Herba limoeira
Herba limoeira | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
|
A herba limoeira[1] (Cymbopogon citratus), é unha especie de herba pertencente á familia das poáceas, con aroma a limón, de talo moi ramificado e follas lineares agrupadas na base, da que se utilizan as raíces e as follas como condimento e en infusión. Desta planta tírase a esencia ou aceite chamado de citronela.
Descrición
É unha planta herbácea, perenne, aromática e robusta que se propaga por esgallos e pertence á familia das gramíneas. As flores reúnense en espículas de 30–60 cm de lonxitude formando acios. As follas son moi recendentes e alongadas como listóns, ásperas, de cor verde clara que abrollan dende o chan formando matas mestas. As flores están agrupadas en espigas e vense dobradas como as follas.
Distribución e hábitat
É natural da India, Ceilán e Malaisia. Na actualidade cultívase como planta medicinal en zonas tropicais e subtropicais, incluíndo as Illas Canarias.
A herba limoeira medra en climas temperados e cálidos. Require para o seu crecemento a presenza de luz. Resiste as severidades do inverno, xa que atura choivas, mais non en exceso. Non atura as brétemas ou neboeiros.
Cultivo
Cómpre arranxar o solo 40 días antes da plantación, xa que este debe estar en condicións óptimas para o bo crecemento da planta; cómpre polo tanto afondar na terra até 30 centímetros para facilitar o crecemento da raizame. Limpar toda a maleza. Despois de plantar facer regas periódicas e fertilizar con materia orgánica (esterco) e xofre.
Usos
Úsase na cociña asiática, especialmente na tailandesa ou taí.
Científicos da Universidade de Quioto, no Xapón, concluíron que o aceite esencial de Cymbopogon citratus demostrou plenamente a súa efectividade contra a bacteria Helicobacter pylori, sen que dita bacteria presentase resistencia ao tratamento con este aceite esencial.[2]
O aceite esencial úsase moito como repelente de insectos, especialmente mosquitos (atopamos a esencia en candeas, por exemplo). Malia este efecto, é pola contra, atraente das abellas, polo que se utiliza para recuperar enxames.
Ten efecto conservante sobre algúns alimentos.
Propiedades
Da herba limoeira obtense o óleo esencial denominado citronela. A cantidade de aceite esencial da planta varía de mes en mes ao longo do ano, sendo os meses de xuño, xullo e agosto cando máis óleo produce por mor da calor.
- É carminativo, dixestivo e para o tratamento de flatulencia.
- En infusión utilízase como tónico aromático e febrífugo.
Os compoñentes activos principais do seu extracto, xeraniol e citronelol, son antisépticos e conférenlle propiedades funxistáticas e incluso bactericidas.
Taxonomía
Cymbopogon citratus foi descrita por (DC.) Stapf e publicado en Bulletin of Miscellaneous Information Kew 1906: 322, 357. 1906.[3]
Cymbopogon: nome xenérico que deriva do grego kumbe = (barco) e pogon = (barba), refiríndose ás moitas arestas e espatas que lembran aos barcos.[4]
citratus: epíteto latino que significa "con recendo de limón".[5]
- Andropogon cerifer Hack.
- Andropogon citratus DC.
- Andropogon citratus DC. ex Nees
- Andropogon citriodorum hort. ex Desf.
- Andropogon nardus subsp. ceriferus (Hack.) Hack.
- Andropogon roxburghii Nees ex Steud.
- Andropogon schoenanthus L.
- Cymbopogon nardus (L.) Rendle
- Cymbopogon nardus subvar. citratus (DC.) Roberty[3][6][7]
Nome común
En galego coñécese como herba limoeira. En castelán hierba limón ou limoncillo; en inglés lemongrass; en portugués recibe o nome de erva-príncipe (en Portugal) e capim-limão (no Brasil); en francés chámaselle citronnell, de aí vén o nome galego da esencia ou aceite tirado da planta: a citronela.