Riazor Blues

grupo ultra de seareiros do Real Club Deportivo da Coruña

Os Riazor Blues son un grupo ultra de seareiros do Real Club Deportivo da Coruña, que se fundou no 1987.

Historia e ideoloxía

Os Riazor Blues fundáronse en 1987 nunha viaxe a Vigo para se enfrontar nun partido de fútbol o Deportivo co Celta. Semella que nesta viaxe, un xornalista de La Voz de Galicia denominou ao grupo de persoas que se desprazaban en tren a ver este partido de liga de Segunda División como Riazor Blues; de aí viría o nome do grupo que nese momento se estaba a formar. Por aquel entón o Deportivo estaba en Segunda División e o seu estadio carecía dun grupo forte de seareiros, para alén dalgunhas agrupacións pequenas como Barrio Sésamo.

Os Riazor Blues aparecen tipificados como grupo ultra no libro Radiografía dos grupos ultras en acontecementos deportivos, publicado polo Ministerio del Interior. Segundo o informe, este grupo está formado por 1.000 simpatizantes, entre os que hai “un apreciable grupo de red skins”. A corrente principal do grupo é antifascista, o que carrexou numerosos altercados con grupos ultras de ideoloxía de extrema dereita. Numerosos tamén foron os altercados cos seareiros do Celta de Vigo e do Compostela. A peña conta con diferentes grupos denominados seccións, as máis destacables son: ChoRBitos, Mobsters RCD, Los Suaves, Old Faces.

Incidentes

O membro do grupo ultra Riazor Blues e dirixente da sección Los Suaves, Gabriel Rodríguez Pérez, foi responsabilizado do asasinato de Manuel Ríos,[1] quen supostamente recriminara ao primeiro por unha malleira colectiva contra un afeccionado da SD Compostela. Debido a este incidente o grupo ultra decidiu autodisolverse,[2][3] aínda que non moito tempo despois decidiu volver á actividade.[4][5] O único acusado do asasinato de Manuel Ríos foi declarado inocente e absolto de tódolos cargos.[6]

Homenaxe a Jimmy no estadio de Riazor.

O 30 de novembro de 2014 integrantes dos Riazor Blues protagonizaron unha batalla campal de 160 persoas contra os hinchas do Frente Atlético, horas antes do enfrontamento dos branquiazuis co Atlético de Madrid. Após varias investigacións, a policía concluíu que non se tratou dunha quedada preparada, polo que a hipótese da emboscada por parte dos seareiros atléticos é a posible causa do altercado. Do lado do Frente Atlético participaron membros ultras do Sporting de Xixón. O resultado foi un seguidor dos Riazor Blues asasinado, Francisco Javier Romero Taboada "Jimmy", pai de dous fillos. Ademais, houbo máis dunha ducia de feridos e 20 detidos.[7][8]

Despois do asasinato de Jimmy, membros de Celtarras (seareiros radicais do Celta de Vigo) achegáronse ata A Coruña como mostra de solidariedade cos Riazor Blues e mesmo algúns deles chegaron a pernoctar nas casas de membros do grupo coruñés. Celtarras tamén participou asinando oficialmente o comunicado que, xunto á sinatura doutros grupos radicais de esquerda, condenaba o asasinato de Javier Romero Taboada.

Amizades

Os Riazor Blues están irmandados cos Biris Norte, grupo ultra de seareiros do Sevilla Fútbol Club.[9] Tamén están irmandados cos Bukaneros, peña ultra do Rayo Vallecano de Madrid e co Kolectivo Sur, peña ultra do Xerez CD.[10] Os Biris Norte e o Kolectivo Sur tamén están irmandados entre eles.

Consignas

Os Riazor Blues autodefínense como "pacíficos" e antifeixistas, corazón da curva e alma da Corunha.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas