Espazo natural protexido
Un espazo natural protexido, área protexida ou espazo de conservación, é unha paraxe terrestre ou mariña definida xeograficamente e que se protexe coa finalidade de conservar a súa biodiversidade e os seus hábitats.[1] Préstaselles atención pola súa importancia no ecosistema ou o seu valor engadido de importancia cultural.
Espazos protexidos |
por rexións continentais |
Parque Nacional das |
Illas Atlánticas |
África: 14.7 % terrestre, 2,4 %mariña |
América Central: 28,2 % terrestre, 2,1 % mariña |
América do Norte: 14,4 % terrestre, 6,9 % mariña |
América do Sur: 25,0 % terrestre, 3,9 % mariña |
Asia: 12,4 % terrestre, 4,5 % mariña |
Caribe: 14,6 % terrestre, 1,2 % mariña |
Europa: 13,6 % terrestre, 3,9 % mariña |
Oceanía: 14,2 % terrestre, 15,6 % mariña |
Océanos do sur: 18,6 % terrestre, 17,7 % mariña |
Oriente Medio: 15,2 % terrestre, 1 % mariña |
Fracción de área mariña ou terrestre. Fonte: UNEP-WCMC 2014 |
Nestes espazos, ben por interese gobernamental ben asociativo, aplícanse accións de preservación do ecosistema para manter os seus servizos ou melloralos, se é que teñen zonas degradadas por actividade humana. A finalidade da protección adoita ser a de paliar o impacto humano nos procesos do ecosistema, que provocan unha redución da biodiversidade,[2] e a de garantir que os ecosistemas se conserven para as futuras xeracións[1].
Hai diferentes tipos de espazos naturais protexidos segundo a categoría que as leis de cada país lle outorguen ou a regulación de convenios de organizacións internacionais, como a Rede Natura 2000 da Unión Europea ou as Reservas da biosfera da UNESCO. Moitos dos espazos mariños protexidos adoitan incluír áreas mariñas extensas e ser transfronteirizos, polo que a súa conservación é un compromiso internacional.
En 2016 só o 14,8% (161 millóns km2) da superficie terrestre e as augas continentais, o 12,7% (3,6 millóns de km2) da costa e o 5,1% (3,6 millóns de km2) das augas oceánicas estaba protexidas por algunha categoría de espazo natural.[3][4]
Definición
As áreas protexidas enténdense como aquelas nas que a ocupación do espazo natural pola humanidade ou dos recursos do ecosistema é limitado. As definicións que máis se aceptan nos marcos de desenvolvemento rexional e nas lexislacións estatais son as da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN). As súas definición foron:
Unha área definida xeograficamente que se asigna, regula e xestiona con finalidades específicas de conservación.Convención da Diversidade Biolóxica de 1992, 1 Artigo 2
Un espazo xeográfico claramente definido, recoñecido, adicado e xestionado, a efectos legais ou con outra medida efectiva, para acadar a conservación a longo prazo da natureza, cos seus servizos de ecosistema asociados e valores culturaisUnión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) 2008, 2
Categorías de xestión das áreas protexidas da IUCN
A IUCN, a través da súa "Comisión Mundial para os Espazos Protexidos" (WCPA) definiu unha táboa de clasificación de seis categorías dos espazos naturais segundo os obxectivos de conservación. Esta táboa é aceptada por varios gobernos e polas Nacións Unidas.[5] Permite definir e catalogar as áreas protexidas e iniciar os seus planos de conservación, segundo as necesidades de conservación.[6]
As categorías dos espazos protexidos segundo a IUCN son:
- Categoría Ia — Reserva natural estrita
- Categoría Ib — Área salvaxe
- Categoría II — Parque nacional
- Categoría III — Monumento natural
- Categoría IV — Área de hábitats ou xestión de especies
- Categoría V — Área terrestre ou marítima protexida
- Categoría VI – Área protexida cun uso sostible dos recursos naturais
Os elementos aos que se lle presta atención para definir como de interese de preservación unha área son a cantidade de especies en risco de extinción, as especies limitadas xeograficamente, as ensamblaxes de especies e o número de especies en risco e que coexisten e os tipos de ecosistema en perigo de desaparición e a súa integridade. As agregacións demográficas de especies, os refuxios ecolóxicos e as fontes de recursos, como alimentos ou puntos de reprodución serven para determinar as áreas tamén. A biodiversidade dos ecosistemas avalíase ao nivel da riqueza taxonómica e da variabilidade xenética das especies.[7]
Espazos naturais por rexións
Europa
- Véxase tamén: Rede Natura 2000.
Na Unión Europea creouse a Rede Natura 2000 entre todos os estados membros coa finalidade de garantir a supervivencia das especies de maior interese e en maior risco de extinción da Unión Europea. Esta rede de espazos protexidos componse de zonas especial de conservación (ZEC) e zona de especial protección para as aves (ZEPA). Os lugares de importancia comunitaria (LIC) son a primeira fase de declaración dun espazo, por parte dun estado membro, antes da súa catalogación como zonas especial de conservación (ZEC) na Unión. Desígnase baixo a lexislación da Directiva de Hábitats (Directiva 92/43/CE de 1992 coa que se crea a rede) e a Directiva de Aves.
En 2017 estaban catalogados dentro da Rede Natura 2000 europea máis do 18% do territorio terrestre e o 6% do mariño da Unión. Así é que é a maior rede de conservación de espazos naturais do planeta.[8][9][10]
A rede ten por obxectivos protexer a especies e hábitats, manter e restaurar ecosistemas, conseguir unha agricultura, explotación forestal e pesca sostibles, combater as especies invasoras, reducir a perda de biodiversidade global.[8]
España
Os espazos protexidos terrestres e marítimos dentro da soberanía do estado español réxense pola Lei 42/2007 do patrimonio natural e da biodiversidade.[11] A lei ten por obxectivo a conservación e protección da diversidade biolóxica, a riqueza xeolóxica e a tradución cultural asociada a estes espazos. Na lei considéranse de interese de protección espazos naturais en risco ou con posibilidade de ameaza, ou espazos de interese ecolóxico, xeolóxico, paisaxístico ou outros.[12]
A lei recolle cinco categorías de clasificación para os espazos:
- Parques: son lugares con ecosistemas, formacións xeomorfolóxicas ou outros valores que merecen a máxima atención. Inclúe a rede de parques nacionais.
- Reservas naturais: son lugares con ecosistemas con interese de preservación ben por estar baixo risco de preservación ben por ter elementos raros ou de interese xeral.
- Áreas mariñas protexidas: son áreas intermareais e submareais que singulares, con risco ou importancia de conservación.
- Monumentos naturais: son formacións peculiares que pola súa rareza ou beleza se lles outorga dereito de preservación.
- Paisaxes protexidos: son espazos do territorio que por elementos estéticos ou culturais, e segundo as regras do convenio europeo da paisaxe do Consello Europeo, merecen ser protexidos.
As comunidades autónomas do estado desenvolveron as súas propias lexislacións sobre dos espazos protexidos e en 2017 chegaban a ser máis de 40 figuras de proteccións. Segundo o seu marco xurídico, estes espazos están agrúpanse dentro de:
- Espazos naturais protexidos, que é un inventario nacional[13]
- Espazos protexidos pola Rede Natura 2000[10]
- Espazos protexidos por instrumentos internacionais, como as zonas húmidas de importancia internacional, a lista de patrimonio natural, áreas protexidas do convenio de protección do ambiente mariño do Atlántico do noroeste OSPAR, os xeoparques e reservas da biosfera da UNESCO e as reservas bioxenéticas do Consello de Europa.[14]
A Lei 42/2007 recoñeceu a figura e importancia dos lugares de interese xeolóxico; definindo a xeodiversidade, o patrimonio xeolóxico e os xeoparques.[15]
En España en 2017 os espazos naturais declarados supoñen o 28,03% (142 mil km2) da superficie terrestre e o 8,37% (84 mil km2) de superficie mariña. Seguindo a clasificación da IUCN, das 4,040 áreas protexidas só 13 espazos naturais son da categoría Ia e 61 da Ib.[16]
Galicia
- Artigo principal: Espazos protexidos de Galiza.
Dentro do marco estatal, a lexislación galega rexe que existen as seguintes figuras de espazos naturais[17]:
- Reserva natural: en 2021 en Galicia non existía ningunha reserva natural declarada.
- Parque:
- Os Parques nacionais, que son declarados polas Cortes do estado e xestionados polo goberno autonómico de Galicia. Só existe un parque nacional galego, que é o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
- Os Parques naturais, os declarados e xestionados polo goberno de Galicia. Existen declarados como tal a Baixa Limia - Serra do Xurés, o Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, as Fragas do Eume, o Monte Aloia, o Invernadeiro e a Serra da Enciña da Lastra.
- Monumento natural: existen declarados como tal a praia das Catedrais, Carballa da Rocha, Costa de Dexo, Fraga de Catasós, Serra de Pena Corneira, Souto da Retorta, Souto de Rozabales, e o dobramento xeolóxico de Campodola-Leixazós.
- Zona húmida protexida: existen declaradas como tal (e dentro da Convención de Ramsar) o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo, o complexo intermareal Umia - O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira, a lagoa e areal de Valdoviño, a ría de Ortigueira e Ladrido, a ría de Ribadeo.
- Paisaxe protexida: están declarados como tal os Penedos de Pasarela e Traba e o Val do río Navea.
- Espazo protexido da Rede Natura 2000[18]:
- Zonas especial de conservación (ZEC), composto por 59 espazos naturais.
- Lugares de importancia comunitaria (LIC), 25 novos espazos propostos desde decembro 2011 para ascender á categoría de ZEC.
- Zonas de especial protección para as aves (ZEPA), composto por 16 espazos naturais.
- Outras figuras locais:
- Espazos naturais de interese local, compostos por 7 lugares.
- Espazos privados de interese natural, composto por só un lugar.
A costa galega conta con áreas mariñas catalogadas como zonas de especial protección dos valores naturais, mais que son de competencia do estado polo réxime xurídico de costas vixente. Este é o caso das ZEPA e LIC Banco de Galicia e ZEPAs das Rías Baixas de Galicia, da Punta de Candelaria - Ría de Ortigueira - Estaca de Bares, da Costa de Ferrolterra - Valdoviño, da Costa da Morte e a das Rías Baixas de Galicia.[19][20][21]
Así mesmo as outras figuras de orde internacional que existen no territorio galego son:
- As Zonas húmidas internacionais protexidas, froito do Convenio de Ramsar, e que están todos catalogados como zonas húmidas protexidas na lexislación galega.
- As Reservas da Biosfera que foron declaradas pola UNESCO. Arestora son Área de Allariz, As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Gerês-Xurés, Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, Ribeira Sacra, Serras do Oribio e Courel[22][23], Río Eo, Oscos e Terras de Burón e a Terras do Miño.
- As Áreas protexidas da Convención para a protección ambiental mariña do Atlántico Nordeste (OSPAR), que inclúe as augas galegas dentro da "rexión IV da Baía de Biscaia e Costa Ibérica".
- Os Xeoparques da rede mundial da UNESCO, que son áreas únicas e características no mundo en termos xeolóxicos polas súas formacións ou paisaxes e que se declaran cunha finalidade educativa e de protección.[24] Nesta liña, Galicia tiña no 2019 16 lugares de interese xeolóxico de relevancia internacional, Global geosites, declarados pola Unión Internacional das Ciencias Xeolóxicas e a UNESCO,[25] así como outros 75 lugares de interese xeolóxico[26].
Portugal
- Artigo principal: Espazos protexidos de Portugal.
A lexislación portuguesa declara aos espazos naturais protexidos como áreas protexidas e establece para cada tipo unha regulación específica. A lei para este fin foi o decreto-lei 19/93 do 23 de xaneiro de 1993 e o posterior decreto-lei 142/2008, e nelas declaráronse as seguintes categorías de áreas protexidas:
- De ámbito nacional[27]:
- Parque nacional
- Parque natural
- Reserva natural
- Monumento natural
- Paisaxe protexida
- Lugares de interese biolóxico
- De ámbito rexional ou local:
- Parque natural rexional
- Reserva natural local
- Paisaxe protexida local
- Área protexida privada
O seu único parque nacional é o da Peneda-Gerês. Conta con outros trece parques naturais: o Montesinho, Douro Internacional, Litoral Norte, Alvão, Serra da Estrela, Tejo Internacional, Serras de Aire e Candeeiros, São Mamede, Sintra-Cascais, Arrábida, Suroeste Alentejano e Costa Vicentina, Vale do Guadiana, e Ria Formosa.[27] Portugal conta co seu 22.9% (21 mil km2) de superficie terrestre e 8,36% (144 mil km2) de superficie mariña protexido. 13 áreas son de categoría Ia da IUCN e 25 da Ib.[28]