Spitzenkörper

O Spitzenkörper é unha estrutura atopada nas hifas dos fungos que funciona como un centro organizador do crecemento das hifas e da morfoxénese. Consta de moitas pequenas vesículas e aparece nos extremos en crecemento das hifas, durante a xerminación de esporas e nos puntos onde se producen ramificacións das hifas. A súa posición nos extremos das hifas relaciónaos coa dirección do crecemento das hifas. O Spitzenkörper forma parte do sistema endomembranoso da célula nos fungos.[1]

Catro vistas microscópicas paralelas dunha hifa en crecemento de Neurospora crassa co Spitzenkörper claramene visible no extremo (por exemplo, en vermello na imaxe de abaixo).

As vesículas están organizadas arredor dunha área central que contén unha densa rede de microfilamentos. Con frecuencia aparecen polisomas nas proximidades do límite posterior do núcleo do Spitzenkörper, e esténdense microtúbulos dentro e a miúdo a través do Spitzenkörper; atópanse ademais corpos de Voronin na rexión apical próxima ao Spitzenkörper.[2]

O citoplasma do ápice está ocupado case exclusivamente por vesículas secretoras e microvesículas. Nos fungos superiores (Ascomycota e Basidiomycota), as primeiras están dispostas como unha capa esférica arredor das últimas, e o conxunto da formación sería o Spitzenkörper ou "corpo apical". O Spitzenkörper pode verse nas hifas en crecemento con microscopio óptico. As hifas dos Oomycota e algúns Eumycota inferiores (especialmente os Zygomycota) non conteñen un Spitzenkörper recoñecible, e as vesículas están distribuídas máis libremente na cúpula apical da hifa.[3]

Notas

Véxase tamén

Outros artigos