North American AJ Savage

O North American AJ Savage (despois A-2 Savage) foi un bombardeiro medio embarcado fabricado para a Armada dos Estados Unidos por North American Aviation. O avión deseñouse pouco despois da segunda guerra mundial para levar bombas atómicas e iso significada que era o avión máis pesado ata a data deseñado para operar dende un portaavións. Estaba impulsado por dous motores de pistóns e un turborreactor encerrado na parte traseira da fuselaxe. O AJ-1 entrou en servizo en 1950 e varios baseáronse en Corea do Sur durante 1953 como un elemento disuasorio contra Corea do Norte. Dos 140 fabricados, ademais de tres prototipos, 30 foron avións de recoñecemento. A mediados dos anos 50 implementouse equipo de repostaxe en voo no Savage. O bombardeiro foi substituído polo Douglas A3D Skywarrior a partir de 1957.

North American AJ Savage
Tipobombardeiro medio
FabricanteNorth American Aviation
Primeiro voo3 de xullo de 1948
Introducido1950
Retirado1960
Principais usuariosArmada dos Estados Unidos
Unidades construídas143

Deseño e desenvolvemento

A finais da segunda guerra mundial a Armada dos Estados Unidos iniciou unha competición de deseño o 13 de agosto de 1945 para un bombardeiro embarcado que puidese levar 4 500 kg de bombas. A competición foi gañada por North American Aviation. Posteriormente nese ano a Armada decidiu que necesitaba ser capaz de lanzar bombas atómicas e que o deseño do AJ Savage debería adaptarse para acomodar a última bomba nuclear Mark 4, o seguinte paso no desenvolvemento do deseño máis sofisticado da esfera de plutonio implosionante Fat Man Mk3 usada en Nagasaki. O 24 de xuño de 1946 adxudicouse un contrato por tres prototipos XAJ-1 e unha fuselaxe para probas estáticas. O primeiro prototipo realizou o seu voo de estrea dous anos despois, o 3 de xullo de 1948.[1] Ese mesmo ano a Armada iniciou un programa de capacidade provisional empregando o Lockheed P-2 Neptune que levaba unha reprodución da bomba nuclear Little Boy, máis pequena e máis sinxela, como o primeiro avión portador dunha bomba atómica ata a entrada en servizo do Savage. O Neptune podía engalar usando asistentes JATO, pero non podía aterrar nos portaavións da época; se os lanzaban tiñan que amarar despois da súa misión ou aterrar nunha base aérea amiga.[2]

O prototipo XAJ-1

O AJ-1 era un monoplano de á alta, tres asentos e un tren de aterraxe de triciplo. Para facilitar as operacións embarcadas, os paneis exteriores das ás e a cola podíanse plegar manualmente.[3] Foi equipado con dous motores de pistóns Pratt & Whitney R-2800-44W Double Wasp de 2 300 cabalos de potencia (1 700 kW), montados en góndolas baixo cada á cun gran turbocompresor dentro de cada góndola, e un turborreactor Allison J33-A-10 de 20 000 N foi instalado na fuselaxe traseira. O reactor estaba pensado para ser usado só durante a engalaxe e a velocidade máxima preto do obxectivo,[4] e estaba alimentado por unha entrada de aire na parte superior da fuselaxe que normalmente estaba pechada para reducir a resistencia.[5] Para simplificar o sistema de combustible, o reactor usaba avgas de motores de pistóns en vez de combustible para reactores. Na fuselaxe instalouse un tanque de 760 litros autoselado, e había outro de 1 920 litros en cada á. O avión levaba normalmente tanques de 1 100 l nas puntas das ás e podía levar ademais tres tanques máis na bodega de bombas cunha capacidade total de 6 200 l. Ademais da súa carga de bombas de 5 400 kg, o bombardeiro estaba desarmado.

Dous dos tres prototipos esnafráronse durante as probas, pero as súas perdas non afectaron ao desenvolvemento material do avión xa que o primeiro lote de Savages fora pedido o 6 de outubro de 1947. A diferenza máis significativa entre o XAJ-1 e o avión de produción foi a revisión da cabina de mando para acomodar un terceiro tripulante nun compartimento separado. O primeiro voo dun avión de produción foi en maio de 1949 e o Fleet Composite Squadron 5 (VC-5) converteuse no primeiro escuadrón en recibir o Savage en setembro.[6] O escuadrón participou en probas e avaliou o avión xunto co Naval Air Test Center (NATC) para acelerar a introdución do Savage na frota.[7] A primeira engalaxe e o primeiro aterraxe do bombardeiro dende un portaavións tivo lugar no USS Coral Sea o 21 de abril e o 31 de agosto de 1950, respectivamente. Moitos dos AJ-1 superviventes actualizaron a súa cola á configuración mellorada do AJ-2.[8]

Unha versión de fotorrecoñecemento do Savage, coñecida inicialmente como AJ-1P pero despois designada AJ-2P, foi pedida o 18 de agosto de 1950. Tiña motores de pistóns R-2800-48 mellorados e a súa cola foi redeseñada para engadir 30 cm de altura á súa deriva. Eliminouse o diedro de 12° dos estabilizadores de cola e ampliouse o temón o que alongou lixeiramente a aeronave. Os primeiros AJ-2P mantiveron a tripulación de tres homes, pero os últimos avións do modelo engadiron un cuarto tripulante mirando cara atrás na cabina superior. A capacidade interna de combustible do Savage tamñen foi incrementada. O morro do avión foi remodelado cun prominente "queixo" para acomodar unha cámara oblicua orientada cara a adiante e unha variedade de cámaras oblicuas e verticais podían instalarse no compartimento de bombas. Tamén podían levarse bombas de flash para misións de fotografía nocturna.[9]

O AJ-2 incorporaba todos os cambios realizados no último modelo AJ-2P e 55 avións foron pedidos o 14 de febreiro de 1951. O AJ-2 eliminaba o compartimento separado para o terceiro tripulante, pero mantiña o terceiro asento na cabina do AJ-2P.[10]

Ao redor de 1954, NATC modificou o único XAJ-1 supervivente para realizar probas de reabastecemento en voo utilizando a configuración de sonda-cesta. O motor turborreactor foi retirado e a mangueira de combustible e a súa cesta estendíanse desde a antiga tobeira. Os avións en servizo mantiveron o turborreactor e modificáronse as súas portas do compartimento de bombas para acomodar a mangueira e a cesta. A finais de 1954 xa estaban a repostar avións.[11]

Notas

Bibliografía

  • Ginter, Steve. North American AJ-1 Savage (Naval Fighters Number 22). Simi Valley, California: Steve Ginter, 1992. ISBN 0-942612-22-1.
  • Johnson, E.R. American Attack Aircraft Since 1926. Jefferson, North Carolina: McFarland, 2008. ISBN 978-0-7864-3464-0.
  • Miller, Jerry. Nuclear Weapons and Aircraft Carriers: How the Bomb Saved Naval Aviation. Washington, D.C.: Smithsonian Institution Press, 2001. ISBN 1-56098-944-0.
  • Swanborough, Gordon e Peter M. Bowers. United States Navy Aircraft Since 1911. Londres: Putnam, 3rd ed., 1990. ISBN 0-85177-838-0.