Didelphis virginiana

Didelphis virginiana é unha especie de mamífero marsupial didelfimorfo da familia dos didélfidos.[2]

É o único marsupial de Norteamérica que vive ao norte do río Bravo.

Os seus antepasados evolucionaron en Suramérica, pero facilitoulle a invasión de América do Norte a formación do istmo centroamericano, durante o grande intercambio americano, hai tres millóns de anos.

Características

Trátase dun animal nocturno e solitario, do tamaño dun gato doméstico, sendo, por tanto a sarigüeia máis grande. Exitoso oportunista, con frecuencia pode verse nas vilas saqueando contedores de lixo, ou no pavimento das rúas como vítima de atropelo en accidentes de tráfico.[3]

Comportamento

Didelphis virginiana é un animal de hábitos nocturnos. Cando se sente ameazada, expulsa un forte cheiro e faise a morta.

Taxonomía

A especie foi descrita en 1792 polo médico, naturalista, escritor e tradutor escocés Robert Kerr, que a publicou no número 193 na revista Linnaeus, Anim. Kingdom.[2]

Ao longo do tempo foi coñecida, ademais, polos seguintes sinónimos:

  • Didelphis breviceps
  • Didelphis marsupialis virginiana
  • Didelphis californica
  • Didelphis yucatanensis

e, ademais, distinguíronse as seguintes subespecies:

  • Didelphis virginiana boreoamericana
  • Didelphis virginiana breviceps
  • Didelphis virginiana cozumelae
  • Didelphis virginiana illinensium
  • Didelphis virginiana pilosissima
  • Didelphis virginiana pruinosa
  • Didelphis virginiana texensis
  • Didelphis virginiana woapink

Nomenclatura

O nome xenérico, Didelphis, deriva do grego antigo: do elemento δí- dí-, de δύο dýo, "dous", e o termo δελφυς dělphys, "útero", "matriz".[4]

O específico, virginiana, do topónimo Virginia, (Virxinia, territorio dos Estados Unidos).

Subespecies

Na actualidade, a comunidade científica recoñece tan só as seguintes:[2]

Especie Didelphis virginiana
  • D. v. virginiana
  • D. v. californica
  • D. v. pigra
  • D. v. yucatanensis

Distribución xeográfica

Mapa de distribución (en amarelo).

Distribúese ao longo de gran parte da América do Norte, desde o océano Atlántico ao Pacífico. Introduciuse en California en 1910.

Hoxe en día chega até o sur do Canadá, e parece que aínda se está estendendo cara ao norte.

A súa área de distribución abarca o extremo suroriental do Canadá, a metade oriental e a costa occidental dos Estados Unidos, México (salvo o extremo noroccidental), Belize, Guatemala, Honduras, O Salvador, Nicaragua e Costa Rica.

Esta sarigüeia non era orixinalmente nativa dos oeste dos Estados Unidos. Foi intencionadamente introducida no oeste durante a gran depresión, probabelmente como unha fonte de alimento.[5]

Estado de conservación

A UICN, cualificou en 2008 o estado da especie como LC (pouco preocupante) debido, entre outras razóns, a que a súa presenza é común e xeneralizada en toda a súa área de dispersión, a que se adapta moi ben ás paisaxes modificadas polo ser humano. Aínda que a esta sarigüeia é cazada e atrapada con garamelos nalgunhas localidades para consumir como alimento, como actividade deportiva ou para protexer ás aves de curral, a especie non semella que fora afectada adversamente polos asentamentos humanos. De feito, a súa área de dispersión parece que está aumentando.[6]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: