Jórvik

antigo estado de Europa

O reino viquingo de York ou Jórvík foi un antigo estado de Europa que existiu no período desde o 866 até o 954[1][2]. Os viquingos orixinarios de Dinamarca estableceron un potente estado na illa de Gran Bretaña con capital en York, que nun principio se chamou Jórvik. A rexión ao redor desta cidade coñeceuse como Danelaw, termo que se aplicou tamén á xurisdición detentada polos daneses durante a segunda metade do século X[3].

O reino viquingo de Jórvik, en Northumbria.

Territorio tamén coñecido como a York Escandinava, termo usado polos historiadores para identificar ao reino de Northumbria a finais do século IX e primeira metade do século X, durante a dominación escandinava, en particular baixo o reinado dos reis viquingos.

Etimoloxía

O nome Jórvík é unha escandinavización de Eoforwic, que é o nome en inglés antigo da capital de Northumbria coñecida como York no século X. O prefixo jór- en nórdico antigo procede da palabra jofurr que ten o mesmo significado do inglés antigo, eofor (xabaril ou caudillo)[4]. O sufijo wic procede do protoindoeuropeo e significa campamento ou asentamento (en latín: vicus), substituído polo nórdico antigo vík (porto ou baía). O sentido da palabra, por tanto, para os escandinavos sería: «porto do caudillo ou dos caudillos».

Xeografía

O territorio do reino viquingo comprendía gran parte do norte de Inglaterra, con fronteiras sempre en constante cambio debido ás guerras con Wessex. Jórvik estaba moi vinculada a outro territorio viquingo en Irlanda, o reino de Dublín durante ese período.

Historia

York foi fundada polos romanos como fortaleza e bautizada Eboracum, máis tarde ocupada e reavivada polos anglosaxóns como o emporio comercial de Eoforwic. A primeira incursión viquinga coñecida foi en novembro de 866 e liderada por Ivar o Desosado, un dos fillos do lendario Ragnar Lodbrok e un dos caudillos que encabezaron a conquista de Inglaterra co grande exército pagán polos cronistas anglosaxóns, que desde Anglia Oriental marchou cara ao norte, apoiado por cabalos que obtiveron durante a retirada do rei Edmundo Mártir durante a guerra civil entre aspirantes polo trono do reino anglo de Northumbria e os territorios de Bernicia e Deira. Tras unha tregua, os anglosaxóns uniron as súas forzas pero foron incapaces de reconquistar York en marzo de 867 e tras a derrota Deira someteuse ao control danés obrigando á corte de Northumbria a escapar e atopar refuxio en Bernicia. Non obstante unha arremetida viquinga contra Mercia fracasou e todos os esforzos contra Wessex non cultivaron os froitos esperados pola forte oposición do rei Aethelred I e o novo príncipe Alfredo. Parece que o arcebispo de York colaborou cos viquingos, polo que foi expulsado temporalmente cando os northumbrianos recuperaron a cidade en 872; máis tarde recuperou a súa praza que mantivo até a súa morte. O rei viquingo Guthred foi enterrado na catedral de York, un indicativo que o arcebispo e o monarca viquingo chegou a un acordo como suxire o historiador Richard Hall[5].

Moeda viquinga de York durante o reinado de Erik Machada Sanguenta (952-954).

Todas as moedas viquingas parece que se cuñaron en York, un sinal da excelente situación económica como imán comercial de Northumbria na época. A importancia de York fíxose patente cando o caudillo Guthrum dirixiu a súa atención a Anglia Oriental mentres Halfdan Ragnarsson tomou o poder no ano 875[6]

Os gobernantes daneses procedentes de Xutlandia, reino de Gorm o Vello, establecéronse no reino de Anglia Oriental. Os cinco burgos de Danelaw seguían as mesmas bases do reino de Lindsey e os límites usábanse como un tipo de fronteiras entre cada reino. Canuto o Grande máis tarde «reinstituíu» unha dinastía norueguesa de jarls en Northumbria, con Eiríkr Hákonarson, mentres mantivo outra dinastía danesa en Anglia Oriental con Thorkell o Alto. Todo o norte de Inglaterra seguiría sendo unha fonte de intrigas de palacio para os noruegueses até a morte de Harald III de Noruega na batalla de Stamford Bridge en 1066 previa á batalla de Hastings e a conquista normanda de Inglaterra.

O lugar de Konungsgurtha (en nórdico antigo significa a Corte do Rei), atópase rexistrada a finais do século XIV como área inmediatamente exterior da porta principalis sinistra, a porta occidental do acantonamento romano que aínda se mantén no día de hoxe en King's Square, Ainsty, Yorkshire. Quizais indicaba unha residencia real viquinga sobre os restos da fortaleza romana[7].

O reino viquingo foi absorbido por Inglaterra en 954 tras a derrota de Eric I de Noruega na batalla de Stainmore. Tras a anexión de Jórvik a Northumbria, baixo o goberno do conde de Wessex, o título de rei de Jórvik soaba redundante e foi substituído por "conde de York", en 960. A perda de independencia política de Jórvik non significou unha alteración da situación económica e o éxito comercial obtido: cara ao ano 1000, o crecemento urbano foi espectacular, superado só por Londres. Aínda que algúns dos condes de York foron nórdicos como os reis de Jórvik, foron sucedidos por normandos tras a conquista. Guillerme I o Conquistador acabou cos últimos vestixios de independencia na rexión e estableceu guarnicións militares na cidade. O condado de York foi abolido por Henrique II de Inglaterra.

Gobernantes de Jórvik

ReiReinadoDetalles
Ecgberht I de Northumbria867 - 872Rei monicreque dos viquingos
Ricsige de Northumbria872 - 876Derrocado polos viquingos
Ecgberht II de Northumbria876 - 878
Guthred878 - 895Viquingo
Jarl Sichfrith895 - 899Viquingo[8]
Knútr899 - 900Viquingo (Jarl Sichfrith e Canuto puideron rexentar xuntos parte ou todo o período entre 895 e 900)
Æthelwold de Wessex900 - 902
Eowils e Halfdan902 - 910Posible diarquía viquinga.[9] É probable que Ingwær, un irmán de Æthelwold de Wessex, gobernase unha parte do reino.
Eadwulf II de Northumbriam. 913[10][11]
Ealdred de Northumbria913- 918Só reinou sobre unha pequena parte do territorio, a maior parte estaba baixo dominio viquingo
Ragnall ua Ímair914 - 921Viquingo hiberno-nórdico que dominou gran parte de Northumbria antes de ser rei de Jórvik en 918
Sitric Cáech921 - 927Viquingo hiberno-nórdico, tamén monarca do reino de Dublín
Athelstan927 - 939
Olaf III Guthfrithson939 - 941Viquingo hiberno-nórdico, tamén monarca do reino de Dublín
Amlaíb Cuarán941 - 944Viquingo hiberno-nórdico, tamén monarca do reino de Dublín
Ragnall mac Gofrith943 - 944Viquingo hiberno-nórdico que gobernou en diarquía con Amlaíb Cuarán
Edmundo I de Inglaterra944 - 946
Eirík Machada Sanguenta947 - 948Rei viquingo noruegués. Véxase tamén Eirík de Jórvik
Amlaíb Cuarán949 - 952(restaurado)
Eirík Machada Sanguenta952 - 954(restaurado)
Edred954 -

Secuelas

Entre 1070 e 1085 houbo intentos ocasionais de recuperar Jórvik polas forzas viquingas danesas, pero ningunha desas tentativas tivo éxito para materializarse nun renacemento do Reino viquingo de York[12].

O título Duque de York, título nobiliario de Gran Bretaña, foi creado en 1341 pero uniuse á coroa cando o cuarto duque se converteu en Eduardo IV de Inglaterra. En consecuencia, o título de Duque de York, concedeuse ao segundo fillo do monarca.

Véxase tamén

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • D. M. Palliser (2014), Medieval York: 600-1540, OUP Oxford, ISBN 0191667579

Ligazóns externas