Corpo de Berkeley

O corpo de Berkeley é un orgánulo exclusivo dos lévedos Saccharomyces cerevisiae que teñen unha mutación nos xenes sec7 e sec14. A función deste orgánulo ten que ver coa chamada vía Cvt (cytoplasm to vacuole targeting, destinación do citoplasma a vacúolos), a cal é unha vía de transporte de substancias para a degradación. O corpo de Berkeley actúa como un medio de transporte desde o citoplasma aos vacúolos dentro desta vía. Os corpos de Berkeley comparten semellanzas estruturais cos autofagosomas, os cales están implicados na autofaxia.[1] O mecanismo de funcionamento da vía Cvt é secuestrar un cargamento biosintético nunha vesícula de dobre membrana, que despois se fusiona cun vacúolo liberando a vesícula interna no lume do orgánulo co que se fusionou, onde é degradada por hidrolases e solta o seu cargamento.

O orgánulo consta de dúas membranas que forman un lume interno, o cal contén citoplasma e ás veces inclúe ribosomas. Fórmase a partir de vesículas que se evaxinan do aparato de Golgi ou o retículo endoplasmático. Foron descubertos en 1980 por Novick e Schekman, na Universidade de California, Berkeley. Os corpos de Berkeley acumúlanse nos mutantes en certas condicións.[2][3][4]

Notas

Notas

Outros artigos