Abdul Kalam
Avul Pakir Jainulabdeen Abdul Kalam (en lingua támil, ஏ. பி. ஜே. அப்துல் கலாம்), nado en Rameswaram o 15 de outubro de 1931 e finado en Shillong o 27 de xullo de 2015, foi presidente da India dende 2002 a 2007, foi tamén un recoñecido enxeñeiro e científico.
Nome orixinal | (ta) அவுல் பகிர் ஜைனுலாப்தீன் அப்துல் கலாம் (awa) डॉक्टर ए पी जे अब्दुल कलाम |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 15 de outubro de 1931 Rameswaram taluk, India (en) |
Morte | 27 de xullo de 2015 (83 anos) Shillong, India (pt) |
Causa da morte | Morte natural (Parada cardiorrespiratoria ) |
Presidente da India | |
25 de xullo de 2002 – 25 de xullo de 2007 ← K. R. Narayanan – Pratibha Patil → | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | India (1950–) Dominio da India (1947–1950) |
Relixión | Sunnismo e Islam |
Educación | St Joseph's College, Tiruchirappalli (en) Universidade de Madras (pt) Universidade de Oakland |
Actividade | |
Campo de traballo | Enxeñaría aeroespacial, indústria aeroespacial (pt) , poesía, política e ciencia |
Ocupación | político |
Partido político | sen valor |
Lingua | Lingua támil, Lingua telugu, lingua hindi e lingua inglesa |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | sen valor |
Premios
| |
Páxina web | abdulkalam.nic.in… |
Traxectoria
Orixes e formación académica
Nado no seo dunha familia humilde támil de relixión islámica, o seu pai era imán na mesquita local e tiña un pequeno batel para o transporte. Compatibilizando os estudos co repartimento de xornais, na súa etapa escolar destacou nas Matemáticas.[1] Tras o ensino básico, formouse en Ciencias en 1954 no St. Joseph's College, unha das máis recoñecidas institucións académicas indias e vinculada aos xesuítas.[2] Posteriormente, estudou enxeñaría aeroespacial no Instituto Tecnolóxico de Madrás.[3]
Carreira científica
Tivo un papel salientable no programa espacial indio e no desenvolvemento de mísiles.[4] Foi coñecido como o "home mísil da India" polo seu traballo no desenvolvemento da tecnoloxía de mísiles balísticos e de foguetes espaciais.[5][6][7]
Incorporouse profesionalmente en 1958 a Defence Research and Development Organisation (DRDO), unha axencia creado nese polo goberno de Nehru para subministrar armamento ás forzas armadas indias. Alí procourou desenvolver un aeroescorregador que acabou por non levarse a termo.[8] Logo desta experiencia sen froito, traballou na Organización India de Investigación Espacial (ISRO). Ao abeiro desta institución e coa finalidade de elaborar un satélite artifical indio, formouse coa NASA, sendo logo nomeado director do proxecto de deseño e desenvolvemento do SLV-III, un foguete espacial que poñería con éxito en órbita ao satélite Rohini 1B en 1980.[9]
Director xeral de DRDO entre 1982 e 1999, centrouse no desenvolvemento de mísiles teledirixidos.[10] Conselleiro científico do Ministerio de Defensa dende 1992, tamén dirixiu o departamento de investigación e desenvolvemento do mesmo. Deste xeito, en 1998 foi o encargado de supervisar as probas nucleares subterráneas coñecidas como Pokhran-II, que seguiron as primeiras realizadas na India en 1974.[11][12] Estas probas confirmaron que a India era unha potencia con armamento atómico.[13]
En 1999 foi recoñecido primeiro Asesor Científico principal do Goberno da India, un cargo que lle deu rango ministerial.[14]
Presidente da India (2002-2007)
En 2002 Kalam resultou elixido o 11º Presidente da India co apoio tanto do partido gobernante, o Bharatiya Janata, como do principal da oposición o Congreso Nacional Indio. Foi o terceiro xefe do estado musulmán da India, logo de Zakir Husain e Fakhruddin Ali Ahmed. A súa elección foi interpretada como un intento por superar a violencia intercomunitaria no estado de Gujarat e a cuestionada inacción do executivo do Bharatiya Janata.[9] Durante a súa presidencia, Abdul Kalam gozou de grande popularmente e foi coñecido como o "presidente do pobo".[15]
Últimos anos
En 2007 tras rematar o seu mandato, volveu dar clases como profesor visitante en varias institucións, e gañou sona como orador en conferencias, especialmente centradas na mocidade. O seu pasamento foi o 27 de xuño de 2015 mentres daba unha disertación en Shillong, no estado de Meghalaya.[16] O seu enterro foi na súa localidade natal e contou coa presenza das mais altas autoridades indias, entre as que destacou o primeiro ministro Narendra Modi.[17]
Vida privada
Foi solteiro, vegano e abstemio. Destacou pola súa humildade e tras a presidencia pretendeu volver ao seu cuarto nunha residencia universitaria en Madrás, algo que foi desaconsellado, buscando un piso de tres habitacións.[18] Cultivou a poesía en lingua támil e a música carnática (a música clásica do sur da India) sendo intérprete de vina.[19] Aprendeu hindi de adulto.[20] Fondamente espiritual e practicante do islam, recitaba de memoria o Corán, aínda que tamén era coñecedor dos textos sagrados do hinduísmo. Moi próximo a súa familia, legou as súas escasas posesións ao seu irmán máis vello.[21][22]
Recoñecementos
Recibiu numerosos premios e condecoracións, entre os que salienta o Bharat Ratna, o honor civil supremo da India. Ademais, foi nomeado doutor por 48 universidades de todo o mundo.[23]
Como homenaxes póstumas púxose o seu nome a unha autoestrada de Nova Deli e a unha illa en Odisha, no golfo de Bengala.[24][25] Ademais, en 2018, unha nova especie vexetal descuberta en Bengala Occidental foi denominada como Drypetes kalamii na lembranza de Abdul Kalam.[26]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
- Páxina web oficial de A.P.J Abdul Kalam Arquivado 08 de decembro de 2022 en Wayback Machine. (en inglés)
- Páxina web oficial de A.P.J. Abdul Kalam como antigo presidente da India (en inglés)