Embraer EMB 121 Xingu

O Embraer EMB 121 Xingu é un avión utilitario con dous motores turbohélice construído polo fabricante brasileiro Embraer. O aparello está baseado no EMB 110 Bandeirante, usando o mesmo deseño de á e motors cunha fuselaxe completamente nova. O EMB 121 realizou o seu primeiro voo o 10 de outubro de 1976.[1]

Embraer EMB 121 Xingu
Tipoavión utilitario
FabricanteEmbraer
Primeiro voo10 de outubro de 1976
Introducido20 de maio de 1977
Estadoactivo
Principais usuariosForza Aérea de Francia
Forza Aérea Brasileira
Produción1977 - 1987
Unidades construídas106

Unha variante do EMB 121, o EMB 121A1 Xingu II, foi introducida o 4 de setembro de 1981 cun motor máis potente (PT6A-135), un asento máis para pasaxeiros, pasando de 8 a 9, e maior capacidade de combustible.

Antes de que rematase a súa produción en 1987, Embraer fabricara 106 EMB 121, 51 dos cales vendéranse a clientes de fóra do Brasil.[2]

Desenvolvemento e deseño

En 1975, Embraer comezou a desenvolver unha familia de tres derivados do seu avión de pasaxeiros Bandeirante, todos eles contando cunha fuselaxe presurizada e unha cola en T. O máis pequeno deles e primeiro en ser lanzado foi o EMB-121 Xingu, deseñado para transportar seis pasaxeiros nunha configuración típica, cun máximo de nove pasaxeiros.[3] O Xingu é un monoplano de á baixa en saínte cun tren de aterraxe retractable en triciclo e unha sección de fuselaxe circular. A súa á está baseada na usada polo Bandeirante, pero con menos envergadura. Ao igual que o EMB 110, está impulsado por dous motores turbohélice Pratt & Whitney Canada PT6A.[4][5]

O prototipo do Xingu, co rexistro PP-ZXI, voou por vez primeira dende a fábrica de Embraer en São Paulo o 10 de outubro de 1976. As probas levaron a varios cambios para mellorar o rendemento e o manexo, como o incremento da envergadura en 0,4 m, colocando un amortecedor de guiñada e engadindo unha gran aleta ventral.[6] O primeiro avión de produción realizou o seu voo de estrea o 20 de maio de 1977, e foi exposto ese ano no Paris Air Show. O Xingu recibiu a certificación de tipo brasileira en maio de 1977, seguida pola certificación británica en xullo dese ano.[6]

O 26 de xullo de 1980, Embraer voou o prototipo do Xingu modificado, coa fuselaxe alongada tras engadirlle unha sección de 25 cm diante das ás e outra de 64 cm detrás delas, e coa envergadura tamén aumentada 38 cm. A nova versión, deseñada para adptarse mellor ao mercado estadounidense, estaba impulsada por dous motores de 850 shp (630 kW) PT5A-42 e tiña máis capacidade de combustible, incrementanndo o alcance do avión. Foi designado inicialmente Xingu II, pero cando o seu desenvolvemento ralentizouse ao concentrarse Embraer noutros programas (como os Tucano, Brasilia e AMX), decidiuse introducir unha versión mellorada provisional con máis potencia como o EMB-121A1 Xingu II, e a versión alongada converteuse no EMB-121B Xingu III.[7] O desenvolvemento do Xingu III abandonouse en 1984.[8]

O Xingu II, mentres tanto, voou por vez primeira o 4 de setembro de 1981, e estaba equipado con dou motores de 750 shp (560 kW) PT6A-135, dándolle un mellor rendemento.[9] Substituíu a versión orixinal na liña de produción despois de fabricarse 29 unidades.[10] O Xingu I pode modificarse para converterse ao estándar Xingu II, e moitos operadires realizaron a conversión. A fabricación do Xingu continuou ata 1987, cun total de 106 aparellos producidos.[2]

Servizo

Xingu da Forza Aérea Brasileira

As primeiras entregas do Xingu foron principalmente a clientes do Brasil, tanto a operadores civís como a militares, coa Forza Aérea Brasileira recibindo seis exemplares en 1978 para transporte VIP.[6] Os Xingus da forza aérea do Brasil estiveron en servizo ata o ano 2010.[2]

En setembro de 1980 o Xingu foi escollido polo ministerio de defensa de Francia para un avión de adestramento multimotor para a Armée de l'air e a Aéronavale, xa que tamén sería axeitado para tarefas de enlace para a mariña. O Xingu foi seleccionado por diante dos estadounidenses Beechcraft King Air e Cessna 425. Francia mercou un total de 41 aparellos, 25 para a forza aérea e 16 para a mariña, completándose as entregas a finais de 1983.[11] En Francia o Xingu estivo en servizo ata 2022, quedando 22 na forza aérea e 10 na mariña.[12]

Variantes

Cabina do Xingu
EMB 121A Xingu I
Versión inicial de produción, impulsada por dous motores de 680 shp (510 kW) Pratt & Whitney Canada PT6A-28.[10]
EMB 121A1 Xingu II
Versión de produción revisada, impulsada por dous motores de 750 shp (560 kW) Pratt & Whitney Canada PT6A-135.[10]
EMB 121B Xingu III
Proxecto de versión alongada. Converteuse un único prototipo,[7] pero non entrou en produción.[8] Equipado con dou motores de 850 shp (630 kW) Pratt & Whitney Canada PT6A-42.[9]
EMB 123 Tapajós
Derivado proposto de 10 asentos con novas ás e motores de 1 120 shp (840 kW) Pratt & Whitney Canada PT6A-45.[13] Foi abandonado en favor do máis sinxelo Xingu III.[14]
EMB 120 Araguaia
Versión de 20[14]-24[13] asentos, coas mesmas ás e motores que o EMB 123, pero cunha fuselaxe máis longa.[13] Posteriormente desenvolvido como o máis grande Embraer EMB 120 Brasilia de 30 asentos,[14] con moitas menos cousas en común co EMB-121 do inicialmente previsto.[4]
VU-9
Designación da Forza Aérea Brasileira.[6]

Especificacións (EMB 121A1 Xingu II)

Datos de Jane's All the World's Aircraft 1984-85[5]

Características xerais

  • Tripulación: 1/2
  • Capacidade: 9 pasaxeiros ou 770 kg de carga cun piloto
  • Lonxitude: 12,25 m
  • Envergadura: 14,05 m
  • Altura: 4,84 m
  • Superficie alar: 27,5 m2
  • Relación de aspecto: 7.18
  • Peso baleiro: 3 710 kg
  • Peso máximo na engalaxe: 5 670 kg
  • Capacidade de combustible: 1 308 kg
  • Planta de potencia: 2 motores turbohélice Pratt & Whitney Canada PT6A-135 de 559 kW (750 hp) cada un
  • Hélices: 2 hélices metálicas de catro pasl Hartzell HC-B4TN-3C/T9212B, 2.,36 m de diámetro, de velocidade constante con revestimento automático e paso inverso total

Rendemento

  • Velocidade máxina: 467 km/h
  • Velocidade de cruceiro: 380 km/h a 3 050 m
  • Velocidade de perda: 141 km/h sen potencia e cos flaps baixados
  • Alcance: 1 230 km a 6 100 m co máximo combustible con 45 minutos de reserva
  • Teito de servizo: 8 500 m
  • Velocidade de ascenso: 9,1 m/s
  • Carga alar: 206,2 kg/m2
  • Consumo de combustible: 0,52 kg/km: 110 kg/h por motor a 433 km/h
  • Potencia/masa: 0,197 kW/kg

Notas

Bibliografía

  • Taylor, John W. R., ed. (1977). Jane's All the World's Aircraft 1976-77. London: Jane's Yearbooks. ISBN 0-354-00538-3.