Shiva

Deus hindú da destrución

Shiva[1] (en sánscrito शिव "O Auspicioso"), tamén coñecido como Mahadeva (महादेव: O Gran Deus)[2][3][4] é unha das deidades principais da Trimurti, xunto con Brahma e Vishnu, dentro do hinduísmo. Representa a destrución e a transformación. Para os devotos shivaítas, Shiva é o deus supremo.[5][6]

Shiva como Señor da Danza.

Orixe

A adoración a Shiva ten raíces ancestrais, vinculadas a varias deidades pre-védicas asociadas coas forzas naturais, a morte e a escuridade. Un dos seus antecedentes no Rigveda é Rudra, deus da tormenta e das feras.[7]

Familia

Ardhanarishvara: metade Shiva, metade Parvati.

Shiva casou inicialmente con Sati, quen se suicidou tras ser insultada polo seu pai. A súa segunda esposa é Parvati. Xuntos, tiveron varios fillos, incluíndo:[8]

  • Ayappa, froito da súa unión con Mohini, unha encarnación feminina de Vishnu.
  • Ganesha, o deus da sabedoría con cabeza de elefante.
  • Skanda, o deus da guerra.

Shiva é tamén acompañado polos pramatha, seres sobrenaturais que serven como as súas tropas, dirixidas por Ganesha.

Significación

A danza cósmica de Shiva, dentro dun círculo de lume, simboliza a destrución e a renovación do universo, reflectindo un ciclo eterno de creación e destrución.[9]

  • O círculo de lume: representa a transformación radical, nada que pasa polo lume fica igual. O lume é a ameaza devoradora que consome a realidade.
  • O tridente: representa a inercia, a destrución e o equilibrio.
  • A serpe no pescozo e nos brazos: representa á morte que é domeada e superada.
  • O terceiro ollo: representa a mirada ardente coa que queima o universo. Noutras tradicións é o desexo erótico sublimado mediante a ascese.
  • A media lúa: é o decorrer do tempo que todo o desgasta e consome. A lúa, Chandra, asociarase a Shiva no panteón hindú aínda que ao principio era un dos trinta e tres deuses védicos.
  • A enxurrada de auga dos seus cabelos: a través do cal frea o curso do río Ganxes e atenúa a súa corrente destrutora e propicia a súa forza de fecundidade.

Adoración

Ruínas do templo nº 2 de Shiva, Khammampally Telangana

Shiva é adorado a través de rituais que inclúen cantos de mantras, ofrendas e a meditación sobre o seu símbolo, o lingam. O Maha Shivaratri é unha das festas máis importantes na honra de Shiva, marcando unha noite de vixilia, xaxún e oración.[10][11]

A arquitectura dedicada a Shiva mostra a súa adoración a través de distintas épocas, culturas e estilos. Por exemplo, as torres Prang, características de templos no sueste asiático, evocan o monte Meru da mitoloxía hindú e simbolizan a conexión entre o ceo e a terra. Aínda que moitas veces asociadas ao budismo, nelas tamén se atopan representacións de Shiva, como en Angkor Wat, Camboxa, que integra símbolos de Vishnu e Shiva.[12]

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

🔥 Top keywords: