Río Rin

río de Europa

O Rin (Rhein en alemán, Rhin en francés, Rijn en neerlandés, Rain en retorrománico) é un dos ríos máis longos e importantes de Europa, con 1238 km e un caudal de 2300 m³/s. Atravesa Europa de sur a norte, desembocando no mar do Norte.

Rin
Fervenzas en Schaffhausen.
PaísSuíza Suíza
Austria Austria
Liechtenstein Liechtenstein
Francia
Alemaña Alemaña
Países Baixos Países Baixos
NacementoAlpes (Suíza)
Altitude2344 msnm
Lonxitude1238 km
Caudal medio2300 m³/s
DesembocaduraMar do Norte (Países Baixos)
Loreley

O nome Rin é de orixe celta e significa fluír (como en grego antigo 'rheīn'=fluír). Xunto co Danubio, o Rin constituía a maior parte da fronteira setentrional do Imperio Romano. Os romanos chamaban o río co nome de Rhenus. Desde esa época o Rin é un curso de auga moi usado para o transporte e o comercio.

Xeografía

Nace nos Alpes, no leste de Suíza, no cantón de Grisons (ou Graubünden en alemán) e é o resultado da confluencia de dous ríos, o «Rin anterior» e o «Rin posterior». Desauga no mar do Norte mesturando as súas augas coas do río Mosa no gran delta. Atravesa ou acompaña seis países: Suíza, Austria, Liechtenstein, Alemaña, Francia e os Países Baixos.
Constitúe a fronteira natural entre Suíza e Liechtenstein, entre Alemaña e Suíza e entre Alemaña e Francia.

Nos Países Baixos, o Rin divídese para formar un delta:

  • Preto de Noviomago o Rin divídese no Rin Baixo (ou Nederrijn en neerlandés), o Linga (ou Linge en neerlandés) e o Vales (ou Waal en holandés)
  • En Arnhemia, o Rin Baixo divídese no Rin Baixo e o Isala (ou IJssel en neerlandés)
  • Preto de Gorinchen, o Vales xúntase cun brazo da Mosa e continúa baixo o nome Merivido (ou Merwede en neerlandés)
  • Despois Wijk bij Duurstede, o Rin Baixo divídese na Leica (ou Lek en neerlandés), no Rin Vello (ou Oude Rijn en neerlandés) e no Rin Curvado (ou Kromme Rijn en neerlandés).

Historia

Esta característica de fronteira nacional é relativamente recente, con excepción do período durante o cal o Imperio romano o transformou nunha barreira ao norte contra os bárbaros, cunha fronteira (limes) enchida de fortificacións, como Colonia ou Estrasburgo. Entre a caída do Imperio romano e a conquista da Alsacia por Lois XIV, o Rin era parte do mundo xermánico, que o denominaba Vater Rhein, o Rin paternal.

Acontecementos históricos

Hidroloxía

Canón ou Ruinaulta, entre Ilanz/Glion e Chur, Suíza.

Con 14.000 á 17.000 anos de idade, as cataratas do Rin teñen unha altura de 23 metros (desnivel total de 33 metros) e unha largura de 150 metros, cun fluxo medio de 373 m³/s.

O fluxo medio anual na fronteira franco-alemá é de 1.240 m³/s, en Estrasburgo de 1.080 m³/s, e en Basilea de 1062 m³/s. A maior seca foi de 202 m³/s, e a maior enchente de 5.700 m³/s.

Afluentes principais

Os principais afluentes do Rin, por orde de confluencia desde o nacemento ata a desembocadura, son:

  • Aar: nace nos Alpes berneses e desemboca no Rin pola súa esquerda en Suíza. O seu curso está completamente en territorio suízo e ten unha lonxitude de 291 km. Pasa por Berna, a capital do país.
  • Neckar: nace na Selva Negra e únese ao Rin pola súa marxe dereita en Mannheim despois de percorrer 367 km. do estado alemán de Baden-Württemberg. Baña a cidade universitaria de Heidelberg.
  • Main (Río Meno): é un dos afluentes máis caudalosos do Rin. Nace na Selva de Franconia no estado alemán de Baviera preto da fronteira con Chequia. Atravesa territorio alemán en dirección leste-oeste ao longo dos seus 524 km. pasando polos estados federados de Baviera e Hessen, para unirse ao Rin pola súa dereita fronte á cidade de Maguncia. No seu curso áchanse a cidade operística de Bayreuth e a cosmopolita Frankfurt.
  • Lahn: nace na rexión montañosa de Sauerland no estado federado alemán de Renania do Norte-Westfalia, para entrar pronto en Hessen e rematar o seu curso na marxe dereita do Rin preto de Coblenza no estado federado de Renania-Palatinado. Ten unha lonxitude de 242 km.
  • Mosela: ao longo dos seus 545 km. atravesa tres países: Francia, Luxemburgo e Alemaña. Nace no macizo francés dos Vosgos e discorre en dirección norte ata ser fronteira natural entre Luxemburgo e Alemaña. A partir de aquí toma a dirección nordeste, xa en territorio alemán, no estado de Renania-Palatinado, ata confluír co Rin pola súa esquerda en Coblenza. Cidades importantes polas que pasa son a francesa de Metz e a alemá de Tréveris.
  • Ruhr: coma o Lahn, nace na rexión de Sauerland e o seu curso de 221 km. discorre enteiramente polo estado federado alemán de Renania do Norte-Westfalia. O seu val está densamente poboado e industrializado, sendo unha das rexións máis urbanizadas de Europa. Baña as importantes cidades de Dortmund, Bochum, Essen e Duisburgo, pouco despois da cal desemboca no Rin pola dereita.
  • Mosa: do mesmo xeito co Mosela, percorre tres países nos seus 950 km.: Francia, Bélxica e os Países Baixos. Nace no planalto francés de Langres e discorre en dirección norte pasando polas cidades francesas de Verdun e Sedan. Ao chegar á cidade belga de Namur xira ao leste ata Liexa onde retoma o norte para entrar nos Países Baixos por Maastricht. Na súa desembocadura mestúrase co Rin pola súa marxe esquerda para formaren o Hollandsch Diep, un río, esteiro e delta común.
O río Mosa nas Ardenas francesas.

Economía

Buque mercante no Rin, preto de Karlsruhe.

Entre Basilea e o seu estuario, o Rin atravesa unha das zonas máis densamente poboadas da Europa occidental, historicamente rica en comercio e trocas. O Val do Rin tamén foi o berce dunha das principais rexións da Revolución Industrial, a rexión do Ruhr, que se beneficia dunha importante reserva de recursos minerais, de fácil acceso e favorábeis ao desenvolvemento da industrialización.

Desde a «Convención de Mannheín» de 1868, o Rin considérase unha rexión de "augas internacionais" da última ponte da Basilea até o mar do Norte, asegurándolle a Suíza un acceso libre ao mar. A sede da Comisión central pola Navegación do Rin está en Estrasburgo. Fundada en 1815 durante o Congreso de Viena, é a máis antiga organización internacional.

En 2000, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, Ciencia e Cultura (UNESCO) inscribiu os 65 km do Val Medio do Rin na lista do Patrimonio da Humanidade, xuntamente co rochedo da Lorelei, preto da cidade de Saint-Goar, en Alemaña.

Toponimia

O Rin deu o seu nome aos dous departamentos franceses da rexión de Alsacia:

Dá tamén o seu nome a dous Estados de Alemaña:

Canais

Gran Canal da Alsacia.

O curso do Rin está afectado por diversos canais, de varias naturezas, que discorren paralelos (o gran canal da Alsacia) ou que o unen co curso doutros ríos (o Canal Saint-Symphorien que o une co Ródano-Saona).

Gran Canal da Alsacia

Comezou a construírse no ano 1920 no lado francés da Alsacia, o que permitiu a este país construír no seu territorio centrais hidroeléctricas e presas. Estas construcións fixeron baixar ostensibelmente o caudal do río e que o río Rin pasase a ser un dos máis contaminados do continente europeo, como consecuencia en 1935 o salmón desapareceu das súas augas.

Grazas ó labor conxunto dos países polos que trascorre o río este recobrou parte da súa pureza e o salmón ao igual que algunha outra especie volve ter presenza nel.

Canal Rin-Meno-Danubio

Comezou a construírse despois da segunda guerra mundial e rematouse en 1993. Con 677 quilómetros de lonxitude percorre a parte meridional de Alemaña, esténdese polo Estado federado de Baviera dende Aschaffenburg ata as proximidades da fronteira con Austria. Pasa polos vales dos ríos Meno, Regnitz e Altmül, permitindo a navegación ata o Danubio e polo tanto ata o Mar Negro dende o Mar do Norte.

Cita

«Toda a historia de Europa (...) está resumida neste río de guerreiros e de pensadores, nesta onda inmensa que sacode Francia, neste murmurio profundo que fai soñar a Alemaña. O Rin reúne todo [1]» Le Rhin, Victor Hugo, 1842.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: