubro de 2023.
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria

Nacido en Montevideo, aos dous meses trasladouse coa súa familia a Albacete, seguindo os pasos de seu pai, xogador por aquel entón do Albacete Balompié.[1][2] Na canteira dese mesmo club comezou a xogar ao fútbol José Luis, que recibiu dun amigo o alcume de "Kuki".[1]

En maio de 2012, con 14 anos, foi fichado polo Málaga para o seu equipo cadete. Pasou polo equipo xuvenil e o 31 de agosto de 2014 debutou co Atlético Malagueño na Terceira División, nun empate sen goles ante o Atlético Mancha Real. Compaxinou o xuvenil de División de Honra co filial durante toda a campaña, ata que na 2015/16 subiu definitivamente ao Atlético.

Na tempada 2017/18 foi cedido ao FC Cartagena, da Segunda División B, onde tivo como adestrador a Monteagudo.[3] Disputou 27 encontros, marcando un gol ante o Extremadura, e proclamouse campión do seu grupo, aínda que sen lograr o ascenso, ao perder na promoción contra o propio Extremadura.[4]

En agosto de 2018 rescindiu o seu contrato co Málaga e fichou polo Valladolid B, tamén de Segunda B.[5] O 31 de outubro de 2018 debutou co primeiro equipo do Valladolid, da man do técnico Sergio González, saíndo de titular nunha vitoria por 1-2 na Copa do Rei sobre o Mallorca en Son Moix. Xogou no filial durante esa campaña e dúas máis, chegando a exercer como capitán. Disputou un total 85 encontros co equipo, marcando 20 goles. Na xornada 19 da tempada 2020/21 debutou na Primeira División,[6] contra o Elche (2-2), saltando ao campo de Zorrilla no minuto 89 como substituto de Óscar Plano.[7]

En agosto de 2021 deixou Valladolid e fichou pola Ponferradina, da Segunda División.[8] Xogou un total de 31 encontros no club do Bierzo, a maioría deles como suplente, e marcou un gol na Copa do Rei.

O 31 de agosto de 2022 anunciouse a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña da Primeira División RFEF.[9] Aínda que debutou como titular ante o Mérida, apenas contou coa confianza do técnico Borja Jiménez. A súa situación non mellorou coa chegada ao banco de Óscar Cano, co que encadeou ata 18 suplencias consecutivas.[10] Volveu ao once inicial en varios partidos do treito final da competición e marcou un gol na frustrada promoción de ascenso a Segunda. Pechou a tempada cun total de 31 partidos, 6 deles como titular, e 2 goles.

A finais de agosto de 2023 rescindiu o seu contrato co Deportivo e asinou como novo xogador do Córdoba.[11]

Selección nacional

En 2014 debutou coa selección española sub-16, coa que disputou 4 partidos nos que marcou un gol. Máis tarde foi convocado pola selección sub-17, coa que fixo un total de 17 aparicións, anotando 6 goles.

Vida persoal

É fillo de Eva Martínez e José Luis Zalazar, destacado futbolista uruguaio que foi 29 veces internacional coa selección uruguaia e que é o xogador con máis partidos na Primeira División da historia do Albacete.[12] Seu irmán Rodrigo é tamén futbolista e milita no Schalke 04.[13]

Palmarés

Cartagena

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas