Baltasar Lobo

artista español

Baltasar Lobo Casquero, nado en Cerecinos de Campos (Zamora) o 22 de febreiro de 1910 e finado en París o 4 de setembro de 1993, foi un debuxante e escultor español, moi coñecido polas súas composicións que representan nais e fillos.[1]

Infotaula de personaBaltasar Lobo

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento22 de febreiro de 1910 Editar o valor em Wikidata
Cerecinos de Campos, España Editar o valor em Wikidata
Morte4 de setembro de 1993 Editar o valor em Wikidata (83 anos)
París, Francia Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaCemiterio de Montparnasse Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Lugar de traballo París (1939–1993)
Madrid Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónescultor Editar o valor em Wikidata
Xénero artísticoArte abstracta Editar o valor em Wikidata
MovementoArte abstracta Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
IrmánsVisitación Lobo Editar o valor em Wikidata
Premios

Find a Grave: 15887580 Editar o valor em Wikidata
Baltasar Lobo, Madrid, decembro de 2008
Baltasar Lobo, Madrid, decembro de 2008
Maternidade, Cidade Universitaria de Caracas
Monumento ao poeta León Felipe (Zamora, 1984)
Nai e Neno (1980), Zamora

Zamorano de nacemento, exiliouse ao termo da Guerra civil española en 1939 a París, onde a súa escultura tivo influencias de Constantin Brâncuși, Hans Arp e Henri Laurens. A obra de Baltasar Lobo foi exposta na Galerie Vendôme na Rue de la Paix, xunto coa de artistas como Henri Matisse, Fernand Léger, Maurice Utrillo e Pablo Picasso.

En 2007 inaugurouse en Zamora o Museo Baltasar Lobo.[2][3]

Traxectoria

Baltasar Lobo naceu no seo dunha familia humilde. Xa desde a infancia, a súa espontánea habilidade para o debuxo e o modelado, así como a súa temperá e decidida vocación artística, dirixiron os seus pasos polo camiño da escultura. Con doce anos entrou como aprendiz no taller do escultor-imaxineiro Ramón Núñez en Valladolid, á vez que se iniciaba como modelador na Escola de Artes e Oficios. Grazas a unha bolsa de estudos, en 1927 puido continuar a súa formación na Escola de Belas Artes de San Fernando en Madrid e especializouse na talla directa da madeira e o mármore. Na capital tamén puido asistir ás clases do Círculo de Belas Artes. Durante eses anos descubriu con admiración a obra dos grandes artistas españois do momento: Pablo Picasso, Salvador Dalí, Joan Miró ou Pablo Gargallo, entre outros.[4]

En 1936 a súa esposa Mercè Comaposada i Guillén, Lucía Sánchez Saornil e Amparo Poch y Gascón fundaron a revista Mujeres Libres, o órgano de expresión da organización Mujeres Libres a prol da liberación da muller obreira. A revista, escrita por e para mulleres, vetou a colaboración de homes, coa excepción de Baltasar Lobo, ilustrador e maquetista da publicación.[4][5]

Durante a Guerra Civil apaixonouse polo ideario do anarquismo. Adheriuse á CNT e debuxou para numerosas publicacións ácratas da época.[4]

Ao final da guerra en 1939 exiliouse en Francia coa súa esposa. Movéronse por varias cidades francesas até fixaren a súa residencia definitiva en París. Axiña estabeleceu amizade con Pablo Picasso e co escultor Henri Laurens. Traballou no taller deste último durante algúns anos e del tomou o interese por simplificar as formas e a afección polos volumes curvilíneos, así como o seu concepto de estruturación poscubista da escultura.

Durante a década de 1940 foi perfilando o seu estilo. Comezou cunha figuración moi simplificada en relación coas formas populares e con certo carácter arcaico —como en Ídolo (1941) ou Campesiña (1942)—, para continuar por camiños de crecente abstracción e depuración das formas. O seu desexo por indagar no espido feminino traduciuse nunha iconografía repleta de bañistas e maternidades, e máis adiante nos centauros e as ninfas. Así, a partir dos anos 50 perfilouse un estilo xa maduro, cunha linguaxe propia e inequívoca. Reúne nas súas esculturas a rotundidade de volumes cunha gran perfección no modelado das formas, especialmente elocuente nas pezas realizadas en mármore e bronce puídos. O escultor aproveita a plasticidade táctil e luminosa deses materiais até obter obras radiantes, dotadas dunha belísima e oscilante transparencia interior. Bo exemplo son Levante (1962) e Ao sol (1970).[4]

O sentido monumental da súa obra alcanzou a súa plenitude con dúas esculturas urbanas baseadas en espidos masculinos: Aos españois mortos pola liberdade (1948), monumento en pedra na cidade de Annecy,[6] e Homenaxe ao poeta León Felipe (1983), bronce situado en Zamora.[7]

A diferenza do que sucedeu en España, a obra de Lobo axiña tivo unha importante difusión en Francia. Percorreu tamén galerías e museos de cidades como Praga, Bruxelas, Luxemburgo, Zúric, Caracas ou Toquio. Este feito outorgoulle desde os anos 70 un lugar destacado na escultura contemporánea europea.

Até 1960, en que o Museo de Arte Contemporánea de Madrid organizou unha retrospectiva sobre a súa obra, o escultor zamorano non puido reencontrarse co seu público, para o que pasara demasiado tempo desapercibido. Posteriormente a Galería Theo de Madrid seguiu de cerca a traxectoria do artista. Por medio de Benjamín Palencia coñeceu, contra 1970, ao poeta e emprendedor no mármore Francisco Pastor Pérez. Este ofreceulle a Lobo a oportunidade de traballar o mármore vermello de Alacant no seu taller de Novelda, onde pasou longas tempadas durante anos e realizou parte da súa produción.[8]

Baltasar Lobo foi un dos artistas que contribuíron ao proxecto da Cidade Universitaria de Caracas e fixo as ilustracións para a versión inglesa da obra Platero e mais eu de Juan Ramón Jiménez. O seu recoñecemento internacional traduciuse tamén en numerosos premios e distincións, como o Premio André Susse de Escultura (1958), o Premio Jacques Lenchener (1974), o Premio Oficial das Artes e as Letras de Francia (1981), a Orde Andrés Bello do Goberno de Venezuela (1989) e a Medalla de Ouro Susse Fréres Fondeul.

Na década de 1980 estreitáronse os seus lazos coa súa terra natal. En 1984 celebrou a súa primeira exposición en Zamora. En 1986 a VIII Bienal da cidade dedicoulle unha sala en homenaxe á súa traxectoria artística. Os galardóns en España chegaron tamén nesa década. En 1984 recibiu o Premio Nacional de Artes Plásticas de España e, en 1985, o Premio de Castela e León das Artes.[9]

Baltasar Lobo morreu en 1993 e foi enterrado en París no Cemiterio de Montparnasse. Nese momento estaba a preparar, en colaboración con diversas entidades públicas e financeiras, un ambicioso proxecto museográfico para a exhibición e estudo da súa obra na capital zamorana.[9] Grazas ao Padroado Baltasar Lobo púidose gozar dunha exposición permanente de parte da súa obra na igrexa románica de San Esteban, acondicionada de xeito provisional. No entanto, rehabilitouse o Castelo de Zamora, o destino definitivo do Museo Baltasar Lobo, que se inaugurou en 2007.

En 2018 estreouse La soledad del escultor, un documental sobre Baltasar Lobo.[10]

Exposicións

En outubro de 2008 realizouse unha exhibición temporal das súas esculturas no Paseo do Prado, Madrid.[9]

O Institut Valencià d'Art Modern (IVAM) presentou unha exposición con máis de cen obras do artista. A mostra tivo lugar en Valencia entre o 15 de marzo e o 1 de maio de 2011.[11]

A Galería Freites de Caracas (Venezuela) acolleu a exposición «Baltasar Lobo íntimo» en marzo de 2022.[12]

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas