Roald Amundsen

explorador polar noruegués que encabezou a expedición (1910-1912) que chegou por vez primeira ao Polo Sur

Roald Engelbregt Gravning Amundsen, nado en Borge o 16 de xullo de 1872 e finado en mar de Barents posiblemente o 18 de xuño de 1928, foi un explorador noruegués das rexións polares. Dirixiu a expedición á Antártida que por primeira vez alcanzou o Polo Sur. Tamén foi o primeiro en sucar o Paso do Noroeste, que unía o Atlántico co Pacífico, e formou parte da primeira expedición aérea que sobrevoou o Polo Norte.[1][2]

Infotaula de personaRoald Amundsen

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(nb) Roald Engelbregt Gravning Amundsen Editar o valor em Wikidata
16 de xullo de 1872 Editar o valor em Wikidata
Borge, Noruega (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Desapariciónc. P746
Mortep. 18 de xuño de 1928 Editar o valor em Wikidata (55 anos)
Océano Ártico Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte accidental Editar o valor em Wikidata (Accidente ou incidente de aviación Editar o valor em Wikidata)
Lugar de sepulturaMar de Barents Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
ResidenciaRoald Amundsen's house in Uranienborg (en) Traducir
Oslo
Fredrikstad Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidadeNoruega Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoExploración e polar exploration (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónexplorador , explorador polar , aviador , viaxeiro , investigador , escritor , mariño , Piloto da marinha (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua norueguesa Editar o valor em Wikidata
Participou en
1918The Maud Expedition (1918–1925) (en) Traducir
3 de xuño de 1910Expedición Amundsen
16 de agosto de 1897Expedição Antártica Belga (pt) Traducir
The Gjøa expedition (1903–1906) (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Familia
Cónxuxesen valor
PaisJens Amundsen (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata  e Gustava Sahlquist
IrmánsLeon Amundsen (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Sinatura
Editar o valor em Wikidata

IMDB: nm0025468 WikiTree: Amundsen-236 Find a Grave: 20956 Editar o valor em Wikidata

Contaba cunha excelente formación mariñeira e unha especial habilidade nas técnicas de supervivencia, aprendidas en parte da súa experiencia en deportes invernais, na vida dos esquimós e nas expedicións que lle precederon. Nas súas diferentes expedicións contou cun renombrado equipo nos campos da navegación, do esquí, da enxeñería aeronáutica e da aviación. Amundsen desapareceu o 18 de xuño de 1928 mentres voaba en avión no transcurso dunha operación de rescate no Ártico.

Traxectoria

Infancia

Amundsen naceu nunha familia de armadores e capitáns noruegueses en Borge, entre as cidades de Fredrikstad e Sarpsborg, moi preto de Oslo. Os seus pais foron o capitán e armador Jens Amundsen e Hanna Sahlqvist. Roald era o cuarto fillo da familia. Cando tiña quince anos, Amundsen quedou cativado pola lectura dos relatos de Sir John Franklin sobre as súas expedicións árticas por terra. Amundsen escribiu: "Linos cunha fervente fascinación que marcou todo o curso da miña vida".[3] A súa nai tentou mantelo fóra da industria marítima e presionouno para que fose médico,[4] pero aos 21 anos, cando morreu a nai en 1893, deixou os estudos para ter unha vida no mar.[5]

Impresionado fortemente pola travesía de Fridtjof Nansen en 1882, na que cruzou Groenlandia en esquís, decidiu continuar os seus pasos e converterse en explorador polar.

O paso seguinte consistiu en adquirir coñecemento en navegación, polo que regresou a Oslo para asistir á Christiania Sjømandsskole, onde obtivo a súa licenza náutica o 1 de maio de 1895.

Expedición belga á Antártida

O navío RV Belgica

En 1897, Amundsen soubo dun proxecto belga para explorar a Antártida. Despois de entrevistarse con Adrien de Gerlache, o líder da expedición, Amundsen conseguiu o posto de temoneiro.[6] A bordo do buque Belgica partiu a exploración desde Anveres (Bélxica) o 16 de agosto de 1897. Aí coñeceu ao estadounidense Frederick Cook, o médico da expedición, co que lograría cultivar unha duradeira amizade. A expedición belga foi a primeira en invernar ao sur do círculo polar antártico.[7] O buque quedou atrapado no mar xeado nas coordenadas 70°30'S, ao oeste da península antártica. A tripulación debeu enfrontar un cru inverno sen estar preparada correctamente para facelo. Frederick Cook alimentou á tripulación con carne crúa de animais mariños, evitándolle así a posibilidade de contraer escorbuto e Amundsen deu estímulos á tripulación e mandou confeccionar abrigos con pel de foca. Esta sería unha lección importante para as seguintes viaxes de Amundsen. Amundsen e Cook máis tarde tomaron o mando do barco cando De Gerlache enfermou gravemente.

Expedición ao Paso do Noroeste

Ruta do paso do noroeste.
O veleiro Gjøa.

En 1903 Amundsen comandou a primeira expedición que logrou percorrer o Paso do Noroeste entre os océanos Atlántico e Pacífico, xunto a outros seis integrantes a bordo do veleiro Gjøa, comprado por Amundsen.[8] O seu percorrido levounos a tavés baía de Baffin, e os estreitos de Lancaster, Peels, James Ross e Rae ata alcanzar a rexión actualmente coñecida como Gjoa Haven, en Nunavut, Canadá.[6] [8] Alí permaneceron durante dous invernos en actividades e investigación e exploración. Durante este tempo reuniu coñecementos sobre o magnetismo do planeta Terra. Estudara, anteriormente, o magnetismo en Holanda.

Durante esta época, Amundsen estudou aos habitantes locais chamados netsilik para aprender as súas técnicas de supervivencia, algo que o levou a adoptar as súas vestiduras. Tamén deles foi que aprendeu o uso de zorras con cans de tiro. Tras continuar a súa viaxe ao sur da illa Victoria, a expedición atravesou o arquipélago Ártico o 17 de agosto de 1905, pero debeu deterse durante o inverno antes de chegar á localidade de Nome, na costa pacífica de Alasca. Amundsen viaxou 800 km ata Eagle, cidade que contaba cunha estación telegráfica, para dar a noticia do seu obxectivo cumprido. En 1906 chegou a Nome. Dise que todo o aprendido nesta viaxe, especialmente a utilidade dos cans, foi decisivo para alcanzar o polo sur.

Nesta época, Amundsen decatouse da disolución da unión entre Noruega e Suecia, e de que tiña un novo rei. O explorador enviou ao novo rei, Haakon VII, a noticia de que a súa travesía do Paso do Noroeste "era un gran logro para Noruega".[9] Dixo que esperaba facer máis e asinouno "O teu leal súbdito, Roald Amundsen."[9] A tripulación regresou a Oslo en novembro de 1906, despois de case tres anos e medio no estranxeiro. O Gjøa foi devolto a Noruega en 1972. Tras unha viaxe de 45 días desde San Francisco nun buque graneiro, foi depositado en terra fronte o museo Fram de Oslo,[9] onde agora está situado dentro do seu propio edificio dedicado a museo.

Carreira ao Polo Sur

Artigo principal: Expedición Amundsen.
O navío Fram na Antártida

Tras a súa expedición ao paso do noroeste, Amundsen planeou outra expedición, desta vez ao polo norte, para o que faría uso do buque Fram, o Fram que era propiedade do goberno noruegués pero ideado e deseñado para a exploración polar por Fridtjof Nansen quen o utilizaba nas súas exploracións árticas. Amundsen recrutou á súa tripulación en Tromso. Porén pouco despois tivo novas de que Robert Peary se lle adiantara en ser o primeiro ser humano no Polo Norte,[10] Amundsen cambiou os seus plans, e decidiu lanzarse a explorar o polo sur. [11] Parece ser que non notificou o cambio á súa tripulación ata que partiran.

Amundsen non fixo público o seu cambio de plans de maneira inmediata, ante a posibilidade de que Nansen negásese a prestar o Fram para a viaxe antártica. Ao decatarse Nansen, apoiou a expedición. Amundsen abandonou Oslo cara ao sur o 3 de xuño de 1910.[12][13] Cando chegou á illa de Madeira, Amundsen enviou por telegrama a noticia da súa expedición a Robert Falcon Scott, outro explorador que pretendía alcanzar o polo sur e que sería o seu rival nesa carreira. O texto do telegrama dicía BEG TO INFORM YOU FRAM PROCEEDING ANTARCTIC -- AMUNDSEN ("permítome informarlle de que o Fram está de camiño á Antártida").[12]

O 14 de xaneiro de 1911 chegou co Fram á plataforma de xeo de Ross, no mar de nome homónimo. Ancorou o buque na baía das Baleas e levantou o seu campamento, que chamou Framheim. Scott pola súa parte establecérase en MacMurdo Sound, 96 quilómetros máis lonxe do Polo Sur que Amundsen. Mentres o plan do británico era seguir a ruta de Ernest Shackleton polo glaciar Beardmore ata a meseta Antártica, Amundsen pretendía crear a súa propia, subindo os montes Transantárticos ata a susodita meseta.

En febreiro, marzo e abril de 1911, os expedicionarios colocaron postos de subministracións nos paralelos 80°, 81° e 82° Sur en liña directa cara ao polo, unha práctica que lles permitiría probar as condicións do lugar así como o funcionamento dos equipos. Durante o inverno, os expedicionarios dedicáronse á realizar melloras significativas no equipo, en particular das zorras, cuxo peso conseguiu reducir signifativamente Olav Bjaaland. O 4 de febreiro de 1911, unha parte da expedición de Scott realizou unha visita amigable en barco ao Framheim.

Roald Amundsen e os seus compañeiros mirando a bandeira norueguesa cravada no Polo sur o 16 de decembro de 1911. Foto tomada por Olav Bjaaland.

O 8 de setembro de 1911 a expedición nórdica saíu dirección ao polo, o equipo formábano oito persoas: Olav Bjaaland, Helmer Hanssen, Sverre Hassel, Oscar Wisting, Jørgen Stubberud, Hjalmar Johansen, Kristian Prestrud e o propio Amundsen. O momento da partida escolleuse debido a un aumento das temperaturas que semellaba un quentamento primaveral, porén poucos días despois da partida as temperaturas baixaron drasticamente ata chegar aos -51 °C, polo que chegaron ao posto 80ºS deixaron as subministracións e regresaron rapidamente a Framheim. O resultado foi o desencontro entre os membros do equipo, polo que se reestructurou a expedición, a Johansen, Prestrud e Stubberud encargoulles explorar a Terra de Eduardo VII, descuberta recentemente por Scott, mentres que Amundsen, Bjaaland, Hanssen, Hassel e Wisting formaron a nova expedición ártica.

O novo intento de expedición foi o 19 de outubro de 1911 con catro zorras e 52 cans de raza groenlandesa, liderados pola femia Etah. O alimento do equipo consistía nunha ración diaria de 380 g de galleta, 350 g de pemmican, 40 g de chocolate e 60 g de leite en po mentres que para os cans asignóuselles 500 g de pemmican diarios.

O 23 de outubro chegaron ao posto 80º e o 3 de novembro ao 82º, o último antes do polo sur. O 15 de novembro alcanzaron a latitude 85ºS, aos pés dos montes Transantárticos, o 21 de novembro remataron a travesía dos mesmos e chegaron á meseta antártica, que sería renomeada coma meseta do Rei Haakon VII, e os montes adxacentes como montes da Raíña Maud. Alí levantaron un campamento que recibiría o nome da Carnizaría, no que foron sacrificados 24 cans. Unha parte da carne sería empregada para alimentar aos cans sobreviventes, e o resto almacenaríase para a viaxe de volta.[14] Sometidos a tempestades ao cruzar por carreiros bastante escarpados, chegaron aos 87°S o 4 de decembro e o día 7, tres días despois, alcanzarían o punto máis ao sur da expedición de Shackleton: 88° 23' Sur, quedando a 180 km do polo sur.

Finalmente a expedición alcanzou o polo sur o 14 de decembro de 1911, 35 días antes que a expedición de Scott. Amundsen levantou o seu campamento en pleno polo sur, chamandoo Polheim, deixando montada unha tenda cunha mensaxe no seu interior, dando testemuño da súa viaxe por se o equipo non dese regresado a Framheim.[15] O equipo chegaría ao campamento de partida o 25 de xaneiro de 1912, 99 días despois da partida e con só once cans.

A causa da dificultade nas comunicacións o éxito da expedición non sería comunicado ata o 7 de marzo, cando chegaron a Hobart, en Australia. Toda a viaxe está narrada no libro de Amundsen O polo sur: un informe da expedición antártica noruega no "Fram", 1910-1912

A expedición de Amundsen beneficiouse da súa coidadosa preparación, bo equipo, roupa axeitada, unha tarefa primaria sinxela, a comprensión dos cans e o seu manexo e o uso eficaz dos esquís. En contraste coas desgrazas do equipo de Scott, a andaina de Amundsen resultou relativamente suave e sen incidentes.

Comparación das expedicións de Amundsen e Scott

As rotas seguidos por Amundsen (vermello) e Scott (verde).

A gran diferenza estratéxica entre ambas as expedicións foi que Amundsen baseou o seu transporte exclusivamente en zorras con cans groenlandeses, mentres que Robert Falcon Scott contou co uso de cabalos mongoleses. Amundsen decidiu sacrificar varios cans antes de chegar ao polo e almacenar a carne para o regreso; esta estratexia permitiulle minorar o peso do alimento dos cans e asegurar a alimentación dos animais sobreviventes na viaxe de volta.

Os cabalos de Scott tiñan que cargar sacos con avea para a súa alimentación, o cal aumentaba o seu peso e as súas posibilidades de afundirse na neve. Outra desvantaxe era que aos cabalos a suor conxelábaselles na pel mentres que os cans regulan a súa temperatura sen suor. De modo adicional, parece ser que a expedición de Amundsen contaba cun mellor equipamento e vestido de maior resistencia ao frío. Todos os cabalos de Scott morreron e o equipo tivo que valerse da súa propia forza. Ademais, Scott agregou no último momento un membro extra no equipo, o que motivou un desaxuste nas racións alimenticias.

Mentres que Amundsen realizou unha viaxe eficaz e sen grandes contratempos, Scott chegou con graves penurias ao polo, atopou a tenda de Amundsen, e tanto el como o seu equipo faleceron durante a viaxe de regreso debido á súa falta de preparación, roupa inadecuada e ausencia de víveres suficientes. Ademais tamén tiñan problemas internos. Así, Lawrence Oates enfrontouse con Scott en varias ocasións, por temas relacionados coa forma de dirixir a expedición. Unha vez escribiu no seu diario: «Myself, I dislike Scott intensely and would chuck the whole thing if it were not that we are a British expedition... Scott is not straight, it is himself first, the rest nowhere...» ('Non me gusta nada Scott e tiraríao todo pola borda se non fose porque somos unha expedición británica... Scott non actúa con rectitude, a súa primeira preocupación é el mesmo, o resto non lle importa...'). Oates , quen sufrira reiteradamente dores por mor dunha vella ferida de guerra deixouse morrer o día do seu trixésimo segundos aniversarios , “ saíu da tenda e dixo aos seus compañeiros , saio e poida que non regrese por un bo tempo “ fíxoo para non entorpecer a marcha de Scott, quen quizais non morrese de seguir os consellos de Oates.

Doutra banda, no seu libro An empire of ice, o gañador do Pulitzer Edward J. Larson indica que Scott puxo a ciencia como un obxectivo prioritario na súa conquista do polo sur, a diferenza de Amundsen, visións por certo contrapostas que xa foron tratadas por outros autores;[16][17] de feito, a expedición de Amundsen estaba conformada por só catro dos seus homes, deixando aos outros 27 (entre científicos e oficiais navais) no campamento base realizando medicións científicas ou facendo exploracións paralelas, mentres que na ruta ao polo sur, o grupo de Scott ocupaba tempo adicional en tomar mostras xeolóxicas, meteorolóxicas e biolóxicas, moitas das cales resultaron conter restos fosilizados dunha flora do paleozoico coñecida como Glossopteris, proba definitiva da conexión entre a Antártida e o resto dos continentes, evidencia que fora buscada infructuosamente por décadas.[18] Amundsen, en tanto, instalou un campamento a 100 km do polo sur e iniciou camiño rapidamente; en efecto, respecto a Scott, este autor acouta que:

[...] fatalmente quedou en desvantaxe na súa competencia fronte ao noruegués Roald Amundsen, un aventureiro polar de probada habilidade a quen só lle importaba gañar a carreira.[18]

Últimas exploracións

En 1913 Amundsen visitou os Estados Unidos, onde impartiría unha serie de conferencias sobre as súas viaxes. Despois dunha viaxe en avión a San Francisco e o seu contacto con Lincoln Ellsworth comezou a considerar unha nova expedición ao Polo norte, esta vez por vía aérea. De regreso a Noruega, interesaríase cada vez máis pola aviación, e tomaría leccións de voo no Departamento Noruegués de Defensa. En 1914 recibiu o seu certificado de voo, o primeiro que recibía un civil en Noruega.

Rumbo o paso do Nordés

O barco Maud de Amundsen en 1918.

En 1918, Amundsen iniciou unha expedición, esta vez cun barco propio, o Maud, que durou ata 1925. O Maud fora botado en xuño de 1916[19] ou o 17 de xuño de 1917,[20] e con el planeaba sucar o paso do Nordés, viaxando desde o océano Atlántico ata o Pacífico a través do océano Glacial Ártico, pola costa siberiana da Unión Soviética. Acompañabano nesta expedición Óscar Wisting e Helmer Hanssen, ambos formaran parte do equipo que alcanzou o Polo sur. Ademais, Henrik Lindstrøm foi incluído como cociñeiro pero sufriu un derramo cerebral que o deixou tan minguado fisicamente que o impedio participar na expedición. O Maud navegou coidadosamente polos xeos de oeste a leste a través da Pasaxe do Nordés. O Maud navegou coidadosamente polos xeos de oeste a leste a través da Pasaxe do Nordés. O obxectivo da expedición era explorar as zonas descoñecidas do océano Ártico, fortemente inspirada na anterior expedición de Fridtjof Nansen co Fram. O plan consistía en navegar ao longo da costa de Siberia e penetrar no xeo máis ao norte e ao leste do que o fixera Nansen. A diferenza das expedicións anteriores de Amundsen, esperábase obter máis material para a investigación académica, polo que levou a bordo ao xeofísico Harald Sverdrup.

A viaxe dirixíase cara ao nordés sobre o mar de Kara. Amundsen planeaba conxelar o Maud na capa de xeo polar e derivar cara ao Polo norte –como fixera Nansen co Fram– e así o fixo fronte ao cabo Cheliuskin. Pero, o xeo fíxose tan espeso que o barco non puido liberarse, a pesar de ser deseñado para tal viaxe en xeo pesado. En setembro de 1919, a tripulación conseguiu liberar o barco do xeo, pero este volveu conxelarse ao cabo de once días nalgún lugar entre as illas de Nova Siberia e a Illa Wrangel.

Durante este tempo, Amundsen sufriu a fractura dun brazo e foi atacado por osos polares.[21] Como resultado, participou pouco nas tarefas ao aire libre, como os paseos en zorra e a caza. El, Hanssen e Wisting, xunto con outros dous homes, embarcáronse nunha expedición en zorra tirada por cans ata Nome, Alasca, a máis de 1.000 km de distancia. Pero descubriron que o xeo non estaba conxelado no estreito de Bering e non podían cruzalo. Enviaron un telegrama desde a cidade de Anadyr para sinalar a súa localización.

Tras dous invernos conxelado no xeo, sen lograr o obxectivo de sobrevoar o Polo norte, Amundsen decidiu ir a Nome para reparar o barco e comprar provisións. Varios membros da tripulación desembarcada alí, entre eles Hanssen, non regresaron a tempo ao barco. Amundsen considerou que Hanssen incumprira o contrato e despediuno da tripulación.

Durante o terceiro inverno, o Maud quedou conxelado no estreito de Bering occidental. Finalmente liberouse e a expedición navegou cara ao sur, chegando a Seattle, no noroeste do Pacífico estadounidense, en 1921 para ser reparado. Amundsen regresou a Noruega, necesitado de poñer en orde as súas finanzas. levou consigo a dúas mozas indíxenas, unha nena de catro anos que adoptou, Kakonita, e a súa compañeira Camilla. Con todo, dous anos máis tarde, cando Amundsen crebou, enviou ás nenas ao coidado do pai de Camilla, que vivía no leste de Rusia.[22]

En xuño de 1922, Amundsen regresou ao Maud, que navegara ata Nome.[23] Decidiu cambiar a expedición naval prevista por unha aérea, e dispuxo fretar un avión. Dividiu o equipo da expedición en dúas: unha parte, dirixida por el, debía invernar e prepararse para un intento de sobrevoar o polo en 1923. O segundo equipo, a bordo do Maud e baixo o mando de Wisting, debía retomar o plan orixinal de derivar o Polo norte sobre o xeo. O barco estivo á deriva no xeo durante tres anos ao leste das Novas Illas Siberianas, sen chegar nunca ao Polo norte. Finalmente o barco foi embargado polos acredores de Amundsen como garantía da súa crecente débeda.

Aínda que non puideron alcanzar o Polo norte, os resultados científicos da expedición, principalmente o traballo de Sverdrup, demostraron ter un valor considerable. Harald Sverdrup chegou a solicitar 300.000 coroas para continuar co proxecto.[24] Gran parte dos datos científicos coidadosamente recompilados perdéronse durante a malograda viaxe de Peter Tessem e Paul Knutsen, dous tripulantes enviados en misión por Amundsen. Os materiais científicos foron recuperados máis tarde polo científico ruso Nikolay Urvantsev de onde foran abandonados a beiras do mar de Kara.[25]

Expedicións aéreas o Polo Norte

Amundsen co avión en Svalbard (1925)

O seu intento de 1923 de sobrevoar o Polo norte fracasou. Amundsen e Oskar Omdal, da Mariña Real Noruega, tentaron voar desde Wainwright, Alasca, ata Spitsbergen a través do Polo norte. Cando o seu avión resultou danado, abandonaron a viaxe. Para recadar fondos adicionais, Amundsen viaxou polos Estados Unidos en 1924 nunha xira dando conferencias.

En 1925, acompañado por Lincoln Ellsworth, o piloto Hjalmar Riiser-Larsen, o mecánico de voo Karl Feucht e outros dous membros do equipo, Amundsen levou dous hidroavións Dornier Do J Wal, o N-24 e o N-25, a latitude 87° 44′ norte. Era a latitude máis setentrional alcanzada nun avión ata entón. Os avións aterraron a varias millas de distancia un do outro sen contacto por radio, pero aínda así as tripulacións conseguiron reunirse. O N-24 resultou danado. Amundsen e a súa tripulación traballaron durante máis de tres semanas para amañar unha pista de aterraxe e poder engalar do xeo.[26] Palearon 600 toneladas de xeo mentres consumían só unha libra (450 g) de racións diarias de alimentos. Ao final, os seis tripulantes metéronse no N-25. Nunha fazaña extraordinaria, Riiser-Larsen despegou e a duras penas conseguiron manterse no aire sobre o xeo rachado. Regresaron triunfantes cando todos pensaban que se perderan para sempre.

Dirixible Norge sobre Ny-Ålesund, 1926.

En 1926, Amundsen e outros 15 homes (entre eles Ellsworth, Riiser-Larsen, Óscar Wisting e a tripulación aérea italiana dirixida polo enxeñeiro aeronáutico Umberto Nobile) realizaron a primeira travesía do Ártico no dirixible Norge, deseñado por Nobile.[27] Sairon de Spitsbergen o 11 de maio de 1926, sobrevoaron o Polo Norte e o 12 de maio,[28] ás 01:25 hora GMT, alcanzaron o Polo norte, momento no que se deixaron caer sobre o xeo as bandeiras norueguesa, italiana e norteamericana.[29]

O 14 de maio a aeronave chegou á aldea esquimó de Teller en Alasca, onde en vista do empeoramento do tempo, tomouse a decisión de tomar terra no canto de seguir ata Nome.[30]

Controversia sobre a prioridade polar

As tres afirmacións anteriores de chegar ao Polo norte: Frederick Cook en 1908; Robert Peary en 1909; e Richard E. Byrd en 1926 (só uns días antes que o Norge) son discutidas por algúns, por ser de dubidosa exactitude ou directamente fraudulentas.[31][32] Se estas outras afirmacións son falsas, os exploradores da tripulación do Norge serían os primeiros verificados que chegaron ao Polo Norte, cando sobrevoaron sobre el no Norge en 1926.[33][28] Se a expedición Norge foi a primeira en chegar ao Polo norte, Amundsen e Óscar Wisting foron os primeiros homes que alcanzaron ambos os polos xeográficos, por terra ou por aire.

Desaparición e morte

O hidroavión Latham 47 de Amundsen

Amundsen desapareceu o 18 de xuño de 1928 mentres voaba nunha misión de rescate no Ártico. O seu equipo estaba formado polo piloto noruegués Leif Dietrichson, o piloto francés René Guilbaud e outros tres franceses. Buscaban aos membros desaparecidos da tripulación de Umberto Nobile, cuxo novo dirixible o Italia estrelouse cando regresaba do Polo norte. O hidroavión francés Latham 47 de Amundsen nunca regresou.[34]

Máis tarde, atopáronse preto da costa de Tromsø un flotador e un depósito de gasolina inferior do avión, que foran adaptados como á flotante de reposto. Suponse que o avión se estrelou no mar de Barents,[35] e que Amundsen e a súa tripulación morreron no naufraxio ou pouco despois. A procura de Amundsen e o seu equipo foi suspendida en setembro de 1928 polo goberno noruegués, e nunca se atoparon os corpos.

En 2004 e a finais de agosto de 2009, a Armada Real de Noruega utilizou o submarino non tripulado Hugin 1000 para buscar os restos do avión de Amundsen. As procuras centráronse nunha zona de 40 millas cadradas (100 km²) do fondo mariño, e foron documentadas pola produtora alemá ContextTV.[36][37] Non atoparon nada do voo de Amundsen.

Vida persoal

Amundsen foi solteiro durante toda a súa vida, aínda que mantivo unha longa relación coa norueguesa Kristine Elisabeth ('Kiss') Bennett, esposa dun inglés, Charles Peto Bennett.[38] Coñeceuna en Londres en 1907 e mantiveron unha estreita relación durante moitos anos, aínda que Amundsen mantivo a relación en segredo para todo o mundo fóra do seu círculo íntimo. Máis tarde comprometeuse con Bess Magids, unha divorciada estadounidense á que coñecera en Alasca.[39] Aínda que hai poucas probas, dicíase que Amundsen tivo un breve romance coa súa caseira en Anveres, ata que chegou a casa e atopouna morta dun aparente suicidio.[40] O seu biógrafo Tor Bomann-Larsen tamén suxire unha relación romántica entre Amundsen e Sigrid Castberg, esposa do avogado Leif Castberg de Gjøvik, nos anos previos á expedición ao Polo sur, relación que Amundsen rompeu tras a devandita expedición en favor de Kiss Bennett.[41]

O autor Julian Sancton sinalou que, nos seus anos de mocidade, Amundsen ignoraba as relacións románticas en pos dos seus obxectivos. Resultábanlle pouco útiles as actividades que non lle axudaban a cumprir as súas ambicións polares".[42]

Legado

Estación do polo sur de Amundsen–Scott

Debido aos numerosos e importantes logros de Amundsen na exploración polar, moitos lugares tanto do Ártico como da Antártida levan o seu nome. A Estación Amundsen-Scott do Polo sur, operada polo Programa Antártico dos Estados Unidos, foi bautizada conxuntamente en honra de Amundsen e o seu rival británico Robert Falcon Scott.[43] O nome de Amundsen tamén chegou á Lúa. O cráter Amundsen foi bautizado co seu nome e o bordo do devandito cráter está a ser considerado pola NASA como posible lugar de aterraxe para o seu módulo de aterraxe lunar Artemis 3.[44]

Así mesmo na súa honra tamén foron nomeados os seguintes accidentes xeográficos:

A película de 1969 A tenda vermella' (en ruso Красная палатка, transliterado Krásnaya palatka, e en italiano La tenda rossa) narra a historia da expedición Nobile e a desaparición de Amundsen. Sean Connery interpreta o papel de Amundsen.[45]

O libro Scott and Amundsen de Roland Huntford foi adaptado á serie de televisión The Last Place on Earth (O último lugar na Terra). Emitiuse en 1985 e contou con Sverre Anker Ousdal como Amundsen.[46]

O 15 de febreiro de 2019 estreouse unha película biográfica norueguesa titulada Amundsen, dirixida por Espen Sandberg.[47]

Reivindicacións inuit de ascendencia europea

Polo menos dous inuit de Gjøa Haven con ascendencia europea afirmaron ser descendentes de Amundsen, desde o período da súa prolongada estancia invernal na Illa do Rei Guillerme entre 1903 e 1905.[48] Os relatos dos membros da expedición falaban das súas relacións con mulleres inuit, e os historiadores especularon coa posibilidade de que Amundsen tamén tivese parella,[49] aínda que escribiron unha advertencia contra isto.[50]

En concreto, os #medio irmán Bob Konona e Paul Ikuallaq afirman que o seu pai Luke Ikuallaq díxolles no seu leito de morte que era fillo de Amundsen. Konona di que o seu pai Ikuallaq foi abandonado no xeo para que morrese tras o seu nacemento, xa que a súa ascendencia europea convertíao en ilexítimo para os inuit, ameazando á súa comunidade. Os seus avós inuit salvarono.

En 2012, as análises de ADN-Y, co permiso das familias, demostraron que Ikuallaq non coincidía coa liña masculina directa de Amundsen.[50] Non todos os descendentes que afirman ter ascendencia europea sometéronse a probas de compatibilidade con Amundsen, nin se comparou o ADN de Ikuallaq cos doutros membros europeos da tripulación de Amundsen.[50]

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Roald Amundsen's Belgica Diary. The first Scientific Expedition to the Antarctic by Hugo Decleir. Bluntisham Books, Erskine Press.
  • Roald Amundsen en biografi av Tor Bomann-Larsen, Oslo:2003. ISBN 82-02-22519-1,
  • Roald Amundsen som han var av Odd Arnesen. Oslo 1929.
  • The Last Place on Earth: Scott and Amundsen's Race to the South Pole by Roland Huntford Modern Library (7 de setembro de 1999).
  • Stephen Bown. The Last Viking: The Life of Roald Amundsen: conqueror of the South Pole. (London, Aurum Press, 2012)
  • Tor Bomann-Larsen. Roald Amundsen. (Sutton Publishing, 2006)
  • Garth Cameron. From Pole to Pole: Roald Amundsen's Journey in Flight. (New York, Skyhorse Publishing, 2014)
  • Garth Cameron. Umberto Nobile and the Arctic Search for the Airship Italia. (Stroud, Fonthill Media, 2017)
  • Hugo Decleir. Roald Amundsen's Belgica Diary: the first Scientific Expedition to the Antarctic. (Erskine Press, 1999)
  • Roland Huntford. The Last Place on Earth: Scott and Amundsen's Race to the South Pole. (1979)
  • Rainer-K. Langner. Scott and Amundsen: Duel in the Ice. (London, Haus Publishing, 2007)
  • Julian Sancton. Madhouse at the End of the Earth: The Belgica’s Journey into the Dark Antarctic Night. (New York, Crown Publishing, 2021)

Outros artigos

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: