Historia animalium (Gessner)

A obra en cinco volmes Historia animalium ("Historia dos animais"), publicada en Zürich en 1551–58 e 1587, é un "inventario da zooloxía do Renacemento" enciclopédico escrito en latín por Conrad Gessner (1516–1565). Gessner foi médico e profesor no Carolinum de Zürich, a institución precursora da Universidade de Zürich. A Historia animalium é o primeiro traballo zoolóxico moderno que intentou describir todos os animais coñecidos, e a primeira bibliografía de escritos de historia natural. Os cinco volumes (o último póstumo) da historia natural dos animais abranguen máis de 4500 páxinas.[1]

Tigre e leopardo, Libro 1: Cuadrúpedes vivíparos

Introdución

Unicornio
Cans de caza, Libro 1

A Historia animalium foi a obra mestra de Gessner, e foi a máis lida de todas as historias naturais do Renacemento. A obra xenerosamente ilustrada foi tan popular que se publicou en Zürich en 1563 unha abreviación en alemán do propio Gessner titulada Thierbuch ("Libro dos animais"), e en Inglaterra Edward Topsell traduciuno e condensouno co título Historie of foure-footed beastes ("Historia das bestas de catro patas", Londres: William Jaggard, 1607).[1] A obra monumental de Gessner pretende construír unha conexión entre o coñecemento antigo do mundo animal (o seu título é o mesmo que o da famosa obra de Aristóteles sobre os animais: ver Historia dos animais), e do que se coñecía sobre animais daquela. Despois engadiu as súas propias observacións e as dos seus informadores, nun intento de formular unha descrición completa da historia natural dos animais.[2]

A Historia animalium de Gessner está baseada en fontes clásicas. Está compilada a partir de textos antigos e medievais, incluíndo o coñecemento herdado dos antigos naturalistas como Aristóteles, Plinio o Vello,[1] e Aeliano.[2] Gessner foi coñecido como "o Plinio suízo."[3] Para obter información baseouse en gran medida no libro Physiologus.[3]

Nos seus grandes traballos Gessner trataba de distinguir os feitos dos mitos e ideas equivocadas populares,[4] e así o seu traballo enciclopédico incluía tanto criaturas extintas coma animais recentemente descubertos das Indias Orientais, do norte distante e de animais traídos do Novo Mundo. A obra incluía extensa información sobre mamíferos, aves, peixes e réptiles. Describiu en detalle os seus hábitos diarios e movementos. Tamén incluíu os seus usos en medicina e nutrición.[1]

Historia animalium mostraba o lugar dos animais na historia, literatura e arte. As seccións de cada capítulo detallaban o animal e os seus atributos, na tradición dos libros de emblemas. A obra de Gessner incluía algúns feitos en diferentes linguas, como os nomes dos animais.[5]

Contido

  • Volume 1: Animais de catro patas que paren as crías (cuadrúpedes vivíparos) (1551). O título deste primeiro volume é Historiae animalium Liber Primus. De Quadrupedibus viulparis[6], é dicir, "Libro primeiro de Historia dos animais. Cuadrúpedes vivíparos.", onde aparece a forma en xenitivo Historiae (de Historia). O título xeral do conxunto da obra é, non obstante, Historia animalium (nominativo), que, por tanto, foi o usado como título deste artigo.
  • Volume 2: Cuadrúpedes que poñen ovos (ovíparos) (réptiles e anfibios) (1554).
  • Volume 3: Aves (1555).
  • Volume 4: Peixes e animais acuáticos (1558).
  • Volume 5: Serpes e escorpións (incompleto, publicado postumamente en 1587).[7]

Ilustracións

Copia de Gessner do Rinoceronte de Dürer

As ilustracións de gravados en madeira coloreadas foron o primeiro intento real de representar animais no seu ambiente natural. É o primeiro libro que ilustra fósiles.[5][8]

Gessner agradece a obra dun dos seus principais ilustradores, Lucas Schan,[9] un artista de Estrasburgo. Probablemente usou outros ilustradores e tamén debuxou el mesmo;[3] porén, o libro é famoso por copiar ilustracións doutras fontes, incluíndo o rinoceronte de Dürer a partir dun gravado en madeira ben coñecido.[2] A historia natural de Gessner foi pouco común para os lectores do século XVII en canto ás ilustracións que se proporcionaban.[3]

Censura

No tempo en que saíu do prelo a Historia animalium había en Europa unha tensión relixiosa extrema. Baixo o papado de Paulo IV considerábase que as convicións relixiosas dun autor contaminaban todos os seus escritos,[10] e como Gessner era protestante, o libro foi engadido pola Igrexa católica ao Índice de libros prohibidos.[3]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas