Lémure

primate de Madagascar

O lémure,[3] Lemur catta, é un primate da suborde dos estrepsirrinos, infraorde dos lemuriformes e familia dos lemúridos, o único representante do xénero Lemur.[4][5]

É o lemúrido máis coñecido por mor da súa longa cola con aneis brancos e negros. Como todo os lémures, é endémico da illa de Madagascar. É coñecido localmente como hira (en malgaxe) ou maki (en francés e malgaxe).[6]

Vive en bosques de galería e matogueiras das rexións meridionais da illa. É omnívoro e tamén é o lémure máis terrestre de todos. É un animal fundamentalmente diúrno, pero moitas veces é catemeral.

Taxonomía

Descrición

Tanto o xénero como a súa única especie foron descritos en 1758 por Linneo,[5] nas páxinas 29 e 30, respectivamente, do volume I da 10ª edición do seu Systema Naturae.[4]

Etimoloxías

Xénero

O nome do xénero, Lemur, deriva do substantivo masculino plural latíno lemures, -um, que significa "ánimas dos mortos" ou "espectros".[7][8]

Especie

O epíteto específico, catta, é un termo do latín científico tirado do latín cattus, "gato",[9] debido ao aspecto felino desta especie, e porque a súa voz rosmante é similar á do gato doméstico.[8]

Sinónimos

Xénero

O xénero, ademais do protónimo cuñado por Linneo, coñeceuse tamén polos sinónimos:[10][8]

  • Catta Link, 1806
  • Maki Muirhead, 1819
  • Mococo Lesson, 1878
  • Odorlemur Bolwig, 1961
  • Procebus Storr, 1780
  • Prosimia Boddaert, 1785

Especie

Ademais de polo protónimo, debido a Linneo, o especie coñeceuse tamén polo sinónimo:[4]

  • Lemur mococo (Muirhead, 1819)

Características

A cola do lémure ten unha lonxitude maior que a da cabeza e o tronco.

É un lémure relativamente grande; o seu peso medio é de 2,2 kg, e a súa lonxitude corporal desde a cabeza até o final do tronco varía entre os 39 e os 46 cm, cunha cola de entre os 56 e os 63 cm, polo que a súa lonxitude total é de entre os 95 e os 110 cm.[11][12]

A lonxitude deas patas traseiras é de entre os 10,2 e os 11,3 cm, a das orellas é de 40 a 48 mm e a lonxitude do seu cranio é de entre os 78 e os 88 mm.[11]

A súa estrutura corporal é esvelta, e a cara é estreita, cun fociño parecido ao dun raposo.[11] A longa e mesta cola, a súa característica máis distintiva, presenta uns 12 ou 13 aneis formados por franxas transversais alternas brancas e negras, e sempre remata nunha punta negra.[11][13] O número total de aneis practicamente coincide co número aproximado de vértebras caudais.[14]

A cola non é prénsil, e utilízaa como axuda para manter o equilibrio e para a comunicación e a cohesión do grupo.[15]

A pelaxe é tan densa que pode, por exemplo, obstruír máquinas de afeitar eléctricas. A zona ventral e a garganta son de cor branca ou crema e a zona dorsal (costas) varía da gris á parda rosada, ás veces cunha mancha marrón ao redor da zona da cola, onde a pelaxe varía do gris pálido á parda agrisada. Aínda que se poden observar pequenas variacións faciais entre individuos, non hai ningunha diferenza apreciábel entre sexos.[11]

Hábitat e distribución

A notábel flexibilidade ecolóxica do lémure permítelle a colonizar grande e diversa variedade de hábitats no sur, suroeste e centro-sur de Madagascar, incluíndo bosques de folla caduca, de zonas litorais e secas, matogueiras, matogueiras espiñentas, matogueiras ericoides e vexetación que aflora entre as rochas.[16] De feito, na parte superior da súa área de distribución en Andringitra, o lémure encóntrase nunha zona por rina da liña forestal e nunha vasta extensión de rochas verticais con valgadas de até 400 m de altura, rodeadas de sabana ericoide. Acha as condicións climáticas máis extremas desde a zona máis quente e seco, Tsimanampesotse, até a máis fría, o Macizo de Andringitra ("deserto de rochas"),[17] no Parque Nacional de Andringitra.[16]

Poboación

Sospéitase que a poboación desta especie está en declive, xa que os individuos están restrinxidos en gran parte en zonas completa ou relativamente illadas ao longo da súa área de distribución, e as densidades de poboación globais son baixas.[18][19] Só hai oito poboacións coñecidas que teñen máis de 100 individuos.[20] Noutros lugares están suxeitos á presión da caza para o consumo, e á captura de espécimes vivos para o comercio de mascotas dentro do país. O lume tamén presenta un risco para os lémures, ao igual que a perda de diversidade xenética resultante do illamento das poboacións. Semella que esta especie se ve afectada negativamente pola fragmentación do hábitat.[21]

Bioloxía

Nutrición

O lémure ten unha dieta omnívora, aínda que é fundamentalmente fruxívoro e folívoro

Lemur catta ten unha dieta variada que non parece estar limitada polas fontes de auga dispoñíbeis,[16] aínda que, cando está dispoñíbel, bebe auga diariamente. Os lémures son catemerais e poden estaren activos a calquera hora do día ou da noite, aínda que parecen evitar a actividade nocturna cando as temperaturas durante a noite son baixas.[22][23][24]

É un primate omnívoro oportunista, aínda que a súa dieta está formada fundamentalmente por froitas e follas, en especial as do tamarindo (Tamarindus indica), coñecido localmente como kily.[13][25] Cando está dispoñíbel, o tamarindo forma o 50 % da súa dieta, sobre todo durante a tempada seca invernal.[13]

Aliméntase de non menos de tres ducias de especies de plantas diferentes, e a súa dieta inclúe flores, herbas, cascas e saiba. Foi observado comendo madeira en descomposición, terra, arañeiras, larvas de insectos, artrópodos (arañas, eirugas, chicharras e saltóns) e pequenos vertebrados (paxaros e camaleóns).[13] Durante a tempada seca vólvese máis oportunista.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: