Gran Salto Adiante

O gran salto adiante (en chinés simplificado:大跃进, en chinés tradicional:大躍進, en pinyin: Dà yuè jìn) foi unha campaña de medidas económicas, sociais e políticas implantadas na República Popular da China entre 1958 e 1961, durante a presidencia de Mao Tse Tung, co obxectivo de transformar a tradicional economía chinesa a través dunha rápida industrialización e colectivización. O gran salto adiante foi xunto co movemento da Comuna Popular.[1]

Comedor comunitario nunha comuna popular creada durante o gran salto adiante

Os principais cambios do réxime rural incluíron a creación das comunas populares, a prohibición da agricultura privada, o impulso dos proxectos intensivos en man de obra e a política chamada camiñando con dúas pernas, que combinaba a pequenas e medianas iniciativas industriais cos grandes emprendementos, afastándose así do modelo soviético.[2]

O punto de vista predominante en occidente (Jasper Becker, Roderick MacFarquhar, Ansley Coale, John Aird, Judith Banister) e no Partido Comunista da China a partir da toma do poder por Deng Xiaoping, sostén que o gran salto adiante constituíu un fracaso, causado en gran medida por erros políticos liderados por Mao Tse Tung, que causou a morte por inanición de gran cantidade de campesiños, estimada entre 15 e 55 millóns (gran fame chinesa).[3][4][5][6][7][8][9] Unha conferencia importante sobre os erros de política foi a «Conferencia dos 7000 cadros» a principios de 1962.[10][11] Ademais, decenas de presas construídas en Zhumadan, Henan, durante o gran salto adiante, colapsaron en 1975 baixo a influencia do tifón Nina e resultaron nunha das maiores catástrofes provocadas polo ser humano na historia, cun número estimado de mortes entre decenas de miles e 240 mil.[12][13][14]

Outros estudos (Felix Greene, Han Dongping, Joseph Ball) cuestionaron o punto de vista predominante, sostendo que os seus datos non son fiables e teñen un nesgo ideolóxico, ben porque os seus autores manteñen posturas anticomunistas ben porque responden aos intereses da nova orientación política do Partido Comunista da China adoptada dende 1980.[2][15][16][17]

Contexto histórico

Propaganda do Gran Salto Adiante pintada na parede dunha casa rural en Shanghai

Trala conquista do poder en 1949, a participación na guerra de Corea e o éxito do 1º Plano Quinquenal (1953-1957), o líder chinés Mao Tse Tung lanzou o Gran Salto Adiante (1958-1962), un programa de fondas reformas que tiñan como obxectivo acelerar a marcha para o comunismo.

O cronograma orixinal de 1953, que prevía completar a "industrialización" en "dez a quince anos", foi acurtado tres anos. Mao imaxinaba que podería satisfacer a súa ambición nun "big bang", declarando que " a nosa nación é como un átomo". Chamou o proceso o Gran Salto Adiante e lanzouno en maio de 1958.[18]

Plano agrario

Mao Tse Tung concluíu que os sectores da industria e da agricultura deberían modernizarse e desenvolverse. Con ese obxectivo, a China foi dividida nunha serie de comunas, propiedades que acollían preto de 5000 familias, concentradas no cumprimento das metas. Aos moradores dábanlles ferramentas e en troques esixíase o cumprimento de metas. O obxectivo era que a China superase o desenvolvemento do Reino Unido neses tres anos.[19]

Centenas de millares de persoas deslocáronse de onde a produción era alta para onde baixa, como un medio de dar pulo á produción. Tamén foron deslocalizadas da agricultura á industria. Houbo unha campaña para recoller ferramentas e transformalas en aceiro.

Os campos sputniks

A fin de estimular o éxito do plano, Mao pasou a facer propaganda de áreas que tiveron producións astronómica. As colleitas estratosféricas e as áreas modelo chamáronse sputniks, refletindo a obsexión de Mao co satélite ruso. O 12 de xuño, o Diario do Pobo informou que en Henan, a principal provincia-modelo de Mao, unha "cooperativa sputnik" producira 1,8 toneladas de trigo nun mu (un sexto de acre), máis de dez veces os números reais. Noticias sobre colleitas inmensas enchían a prensa e os "campos sputniks" proliferaron.

En setembro, o Diario do Pobo informou de que "o maior sputnik de arroz" producira máis de setenta toneladas en menos dun quinto de acre, o que era centenas de veces máis do que os números reais. Ese campo sputnik forxouno un ambicioso xefe novo dun condado en Guangxi. No final do ano, o seu condado relatou unha produción de grans que era máis de tres veces a cantidade verdadeira.[20]

A represión

No entanto, na medida que o pobo non conseguiu cumprir as metas dos campos sputniks, Mao iniciou unha campaña de forte represión, acusando os campesiños de boicot e corrupción. Calquera que fose capturado almacenando grans era fusilado. Os campesiños atrapados coa menor contía imaxinable eran encarcerados. As fogueiras foron prohibidas, igual que os funerais por considerarse un mal gasto.

Mao acusou varias veces os cadros campesiños das aldeas de agochar grans. O 27 de febreiro de 1959, dixo ao alto grao: "Todos os equipos de produción agochan alimentos para dividir entre eles. Agochan ata en adegas fondas e secretas e colocan gardas e sentinelas". O día seguinte, afirmou de novo que os campesiños estaban "comendo follas de cenoura durante o día, e arroz á noite". Con iso quería dicir que finxían non teren a comida axeitada mais en realidade tiñan alimentos bos que consumían en segredo.[20]

Plano industrial

Alén da reforma agraria forzada, o Gran Salto Adiante tamén tivo un programa de industrialización forzada. Mao estableceu a meta para 1958 de 10,7 millóns de toneladas, máis do que o duplo da produción de aceiro do ano anterior, que fora de 5,3 millóns de toneladas.[21]

Con este fin, obrigou a poboación xeral a construír "fornos de xardín". Para alimentar eses fornos, a poboación foi coaccionada para que doase practicamente todas as pezas de metal que posuía, mesmo aquelas empregadas en obxectos produtivos e ata esenciais. Ferramentas agrícolas e ata carros foron derretidos, así como utensilios de cociña, asas de ferro das portas e grampos de cabelo femininos. O eslogan do réxime era: "Entregar un pico é destruír un imperialista e agochar un cravo é agochar un contrarrevolucionario". No final do ano, a pesar de que a colleita de 1958 fose levemente maior que a do ano anterior, non houbo aumento na cantidade recollida.[22]

Comunas populares

Co fracaso inicial do Gran Salto, Mao decidiu mudar a orientación e así xurdiron as chamadas "comunas populares". O obxectivo era tornar máis eficiente o traballo forzado. El mesmo dixo que, ao concentrar os campesiños nun número menor de unidades —pouco mais de 26 mil en todo o país—, era "máis fácil controlar".[23]

A primeira comuna, a Chayashan Sputnik, foi montada en Henan, a provincia-modelo. O seu estatuto, que Mao editou e clasificou como "un gran tesouro", establecía que todos os aspectos da vida dos seus membros deberían ser controlados pola comuna. Todas as familias tiñan que "entregar totalmente os seus lotes privados [...] as súas casas, animais e árbores". Deberían durmir en cuartos, "de acordo cos principios de beneficiar a producir e o control"; e o estatuto estipulaba que as súas casas deberían ser "desmanteladas [...] se a comuna precisar de tixolas, tellas ou madeira". A vida de todos os campesiños debería xirar arredor do "traballo". Todos os membros deberían ser tratados como se estivesen no exército, cun sistema de tres niveis de reximentación: comuna, brigada e equipo de produción. As comunas eran, de feito, campos para traballadores escravos. A poboación dunha localidade da provincia de Gansu chamaba estas zonas "campos da morte".[24]

Resultados

A marca principal do Gran Salto Adiante foi a fame en masa. Estimacións describen que 45 millóns de chineses morreron de fame.[25] Xa en 1960, a taxa de mortalidade pasou de 15% ao 68%, e a taxa de natalidade diminuíu. 2,5 millóns morreron polo goberno durante a represión.[26]

O fracaso cuestionou a autoridade de Mao. Como reacción xurdiu a Revolución Cultural.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Ashton, Hill, Piazza, e Zeitz (1984). Famine in China, 1958–61. Population and Development Review, Volume 10, Number 4 (Dec., 1984), pp. 613–645
  • Bachman, David (1991). Bureaucracy, Economy, and Leadership in China: The Institutional Origins of the Great Leap Forward. Nova York: Cambridge University Press
  • [Bao] Sansan e Bette Bao Lord (1964). Eighth Moon: The True Story of a Young Girl's Life in Communist China, Nova York: Harper & Row
  • Chen, Lingchei Letty (2020). "The Great Leap Backward: Forgetting and Representing the Mao Years". Nova York: Cambria Press. Scholarly studies on memory writings and documentaries of the Mao years, victimhood narratives, perpetrator studies, ethics of bearing witness to atrocities
  • Courtois, Stephane, Andzej Paczkowski e Nicholas Werth (1999). The Black Book of Communism. Cambridge, MA: Harvard University Press. pp. 463-546. ISBN 978-0-674-07608-2
  • Becker, Jasper (1998). Hungry Ghosts: Mao's Secret Famine. Holt Paperbacks. ISBN 0-8050-5668-8
  • Jung Chang e Jon Halliday. (2005) Mao: The Unknown Story, Knopf. ISBN 0-679-42271-4
  • Dikötter, Frank (2010). Mao's Great Famine: The History of China's Most Devastating Catastrophe, 1958–62. Walker. ISBN 978-0-8027-7768-3. 
  • Gao. Mobo (2007). Gao Village: Rural life in modern China. University of Hawaii Press. ISBN 978-0-8248-3192-9
  • Gao. Mobo (2008). The Battle for China's Past. Pluto Press. ISBN 978-0-7453-2780-8
  • Kim, Seonghoon, Belton Fleisher, e Jessica Ya Sun. "The Long‐term Health Effects of Fetal Malnutrition: Evidence from the 1959–1961 China Great Leap Forward Famine." Health economics 26.10 (2017): 1264–1277. nline
  • Li. Minqi (2009). The Rise of China and the Demise of the Capitalist World Economy. Monthly Review Press. ISBN 978-1-58367-182-5
  • Li, Wei; Tao Yang, Dennis (2005). "The Great Leap Forward: Anatomy of a Central Planning Disaster" (PDF). Journal of Political Economy 113 (4): 840–877. doi:10.1086/430804. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2020-02-28. 
  • Li, Zhisui (1996). The Private Life of Chairman Mao. Arrow Books Ltd.
  • MacFarquhar, Roderick (1983). Origins of the Cultural Revolution: Vol 2. Oxford: Oxford University Press
  • Peng, Xizhe. "Demographic consequences of the Great Leap Forward in China’s Provinces." Population and development review 13.4 (1987): 639–670. online
  • Shen, Zhihua, e Yafeng Xia. "The great leap forward, the people's commune and the Sino-Soviet split." Journal of contemporary China 20.72 (2011): 861–880.
  • Smith, S.A. (2015). "Redemptive Religious Societies and the Communist State, 1949 to the 1980s". En Jeremy Brown; Matthew D. Johnson. Maoism at the Grassroots: Everyday Life in China's Era of High Socialism. Cambridge, Massachusetts: Harvard University Press. pp. 340–364. ISBN 978-0674287204. 
  • Short, Philip (2001). Mao: A Life. Owl Books. ISBN 0-8050-6638-1
  • Tao Yang, Dennis. (2008) "China's Agricultural Crisis and Famine of 1959–1961: A Survey and Comparison to Soviet Famines." Palgrave MacMillan, Comparative Economic Studies 50, pp. 1–29.
  • Thaxton. Ralph A. Jr (2008). Catastrophe and Contention in Rural China: Mao's Great Leap Forward Famine and the Origins of Righteous Resistance in Da Fo Village. Cambridge University Press. ISBN 0-521-72230-6
  • Wertheim, Wim F (1995). Third World whence and whither? Protective State versus Aggressive Market. Amsterdam: Het Spinhuis. 211 pp. ISBN 90-5589-082-0
  • E. L Wheelwright, Bruce McFarlane, e Joan Robinson (Foreword), The Chinese Road to Socialism: Economics of the Cultural Revolution
  • Yang, Dali (1996). Calamity and Reform in China: State, Rural Society, and Institutional Change since the Great Leap Famine. Stanford University Press
  • Yang, Jisheng (2008). Tombstone (Mu Bei – Zhong Guo Liu Shi Nian Dai Da Ji Huang Ji Shi). Cosmos Books (Tian Di Tu Shu), Hong Kong
  • Yang, Jisheng (2010). "The Fatal Politics of the PRC's Great Leap Famine: The Preface to Tombstone". Journal of Contemporary China 19 (66): 755–776. doi:10.1080/10670564.2010.485408. 

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: