Gerardo Seoane Castro

futbolista suízo

Diego Gerardo Seoane Castro, nado en Lucerna o 30 de outubro de 1978, é un exfutbolista e adestrador suízo de orixe galega. Dende 2023 adestra o Borussia Mönchengladbach, da Bundesliga de Alemaña.

Gerardo Seoane
Información persoal
NomeDiego Gerardo Seoane Castro
Nacemento30 de outubro de 1978
Lugar de nacementoLucerna
Altura1,86 m.
PosiciónCentrocampista
Información de club
Club actualBorussia Mönchengladbach (ad.)
Carreira xuvenil
1986–1990FC Rothenburg
1990–1995Luzern
Carreira sénior
AnosEquiposAprs(Gls)
1995–1997Luzern39(2)
1997–1998Sion13(1)
1998–2002Fabril91(24)
1998–2003Deportivo da Coruña0(0)
2000Bellinzona (cedido)9(0)
2002–2003Aarau (cedido)31(2)
2003–2004Aarau30(2)
2004–2006Grasshopper48(4)
2007–2010Luzern74(2)
Selección nacional
1997–1999Suíza sub-2118(3)
Adestrador
2013Luzern
2018Luzern
2018–2021Young Boys
2021–2022Bayer Leverkusen
2023–Borussia Mönchengladbach
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria

Como xogador

Naceu na cidade suíza de Lucerna, sendo fillo de dous emigrantes galegos da Brea, en Carballo.[1] Comezou a súa carreira na canteira do FC Rothenburg, pasando logo polo FC Luzern e o FC Sion.

En 1998 foi traspasado por 150 millóns de pesetas ao Deportivo da Coruña, asinando un contrato por cinco anos co presidente Augusto César Lendoiro e instalándose así na terra de seus pais. Foi presentado diante de 3.000 afeccionados no estadio de Riazor, pero o adestrador Javier Irureta non contou con el para o primeiro equipo, no que o centro do campo estaba ocupado polos internacionais brasileiros Mauro Silva e Flávio Conceição.[1] A pesar de adestrar sempre co primeiro equipo disputou con este só dous partidos de Copa do Rei contra o Jerez CF, mentres que o resto da tempada xogou co Fabril en Segunda B.[2] Co filial disputou 31 encontros na súa primeira tempada, anotando catro goles, o primeiro deles na xornada 12 contra o Lugo, pero o equipo descendeu á Terceira división.

En marzo do ano 2000 marchou cedido ata o final da tempada ao AC Bellinzona, da segunda división suíza. Ao remate da cesión regresou á Coruña, onde xogou dúas tempadas máis no Fabril, chegando a ser o capitán do equipo. No verán de 2002 volveu saír cedido a Suíza, esta vez ao FC Aarau, da primeira división.[3] Ao ano seguinte continuou no Aarau xa en propiedade e de aí pasou ao Grasshopper de Zürich no 2004.

A comezos de 2007 volveu ao FC Luzern, onde ao pouco de chegar rompeu a tibia e o peroné. Con todo, continuou no club tres anos máis, retirándose no 2010, como capitán do equipo.

Selección suíza

Foi internacional coa selección suíza sub-21 en 18 ocasións, e anotou tres goles.

Como adestrador

Despois da súa retirada traballou como técnico nas categorías inferiores do FC Luzern, e no 2013 foi durante un partido o adestrador interino do primeiro equipo. Entre 2014 e 2017 foi adestrador do equipo sub-21 do Luzern, e en xaneiro de 2018, despois do despedimento de Markus Babbel, fíxose cargo do primeiro equipo ata o final da tempada. O equipo ocupaba as derradeiras prazas da táboa no momento no que Seoane colleu as rendas do equipo, pero acabou subindo ata o terceiro posto, clasificándose para a previa da Europa League.[4]

A continuación foi fichado polo Young Boys, para substituír a Adi Hütter. Dirixiu o equipo de Berna durante tres anos, gañando tres ligas suízas consecutivas e a Copa de Suíza en 2020. Na súa terceira e derradeira tempada no club, o dominio do equipo na liga foi tal, que se proclamou campión a falta de sete xornadas, rematando con 31 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, o Basel. Conseguiu ademais levar o Young Boys á Liga de Campións na edición de 2018/19, cousa que non sucedía dende a 1986/87.[4]

En maio de 2021 foi anunciado como novo adestrador do Bayer Leverkusen para a tempada 2021/22 da Bundesliga.[5][6] Completou a súa primeira campaña co terceiro posto en liga, o mellor resultado do club en seis anos, e clasificou así o equipo para a Liga de Campións despois de dous anos de ausencia. Na Europa League logrou a primeira posición do seu grupo na primeira fase, pero caeu eliminado nos oitavos de final contra o Atalanta. Comezou a tempada 2022/23 con malos resultados, logrando só cinco puntos nas oito primeiras xornadas. O 5 de outubro de 2022, co equipo en postos de descenso, e un día despois de sufrir unha derrota diante do Porto na Liga de Campións, a dirección do club decidiu cesalo e substituílo polo vasco Xabi Alonso.[7]

En xuño de 2023 foi contratado como novo técnico do Borussia Mönchengladbach.[8]

Palmarés

Como adestrador

Young Boys

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas