Martin Jennings

escultor e deseñador de moeda inglés

Martin Jennings, nado en Chichester, Sussex Occidental, o 31 de xullo de 1957, é un escultor inglés de tradición figurativa, coñecido polas súas esculturas en bronce e pedra e, especialmente, por ser o autor do primeiro retrato de Carlos III na moeda do Reino Unido e doutros territorios da Commonwealth.

Infotaula de personaMartin Jennings
Biografía
Nacemento31 de xullo de 1957 Editar o valor em Wikidata (66 anos)
Chichester, Reino Unido (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
EducaciónAmpleforth College (pt) Traducir
St Benet's Hall (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescultor Editar o valor em Wikidata

Páxina webmartinjennings.com Editar o valor em Wikidata

Traxectoria

Primeiros anos e formación

Jennings, nado en 1957 en Sussex Occidental,[1] cursou estudos superiores de Literatura e Lingua Inglesa entre 1976 e 1979 na Universidade de Oxford, e seguidamente acudiu a un curso de caligrafía artística en City & Guilds, entre 1979 e 1980.[2] De 1980 a 1983 formouse en tipografía arquitectónica, como aprendiz do deseñador tipográfico Richard Kindersley.[3]

Posteriormente, achegouse á escultura na década de 1980, a través dun curso na Escola de Arte Sir John Cass, de Whitechapel.[1]

Carreira artística

Entre os protagonistas das esculturas figurativas de Jennings figuran figuras destacadas do mundo da política, o exército, a realeza, o mundo académico, a literatura, a industria, a medicina e o dereito,[4] e as súas obras incorporan con frecuencia inscricións talladas.[1]

Ronnie Barker (2010), no Teatro de Waterside.[5]

Algunhas das obras máis salientables de Jennings son a estatua de John Betjeman na estación de tren de St Pancras, en Londres, que se inaugurou en 2007,[6][7][8] e a estatua de Philip Larkin na estación Hull Paragon Interchange, presentada en 2010.[9]

Tamén en 2010, finalizaron as obras dun novo gran teatro na cidade de Aylesbury, para cuxa zona exterior o Consello do Distrito de Aylesbury Vale lle encargou a Jennings unha escultura do actor e cómico Ronnie Barker.[5]

Jennings creou un monumento de bronce en conmemoración do pioneiro da cirurxía plástica Archibald McIndoe, que se inaugurou en xuño de 2014 en High Street, East Grinstead. O propio pai de Jennings, Michael Jennings, un comandante de carro de combate que resultou gravemente ferido preto de Eindhoven en 1944, foi tratado das súas queimaduras polo equipo de McIndoe durante a guerra. O monumento amosa a McIndoe en pé detrás dun aviador sentado e apoiando as súas mans sobre os ombreiros deste. Ambas as figuras están rodeadas por un banco de pedra.[10][11]

No mesmo 2014, Jennings completou unha estatua de bronce de Charles Dickens, que se inaugurou en Guildhall Square, Portsmouth, a cidade natal do autor.[12][13]

Charles Dickens (2014), en Guildhall Square, Portsmouth.[14]

En xuño de 2016 instaláronse dúas destacables estatuas de Jennings. A primeira delas, situada diante da casa consistorial de Sheffield, rende homenaxe ás mulleres que traballaron na industria armamentística durante a segunda guerra mundial.[15] Por esta obra, titulada Women on Steel ("Mulleres de aceiro"), Jennings recibiu o premio Marsh 2017 á excelencia na escultura pública, outorgado pola Asociación de Escultura e Monumentos Públicos.[1][2][16]

A segunda destas estatuas —unha das súas obras de maior tamaño— dedicouna á enfermeira da guerra de Crimea Mary Seacole,[17] e foi inaugurada diante do hospital St Thomas de Londres,[18] ollando cara ao Támese e cara ás Casas do Parlamento. Tanto esta estatua como a das mulleres de aceiro inauguráronse nun momento en que se discutía publicamente a escaseza de monumentos dedicados a mulleres en todo o Reino Unido.[1]

En novembro de 2017 inaugurouse a estatua que Jennigs creou en homenaxe a George Orwell, situada fronte á Broadcasting House, a sede da BBC, en Londres.[19][20][21][21] Este traballo fíxoo merecedor por segunda vez do premio Marsh,[1][2][16], e ao mesmo tempo do premio Sir Hugh Casson", concedido pola publicación Private Eye polo "edificio novo máis feo de 2017".[22]

Martin Jennings recibiu encargas, entre outras institucións, da Galería Nacional de Retratos, da catedral de San Paulo, do palacio de Westminster e da Universidade de Oxford.[1][4]

A colección da Galería Nacional de Retratos posúe un retrato fotográfico de Jennings de 2001, realizado por Norman McBeath.[23]

Martin Jennings é membro da Real Sociedade de Escultores do Reino Unido.[1][2][4]

Primeiro retrato de Carlos III en moedas e selos

O 30 de setembro de 2022, a Royal Mint deu a coñecer o deseño de Jennings para o retrato do rei Carlos III, sen coroa, para o anverso das novas moedas británicas circulantes do seu reinado, desde a dun penique ata as dúas libras,[25] así como as emisións conmemorativas e para investimento cuñadas en metais nobres.[26] A primeira en emitirse co retrato de Jennings foi a de 50 peniques, xa no propio 2002,[27] e o resto da serie circulante completouse a partir de 2023.[2][28]

Este primeiro retrato de Carlos III conta cunha segunda versión, na que o monarca aparece toucado coa coroa dos Tudor, que apareceu exclusivamente na serie de moedas de 2023 conmemorativas da súa coroación, o 6 de maio dese ano.[2][29][30]

Pola súa banda, Royal Mail utiliza unha versión do retrato sen coroa deseñado por Jennings para os selos de correos da serie básica do Reino Unido, que levan a imaxe de Carlos III, e que se puxeron á venda a partir do 4 de abril de 2023.[31]

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Predecesor:
Jody Clark
Moedas da libra esterlina
Autores dos anversos

Desde 2022
Sucesor:
Vixente