Jaime Penedo
Ferramentas
Xeral
Imprimir/exportar
Noutros proxectos
Jaime Penedo | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Jaime Manuel Penedo Cano | ||
Nacemento | 26 de setembro de 1981 | ||
Lugar de nacemento | Cidade de Panamá | ||
Altura | 1,86 m. | ||
Posición | gardameta | ||
Carreira xuvenil | |||
1991–1999 | Estudiantes de Panamá | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1998–2001 | Estudiantes de Panamá | 36 | (0) |
2002–2004 | Plaza Amador | 51 | (0) |
2005–2006 | Árabe Unido | 42 | (0) |
2006–2007 | Osasuna B | 12 | (0) |
2007–2013 | CSD Municipal | 171 | (0) |
2013–2015 | Los Angeles Galaxy | 61 | (0) |
2015–2016 | Deportivo Saprissa | 17 | (0) |
2016–2018 | Dinamo Bucarest | 66 | (0) |
Total | 456 | (0) | |
Selección nacional | |||
2003–2018 | Panamá | 137 | (0) |
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Jaime Manuel Penedo Cano, nado na Cidade de Panamá o 26 de setembro de 1981, é un exfutbolista panameño, que xogaba de porteiro. Militou en clubs de seis países, en América e Europa, e foi 137 veces internacional coa selección de Panamá, sendo o segundo futbolista que máis veces vestiu a súa camiseta. Gañou coa selección a Copa Centroamericana de 2009 e participou no Mundial de 2018 en Rusia.
Naceu na Cidade de Panamá, sendo fillo de dous dos numerosos inmigrantes galegos que chegaron ao país procedentes de Boborás.[1][2] Formouse como gardameta de fútbol no Estudiantes de Panamá e en 1998 debutou co primeiro equipo, no que xogou ata o ano 2002. A continuación pasou polo Plaza Amador e o Árabe Unido, e gañou con este último tanto o Torneo Apertura como o Clausura do ano 2004.
En 2005 aterrou en Europa para xogar en principio no Cagliari italiano,[3] pero acabou rexeitando a oferta do club e viaxou a España,[4] onde despois dun tempo sen equipo fichou polo Osasuna B.[5] Disputou 12 partidos co filial navarro na Segunda División B, e en 2007 marchou a Guatemala, onde asinou co CSD Municipal. Militou durante cinco anos no equipo da Cidade de Guatemala, gañando catro veces o campionato de liga guatemalteco e participando noutras tantas edicións da Liga de Campións da CONCACAF.
En 2013 fichou polo Los Angeles Galaxy dos Estados Unidos.[6] Xogou no equipo californiano ata mediados de 2015, compartindo equipo entre outros con Landon Donovan ou Robbie Keane, e proclamouse campión da MLS na súa primeira tempada. Foi titular na final, na que o seu equipo derrotou na prórroga ao New England Revolution.[7]
En xaneiro de 2016 fichou polo Deportivo Saprissa de Costa Rica, onde xogou ata mediados de 2016.[8][9] En xuño dese ano, foi contratado polo Dinamo de Bucarest de Romanía,[10] co que xogou dous anos, gañando unha Copa da Liga. En febreiro de 2019 anunciou a súa retirada do fútbol profesional.[11]
Foi 137 veces internacional coa selección de Panamá, sendo o segundo futbolista con máis partidos na historia do combinado, só por detrás de Gabriel Gómez (con 149). Debutou co equipo panameño en xuño de 2013, substituíndo a Francisco Portillo nun partido contra Cuba.[12]
Participou nas Copas de Ouro da CONCACAF de 2005 e 2013, sendo elixido en ambas mellor porteiro do torneo. En 2009 proclamouse con Panamá campión da Copa Centroamericana, despois de derrotar a Costa Rica na final disputada no Estadio Nacional de Tegucigalpa. En 2018 foi un dos 23 futbolistas panameños que participaron n no Mundial de Rusia. Foi titular nos tres encontros da súa selección no Mundial, quedando eliminados na fase de grupos. Tralo remate do torneo anunciou a súa retirada da selección, con 36 anos.[13]