Lingua córnica

lingua celta de Cornualles

A lingua córnica[5][6] (en córnico: Kernewek ou Kernowek)[7] é unha lingua que pertence ao grupo das linguas britónicas dentro das linguas celtas (o britónico tamén inclúe o galés, bretón, o extinguido cúmbrico e quizais o ivérnico). O gaélico escocés, irlandés e manx pertencen ao grupo Goidélico. O córnico comparte o 80% do seu vocabulario básico co bretón. O córnico empregouse como lingua falada ata finais do século XVIII sendo a súa derradeira falante nativa Dolly Pentreath, e foi revivida outra vez no século XX. No 2006 estimouse que había 3.500 falantes de córnico nun nivel básico, e aproximadamente uns 500 que o falan de maneira fluída.

Córnico
Kernewek
Pronuncia:[kəɾˈnuːək]
Falado en:Reino Unido (Cornualla)
Rexións: Europa
Total de falantes:300-400 (2015)[1][2]
Segunda lingua: 325–625 (est.)[3]
Familia:Indoeuropea
 Linguas célticas
  Linguas britónicas
   Córnico
Estatuto oficial
Lingua oficial de: Non é lingua oficial pero está recoñecida como lingua minoritaria no Reino Unido
Regulado por: Cornish Language Partnership
Códigos de lingua
ISO 639-1:kw
ISO 639-2:cor
ISO 639-3: cor
SIL: CRN
Mapa

Retroceso da lingua córnica ao longo do tempo.

Porcentaxe de falantes do córnico en Cornualla segundo datos do 2011.
Status

O córnico está clasificado como en perigo crítico polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[4]
Unha falante de lingua córnica.

Clasificación

O córnico é unha lingua britónica, un grupo das linguas insulares da familia lingüística céltica. As linguas britónicas tamén inclúen ao galés, ao bretón e ao cúmbrico.

Historia

Texto en córnico.

O córnico apareceu cara ao 600 d. C. como resultado do desenvolvemento independente do dialecto suroccidental britónico tardío. Tradicionalmente divídese a historia do córnico en catro fases:

  • Córnico primitivo (600 - 800); non hai rexistros escritos.
  • Córnico antigo (800 - 1200); Vocabularium Cornicum.
  • Córnico medio (1200 - 1575); a maior parte da literatura tradicional córnica provén da segunda metade deste período.
  • Córnico tardío (1575 - 1800), tamén chamado córnico moderno, por analoxía co inglés moderno, francés moderno etc.

Desapareceu como idioma de uso habitual no século XVIII, substituído progresivamente pola lingua inglesa, e crese que Dolly Pentreath, finada en 1777, foi a última falante nativa monolingüe, se ben houbo falantes nativos posteriores non monolingües. Se ben ao parecer as súas últimas palabras foron Me ne vidn cewsel sawznek! (Non quero falar inglés!), Dolly coñecía algo deste idioma, polo que se supón que a última falante puramente monolingüe puido ser Chesten Marchant, finada en 1676.

Con todo, durante o século XIX había aínda falantes. Matthias Wallis, de St Buryan, certificou en 1859 que a súa avoa, Ann Wallis, finada en 1844, falaba córnico, afirmando tamén que Jane Barnicoate, finada cara a 1857, era tamén falante da lingua.[8] En 1875 había canto menos seis falantes de córnico.[9] O labrego John Davey, finado en 1891 en Boswednack (Zennor), puido ser a última persoa con coñecementos tradicionais de córnico antes da resurrección da lingua a comezos do século XX.[10] É posible que algúns elementos da linguaxe sobrevivisen máis alá do uso da lingua completa.[11]

Existen evidencias de que durante o século XIX e comezos do XX o córnico sobreviviu como lingua de ámbito doméstico no seo dalgunhas familias.[12][13][14][15]

A pesar de desaparecer como lingua común a partir do século XVIII, desde o primeiro cuarto do século XX houbo intentos de recuperación, o que se conseguiu de forma notable. O rexurdimento iniciouse en 1904, cando Henry Jenner publicou Handbook of the Cornish Language. Durante os seguintes sesenta anos recuperouse o uso escrito e, nun ámbito moi reducido,o uso oral, debido sobre todo á falta de comunicación e á dificultade dos falantes para reunirse. Non obstante, a mellora dos medios de comunicación e de transporte ao longo do século XX facilitaron a comunicación entre falantes: hai casos de pais e nais que comezaron a falar en córnico cos seus fillos e fillas, o que creou falantes nativos despois de moito tempo.

En 1933 celebrouse a primeira misa en córnico; durante os seguintes corenta anos houbo unha media de tres cada ano. En 1997 o bispo de Truro Bill Ind comezou a aprender o idioma e pasou a formar parte do comité para coordinar a tradución da Biblia.

No século XXI a lingua estúdase en diversas escolas, institutos e universidades. En 2010 inaugurouse a primeira escola na que o córnico é a lingua principal de ensinanza.[16] Existen diversas asociacións de protección da lingua, como Kesva an Taves Kernewek, e existe un programa de radio semanal bilingüe de quince minutos en Radio Cornwall. Un estudo realizado por Kenneth MacKinnon en 2000 estimaba en 300 o número de falantes.[17][18] En 2006 estimouse que unhas 500 persoas o dominan con fluidez, e unhas 3500 posúen certos coñecementos, ou poden entendelo cun nivel básico, pero non o falan decote. O Cornish Language Strategy project estimou en 2008 cara a 2000 o número de persoas capaces de falalo de forma fluída.[19]

Gramática

O vocabulario procede, nun 80 %, do céltico, se ben recibidiu notable influencia doutras linguas ao longo dos séculos, como o inglés ou o latín, da cal proceden termos como eglos, 'ecclesia' (igrexa), eur 'hora' (hora), korf 'corpus' (corpo), Krist 'Christus' (Cristo), spyrys 'spiritus' (espírito) ou termyn 'terminus' (termo).

Hai dous xéneros gramaticais, masculino e feminino, e certas terminacións que se corresponden co xénero: por exemplo, os abstractos en -yeth, os nomes de lugar en -va/-ek e os nomes formados engadindo -en a un plural colectivo son femininos; os nomes abstractos en -ans, -der/-ter, os nomes de lugar en -jy/-ty e todos os nomes verbais son masculinos.

Existen doce marcadores de plural, como lu 'exército', (luyow); bron 'outeiro' (bronyon); pren 'árbore', (prenyer). Algúns plurais fórmanse por flexión interna, como dans/dyns ('dente'). Non existe sistema de declinación: as relacións sintácticas indícanse mediante preposicións ou aposición.

A numeración do 1 ao 10 é: 1 onen/un; 2, deu; 3, try; 4, peswar; 5, pymp; 6, whegh; 7, seyth; 8, eth; 9, naw; 10,dek; 11, unnek; 12, deudhek; 20, ugans, 30, dek warn ugans; 40, deugans; 60, try ugans; 100, cans. Os números deu, try e peswar teñen formas femininas: dyw, tyr e peder.

Os verbos teñen tres modos: indicativo, imperativo e subxuntivo. O indicativo consta de presente/futuro, pretérito, copretérito e antepretérito; o subxuntivo, de presente/futuro e copretérito.

Os pronomes persoais son: my (eu), ty (ti), ef (el), hy (ela), ny (nós), why (vós) e y (eles/elas).

O pronome relativo é, en singular, hemma/homma 'isto'; en plural, an rema; en singular, henna/honna 'iso'; en plural, an rena. O interrogativo é pyu 'quen?'; 'que?' exprésase de varias formas coa base py, como py lever 'que libro?'.

A tipoloxía lingüística da orde da frase é SVO (suxeito, verbo, obxecto) en cláusulas nominais; VSO (verbo, suxeito e obxecto) en cláusulas verbais, e obrigado en cláusulas subordinadas; tamén é posible a orde de OSV (complemento, suxeito e verbo) para salientar.

Escritura

Durante moito tempo non houbo unha estandarización do córnico escrito, polo que se escribía de diferentes xeitos. Por exemplo, seguindo a tradición ortográfica do inglés (o uso de "oo" para representar o son do "u") ou ben usando sistemas de escritura usados por celtistas. Non obstante, en 1929 Robert Morton Nance normalizou a escrita co sistema Kernewek Unnyes (córnico unificado), baseado no córnico dos escritos medievais. Moita xente, especialmente do campo da lingüística, pensou que non se podía revivir un idioma moderno a partir de como se falaba catrocentos anos atrás.

Co descubrimento das Homilías de Tregear e a obra teatral "A creación do mundo", o coñecemento do córnico aumentou e xurdiu outro sistema de escritura, o Carnoack, baseado nos últimos escritos encontrados e que se desenvolveu a principios da década de 1980. Nesa época o doutor Ken George comezou a estudar o idioma a partir de criterios fonolóxicos: pasou un ano na Bretaña e creou o que en principio sería un sistema para unir o Kernewek Unnyes e o Carnoack, o chamado Kernewek Kemmyn (córnico común). En 1987 a Kesva an Taves Kernewek aceptou as súas propostas e oficializou ese sistema, se ben os dous anteriores continúan a ser usados por certas correntes.

Comparacións lingüísticas

CórnicoGalésBretónGalego
KernewekCernywegKernewveuregCórnico
gwenenengwenynengwenanennabella
kadorcadairkadorcadeira
keuscawskeusqueixo
yn-mesy ffordd allan/maser-maessaída
koedhacwympokouezhañcaer
gavergafrgavrcabra
chiticasa
gweusgwefusgweusbeizo
aberaber, genauaberboca (río)
niverrhif, nifernivernome
perenngellygen, perenperennpera
skolysgolskolescola
megimygumogediñfumar
sterennserensteredennestrela
hedhywheddiwhiziwhoxe
hwibanachwibanuc'hwibanadasubiar

Frases comúns

CórnicoIPAGalego
Myttin da'mitten dah'"bos días"
Dydh da'dith dah'"bo día"
Fatla genes?'fat lah genez'"que tal?"
Yn poynt da, meur ras'in point dah, murr raz'"ben , grazas"
Py eur yw hi?'pee urr you hee'"Que hora é?"
Ple'ma Rysrudh, mar pleg?'play mah rizrooth, marr plek'"Por favor, onde está Redruth?"
Yma Rysrudh ogas dhe Gambron, heb mar!'ima rizrooth ogas the Gambron hep marr'"Claro!, Redruth atópase preto de Camborne"

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

🔥 Top keywords: