Titushki

Titushki (en ucraíno тітушки) é a denominación que lles dan os medios de comunicación ucraínos, especialmente os vencellados á oposición[1] e en xeral a opinión pública daquel país aos mercenarios de bandas que consideran organizadas polas autoridades e que actúan como axentes provocadores que ilegalmente asaltan e dispersan demostracións pacíficas de opoñentes ao goberno de Viktor Yanukovych. Durante os acontecementos desenvolvidos en Ucraína a finais de 2013 e comezos de 2014, coñecidos como Euromaidan converteuse nun termo colectivo para os axentes provocadores e criminais sospeitosos de estar a soldo do Partido das Rexións[2] e membros das forzas de seguridade vestidos de civil,[3][4][5] e como tal pasou á prensa internacional[6]

Titushki diante do edificio do gabinete de ministros de Ucraína. 24 de novembro de 2013

Orixe do nome

O nome procede de Vadym Titushko (Вадим Тітушко) un loitador de artes marciais [7] de Bila Tserkva que atacou os xornalistas dunha canle de televisión ucraína o 18 de maio de 2013.[8], condenado a tres anos de prisión pero posteriormente foi modificada a dous anos de liberdade condicionada, con posterioridade o propio Titushko apoiou publicamente á oposición[9]

Características

Segundo un antigo xefe do Servizo de Seguridade de Ucraína, o goberno usa os titushki activamente en conflitos locais, a cambio de cartos[10], son xente nova que viste de forma similar, con roupa deportiva e chaquetas, a miúdo a súa imaxe confúndese coa dos nostálxicos da época soviética[11], aínda que os titushki son recrutados entre practicantes mozos de boxeo, wrestling ou artes marciais sen emprego e sen consideración á ideoloxía, só a cambio de cartos[12]. O número de todos os que actuaron en Kíiv durante as protestas de 2013/2014 estímase en 2000 [13].

Notas

Ligazóns externas

  • Titushky no dicionario de slang ucraíno Myslovo