Oswaldo García Nardi

futbolista arxentino

Oswaldo García Nardi, nado en Rosario o 26 de marzo de 1927, é un exfutbolista arxentino. Xogaba de centrocampista. Chegou en 1950 ao Deportivo da Coruña, onde formou xunto a Corcuera, Franco, Tino e Moll, a Orquestra Canaro, unha das dianteiras máis célebres da historia do club.

Oswaldo
Información persoal
NomeOswaldo García Nardi
Nacemento26 de marzo de 1927 (97 anos)
Lugar de nacementoRosario
PosiciónCentrocampista
Carreira sénior
AnosEquiposAprs(Gls)
Newell's Old Boys
–1950Tiro Federal
1950–1954Deportivo da Coruña108(44)
1954–1957Español51(7)
1957–1958Granada12(0)
1958–1961Deportivo da Coruña6(1)
Partidos e goles só en liga doméstica.
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria

Comezou en Newell's Old Boys, pasando logo ao Club Atlético Tiro Federal, onde xogou como interior dereito.[1] Con 23 anos chegou ao Deportivo da Coruña, acompañado por outra fichaxe arxentina, Julio Corcuera. para unirse a un equipo no que había dous futbolistas arxentinos máis, Rafael Franco e Rafael Ponce, ademais do adestrador, Oso Díaz.

No Deportivo formou xunto a Corcuera, Franco, Tino e Moll a célebre Orquestra Canaro, unha dianteira que marcou 57 goles na tempada 1950/51, dos cales 11 foron de Oswaldo. Xogou catro anos no Deportivo, sendo a súa mellor tempada a terceira, na que marcou 18 goles.

En outubro de 1954 foi traspasado ao Espanyol.[2][3] Xogou 63 partidos en tres tempadas co Espanyol, marcando 5 goles.[4] En agosto de 1957 fichou polo Granada adestrado por Scopelli,[5] onde xogou só 12 partidos, sen ver portería.

En agosto de 1958 volveu á Coruña, despois de rexeitar mellores ofertas económicas doutros equipos, para retirarse no equipo co que vivira a súa mellor época futbolística.[6] Con todo, o seu rendemento non foi bo, xogando só oito partidos na tempada 1958/59 e ningún na tempada seguinte, na que o adestrador Jesús Barrio chegou a prohibirlle adestrar co equipo, debido, segundo o club, ao seu mal comportamento.[7] En agosto de 1960 o club ofreceulle 300.000 pesetas e a carta de liberdade como liquidación do seu contrato, pero a oferta foi rexeitada, decidindo o xogador cumprir os dous anos que lle restaban de contrato.[8] Deste xeito o futbolista continuou no Deportivo durante a tempada 1960/61, aínda que o club se negou a pagarlle o salario correspondente. Finalmente o litixio resolveuse en xaneiro de 1961, coa desvinculación do futbolista do club, acordando un pagamento de 200.000 pesetas e outras 200.000 durante os seguintes dous anos.[9] Durante as súas dúas etapas no Deportivo xogou un total de 118 partidos e marcou 45 goles.

Vida persoal

Casou coa coruñesa María del Pilar Martínez e tivo dous fillos, nacidos na Coruña.[6]

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas