Paulo González Ogando
Paulo González Ogando, nado en Pontevedra o 24 de setembro de 1982, é un profesor de matemáticas e escritor galego.[1]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 24 de setembro de 1982 (41 anos) Pontevedra, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | escritor |
Familia | |
Pais | Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel |
Páxina web | paulo.gal |
Traxectoria
Estudou secundaria no IES Torrente Ballester e licenciouse en Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela.
Comezou traballando de analista na empresa privada en Madrid. Despois foi docente de matemáticas en Ordes, Hervás, Pobra de Seabra, Medina de Pomar e finalmente no IES Johán Carballeira de Bueu.[2]
No seu blog compaseregra[3] leva compartidas máis de duascentas construcións dinámicas elaboradas seguindo as normas clásicas da xeometría con regra e compás.[4] Tamén elaborou múltiples actividades con Geogebra.[5] Ten publicado artigos en La Gaceta de la Real Sociedad Matemática Española, Revista Números, Revista SUMA[6] e Boletín de la titulación de matemáticas de la UAL,[7] Boletín das Ciencias.[8]
En 2022 publicou Bocados matemáticos.[9] Libro de divulgación no que "pretende romper prexuízos, facer pensar e acercar as matemáticas en pequenos bocados",[10] "facer que a xente vexa as matemáticas con outra mirada, que perda os medos e bloqueos e que lles dean outra oportunidade"[11] e aumentar a divulgación científica en galego.[12] Segundo María Navarro son "un bocado ben gorentoso para os especialistas na materia e profanos que queiran mordisquear contidos matemáticos dunha forma amena e gustosa".[13]
Tamén en 2022 saíu en castelán Matemáticas y deporte, no que se relacionan estes dous mundos fixando a atención en atletismo, baloncesto, ciclismo, fútbol, tenis, billar, natación, tiro ou béisbol.[14]
Obra
En galego
- Bocados matemáticos (2022). Vigo: Xerais, Básicos ciencia. 136 páxs. ISBN 978-84-1110-046-5. ePub: ISBN 978-84-1110-052-6.[15][16]
En castelán
- Matemáticas y deporte (2022). Madrid: Catarata, Col. Miradas matemáticas. 128 páxs. ISBN 978-84-1352-429-0.
Familia
Paulo González Ogando é fillo de Vitoria Ogando e Anxo González Guerra.
Premios
- Gañador do Premio de microrrelatos Cela 2022.[17]