Picafollas sombrío

Picafollas sombrío
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino:Animalia
Filo:Chordata
Clase:Aves
Orde:Passeriformes
Familia:Phylloscopidae
Xénero:Phylloscopus
Especie:P. fuscatus
Nome binomial
Phylloscopus fuscatus
(Blyth, 1842)

O picafollas sombrío[2] ou picafollas fusco[3] (Phylloscopus fuscatus) é unha especie de ave paseriforme da familia Phylloscopidae (antes considerábase un Sylviidae), que vive no leste de Asia.

O nome do xénero Phylloscopus procede do grego antigo phyllon, 'folla' e skopos, 'buscador' (de skopeo, 'observar, ollar'). O nome específico, fuscata, procede do latín fuscus, 'escuro'.[4]

Descrición

Ten un tamaño e forma similares ao picafollas europeo, cunha lonxitude media entre os 12 e os 12,5 cm. As súas partes superiores son de cor parda agrisada sen vetas e as inferiores son abrancazadas. Presenta unha destacada liña superciliar abrancazada e unha liña ocular algo máis escura que o resto da face. O bico é fino e bicudo, coa mandíbula superior gris e a inferior abrancazada. Os dous sexos teñen un aspecto similar, pero os inmaturos teñen as partes inferiores de tons verdosos.

Distribución e hábitat

É unha ave migratoria de longa distancia que cría en Siberia (desde o oeste das montañas Altai ata Kamchatka), Mongolia, Corea do Norte, o interior da China e o extremo oriental de Casaquistán; e desprázase ao sur para pasar o inverno no sueste asiático, o sur da China e o leste do subcontinente indio. Adoita aparecer como ave errante en Europa e Norteamérica. En Galicia é unha ave accidental.[3]

O seu hábitat natural é o monte baixo aberto e as pradeiras húmidas, xeralmente preto de masas de auga como pantanos e ríos, aínda que pasa o inverno nas selvas de terras baixas e os mangleirais.

Comportamento

Son principalmente insectívoros, aínda que poden complementar a súa dieta con pequenas cantidades de materia vexetal como as bagas. Aniña nos arbustos a baixa altura e adoita poñer entre 5 e 6 ovos.

A súa canción é un asubío monótono, e a súa chamada é un áspero check. A chamada é a primeira pista da presenza desta especie merodeadora cando está lonxe dos seus terreos de reprodución.[5]

Notas

Véxase tamén