Edward Dodwell
Edward Dodwell, nado o 30 de novembro de 1767 e finado o 13 de maio de 1832, foi un pintor, viaxeiro e escritor irlandés sobre arqueoloxía.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 30 de novembro de 1767 Dublín |
Morte | 13 de maio de 1832 (64 anos) Roma |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda |
Educación | Trinity College |
Actividade | |
Ocupación | pintor , escritor , debuxante , arqueólogo |
Membro de | |
Lingua | Lingua inglesa |
Traxectoria
Familia e formación
Dodwell naceu en Irlanda e pertencía á mesma familia que Henry Dodwell, o teólogo.[1] Estudou no Trinity College de Cambridge.[2]
Carreira
Dodwell viaxou de 1801 a 1806 a Grecia, que entón formaba parte do Imperio Otomán, e pasou o resto da súa vida na súa maior parte en Italia, en Nápoles e Roma. Morreu en Roma polos efectos dunha enfermidade contraída en 1830 durante unha visita de exploración ás montañas Sabinas. A viúva de Dodwell, filla do conde Giraud e trinta anos menor que el, fíxose posteriormente famosa como a "fermosa" condesa de Spaur, e xogou un papel considerable na vida política da cidade papal.
Dodwell publicou A Classical and Topographical Tour through Greece (1819), do que apareceu unha tradución ao alemán en 1821; Vistas en Grecia (Views in Greece), con trinta láminas de cores (1821); e Vistas e descricións de restos cíclopes ou pelásxicos en Italia e Grecia (Views and Descriptions of Cyclopian or Pelasgic Remains in Italy and Greece, Londres e París, con texto francés, 1834).