Píllara real

A píllara real[2][3][4][5][6] (Charadrius hiaticula) é unha ave limícola de pequeno tamaño da familia Charadriidae.

Descrición

Son aves de entre 18 e 20 cm de lonxitude e entre 40 e 80 gramos de peso. As ás abertas miden de 40 a 55 cm de punta a punta. Teñen a plumaxe da parte superior do corpo castaña agrisada e a da parte inferior branca. Teñen unha pucha marrón na cabeza, a testa branca e unha máscara negra ó redor dos ollos. O papo é branco, cunha faixa negra ancha. O peteiro e curto, escuro na parte dianteira e amarelo cara a atrás. As patas son amareladas e os ollos negros. Diferéncianse da moi semellante pero algo máis pequena píllara semipalmada (Charadrius semipalmatus), por teren só os dúas dedas exteriores dos pés lixeiramente palmadas, mentres que este as ten as tres.

A coloración de machos e femias e semellante, pero os exemplares novos son de cores máis escuras, coa banda peitoral a miúdo incompleta, o bico uniformemente escuro e patas grises amareladas.

Hábitat e distribución

Crían preferentemente en zonas costeiras abertas e sen vexetación. Algúns exemplares crían no interior, en zonas de augas interiores.

A súa área de reprodución abrangue o norte de Eurasia, chegando en Europa ata o norte de Francia, e a zona ártica do Canadá. Son aves migratorias e pasan o inverno nas costas mediterráneas, africanas e do suroeste de Asia, por ben que moitos exemplares de Francia e África.

Aproximación do macho

Subespecies

A especie divídese en tres subespecies, diferenciadas por pequenos cambios de tamaño e cor:

  • Charadrius hiaticula hiaticula, que cría nas zonas temperadas do oeste de Europa ata Escandinavia central. Son residentes ou fan migracións de radio curto ata o suroeste de Europa. É a subespecie meirande e máis pálida.
  • Charadrius hiaticula psammodroma, subespecie que cría en Islandia, Groenlandia e nordeste do Canadá e pasa o inverno no oeste de África.
  • Charadrius hiaticula tundrae. Os individuos desta especie crían no norte ártico de Escandinavia e Asia e pasan o inverno en África e suroeste de Asia. É a subespecie máis escura e máis pequena.

C. h. hiaticula e C. h. tundrae están incluídas entre as aves protexidas polo acordo do AEWA.

Alimentación

Aliméntanse de vermes, caracois, crustáceos, insectos e arácnidos. A caza faise coma no caso doutras píllaras con carreiras seguidas de paradas bruscas para cacha-las presas co bico.

Niño con ovos

Reprodución

Son aves moi territoriais durante a época de cría. En marzo comezan a ocupar un territorio de cría. Crían entre maio e agosto. O niño é unha pequena depresión no chan, acondicionada con pedriñas e materiais deixados pola marea, por ben que, ás veces, é un simple burato sen máis. Poñen uns catro ovos da cor da area con manchas escuras, que chocan ámbolos dous membros da parella entre 23 e 25 días. Os polos poden voar cando teñen tres ou catro semanas e son capaces de reproducirse antes de cumprir o primeiro ano de vida. Se un depredador potencial se achega ós polos os adultos afástanse deles mirando de atraer ó intruso e finxindo que teñen unha ala rota. Cando conseguen afastar ó inimigo dos polos botan a voar.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas